Interxeneracionalidade

Texto

O aumento da expectativa de vida supón un logro, mais tamén implica un dos maiores retos do noso século. Un reto que se tornará maior se atendemos ás proxeccións demográficas contempladas recentemente en diferentes estudos cun horizonte de cincuenta anos. Esta situación está suscitando o pulo dun concepto de avellentamento orientado a enfocar a vellez a través das súas potencialidades. Polo tanto, o avellentamento activo atinxe toda a sociedade e propón unha resposta a cuestións como a exclusión social. 

Unha das vías para a promoción do avellentamento activo na escola é a mobilización do contacto entre xeracións xa que os Programas Interxeracionais son medios para potenciar a calidade de vida no plano individual, mais tamén para contribuír coa cohesión social. Trátase de proxectos que dende a súa planificación procuran o encontro entre persoas de distintas idades e promoven as relacións entre elas. Nese cruzamento de relacións e tempos, debúxase un escenario propicio para a reciprocidade e a implicación comunitaria que traemos a este número conscientes da importancia destes elementos no plano educativo. 

Neste monográfico ofrecemos diferentes reflexións e achegas en relación ao significado da interxeracionalidade e as súas implicacións na práctica escolar e social. Para iso, o primeiro dos artigos —a xeito de contextualización— achega una reflexión sobre o sentido da Interxeracionalidade como recurso educativo; posteriormente recóllense diferentes experiencias que estiveron caracterizadas pola presenza da interxeracionalidade e que exemplifican as súas achegas na vida dos suxeitos e para os colectivos que participaron nas mesmas. Estas achegas compleméntanse coa entrevista ao profesor Mariano Sánchez, director da Cátedra Macrosad de Estudos Interxeracionais da Universidade de Granada, que reflexiona sobre a educación dende unha perspectiva interxeracional e analiza os elementos para poñer en práctica un proxecto destas características. O monográfico recolle, igualmente, as valoracións derivadas da realización dalgúns encontros realizados en Galicia que tiveron como principal referencia a interxeracionalidade. 

A sección sobre literatura realiza un pequeno percorrido por obras da literatura infantil e xuvenil galega que presentan unha forte pegada da relación entre avós e avoas con netos/as, e a sección “Outras escolas” recolle unha experiencia Erasmus + sobre o tema realizada en Portugal. Compleméntase o monográfico cunha achega na sección de investigación sobre a radio escolar: unha oportunidade para a interxeracionalidade. 

Finalmente, ofrecemos algunhas referencias bibliográficas que permitirán ás persoas interesadas profundar no sentido e significado da interxeracionalidade no día de hoxe. 

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir