Imaxinando músicas no Conservatorio Profesional de Santiago

Resumo

Imaxinando Músicas é un proxecto de alfabetización audiovisual e de creación de bandas sonoras pioneiro a nivel estatal e cunha metodoloxía baseada no traballo creativo e autónomo do alumnado. Desenvólvese desde 2014 no Conservatorio Profesional de Santiago en colaboración con Aturuxo Films do IES Cacheiras.

Imaxinando Músicas es un proyecto de alfabetización audiovisual y de creación de bandas sonoras pionero a nivel estatal y con una metodología basada en el trabajo creativo y autónomo del alumnado. Se desarrolla desde 2014 en el Conservatorio Profesional de Santiago en colaboración con Aturuxo Films, del IES Cacheiras.

Imaxinando Músicas is a pioneering audiovisual and soundtrack creation project with a methodology based on the students' creative and autonomous work. It has been developed since 2014 at the Conservatory of Santiago in collaboration with Aturuxo Films from IES Cacheiras.

Texto

Creando música para o audiovisual

No Conservatorio Profesional de Santiago desenvolvemos un proxecto para a creación de bandas sonoras para curtametraxes que é pioneiro a nivel estatal e que ten dous eixos principais: a formación en linguaxe audiovisual e a importancia da autonomía e a creatividade como ferramentas de aprendizaxe.

Este proxecto naceu en 2014 froito dun encontro e dunha casualidade. A casualidade que estabamos esperando. O profesor Sergio Clavero estaba botando a andar a marabillosa idea de Aturuxo Films no IES de Cacheiras e precisaba a colaboración do Conservatorio para a gravación dunha serie de fragmentos musicais. Para quen non coñeza, Aturuxo Films é un proxecto de alfabetización audiovisual cunha longa traxectoria de premios e recoñecementos. Recoméndovos unha visita ao blog, onde poderedes coñecer todos os detalles. Sen Sergio Clavero e sen Aturuxo Films nada disto sería posible. A día de hoxe continuamos a colaborar buscando novas aventuras. A experiencia foi un éxito e unha revelación para min. Comecei a interesarme pola filosofía do proxecto e pola posibilidade de adaptar ao conservatorio unha forma de traballar semellante. Así naceu Imaxinando Músicas.

Nas seguintes liñas intentarei explicar os fundamentos. Notarán os lectores e lectoras que certos conceptos teóricos e de filosofía educativa son omitidos deliberadamente e deben ser lidos entre liñas, igual que no cinema os temas máis importantes son tratados metaforicamente. E para afondar no ludus cinéfilo permitinme esconder tres citas de filmes ben coñecidos entre as palabras do artigo. Porque diso estamos a falar, do cinema como ferramenta educativa.

Onde se forman os compositores e compositoras do audiovisual?

No ámbito galego hai dous centros superiores públicos onde se pode estudar composición e ningún deles contempla a posibilidade de especializarse no audiovisual, aínda que no de Vigo a recente creación da especialidade de Produción Musical toca moitos aspectos en común. No ámbito estatal a situación non é moi diferente e as opcións máis demandadas polo alumnado localízanse en dous centros da cidade de Barcelona. Este panorama contrasta coa realidade académica europea, onde hai décadas que estes estudos son unha oferta habitual dos centros universitarios e non universitarios. Teñen os plans de estudos e a relación coas empresas do sector plenamente normalizadas.

Para acceder, un dos requisitos máis demandados é o interese previo e un pequeno portafolio cos traballos realizados. Pero é moi difícil para o alumnado ter esa experiencia previa se no ámbito académico non se proporcionan as ferramentas para solucionar as primeiras dificultades. Velaquí un dos nosos primeiros obxectivos.

O ensino en conservatorios

Hai unha broma bastante estendida no noso ámbito profesional: os conservatorios non se chaman así por casualidade. O carácter conservador nos contidos, na organización das materias e nas estratexias docentes é un tópico que non deixa de perseguirnos. E en moitos aspectos, con razón. Catorce anos para conseguir o título superior e logo comezar a verdadeira especialización, nun camiño cheo de obstáculos e cun panorama laboral moi complicado. É un deseño curricular que pensa nuns perfís concretos, pero deixa un pouco de lado as capacidades daquelas persoas cuns intereses un pouco diverxentes. Mostrar as posibilidades alternativas e dar as ferramentas para poder iniciar ese camiño é para min un obxectivo clave para loitar contra un índice de abandono altísimo. Demostrar que todos somos continxentes, pero que hai camiños que son necesarios.

O traballo no proxecto

O alumnado co que traballamos no Conservatorio Profesional está formado por mozos e mozas de entre 14 e 20 anos, e a maioría compaxinan estes estudos cos de bacharelato ou algún grao universitario. Con algúns contactamos cando os seus titores detectan un interese especial pola composición e traballamos de maneira extracurricular buscando un encaixe como voluntarios nos diferentes proxectos que esteamos a desenvolver en cada curso segundo as súas habilidades. Para o alumnado de sexto curso de Grao Profesional, ofertamos unha materia optativa. Como se matriculan voluntariamente, a maioría teñen interese previo pola composición ou polas ferramentas audiovisuais.

Dedicamos os primeiros meses a unha formación inicial en linguaxe audiovisual e analizamos numerosos exemplos, case sempre secuencias de filmes ben coñecidos. Isto é importante para adestrar o ollo e a capacidade analítica. O obxectivo sempre é xerarquizar a idea principal e as ideas secundarias e observar cales son as formas escollidas para comunicar. Este será sempre o punto de partida antes de comezar a traballar na música. A idea de que a banda sonora ten que estar ao servizo dunha mensaxe para clarificala é un dos primeiros obxectivos deste período de formación. Por iso é moi importante entender cal é a función que ten dentro da narrativa da secuencia, ou o que é o mesmo, coñecer o material co que se forxan os soños.

Para traballar as habilidades na composición sempre comezamos imitando pequenas pezas musicais, preferiblemente ben coñecidas, como o famoso minueto do libro de Anna Magdalena Bach ou a Gimnopédie nº1 de Erik Satie. Imitar é unha ferramenta pedagóxica que ten para min unha grande capacidade: o alumnado percibe como fácil a tarefa de recrear estas pequenas formas musicais, pero require un considerable traballo de análise e síntese que sería moi frustrante se non tivese unha finalidade inmediata. Imitar implica escoller entre aquelas opcións que mellor se adaptan a un estilo e deducir as regras.

Este traballo vaise completar en semanas sucesivas con pequenos exercicios dirixidos a reforzar os recursos para a composición: normalmente curtas dun minuto de duración destinadas a crear unha atmosfera ou carácter concreto. Nestes traballos insisto moito na necesidade de empregar os recursos que xa coñecen, facendo un esforzo por recompilar e sintetizar os contidos xa tratados noutras materias. É unha forma transversal de recapitular uns coñecementos que xa teñen e darlles unha aplicación práctica.

Para organizar as sesións de gravación o alumnado repártese en grupos, nos que cada un ten un papel claro: instrumentista, técnico ou compositora. A preparación previa e a planificación de datas, materiais e espazos é tan importante neste proxecto como o será na súa futura vida profesional. O traballo final de curso está dirixido normalmente a traballar nalgunha das curtas do proxecto Aturuxo Films. O recoñecemento chegounos nos últimos anos en forma de numerosos galardóns e proxeccións en festivais e premios no ámbito académico, pero sobre todo, nas historias persoais e profesionais que botaron a andar e colleron vida propia.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir