III Bienal Internacional para a Nova Educación, Bruxelas 2022
Texto
A necesidade de intercambio e de debate educativo é a que contribuíu á recente creación da plataforma internacional «Converxencia(s) pola Nova Educación», que vén de organizar esta terceira Bienal, tendo presente a complementariedade das diferentes escalas de acción educativa (local, estatal e internacional).
Algo máis de 500 educadoras e educadores démonos alí cita: franceses e belgas como grupos dominantes, pero con presenza doutros procedentes, entre outros países, de Suíza, Italia, España, Grecia, Bulgaria, Romanía, Hungría, Ucraína, Túnez, Alxeria, Marrocos, Togo, República do Congo, Seychelles, Benín, México e Canadá.
Un amplo espazo de encontro arredor da construción da Nova Educación, con perspectivas de educación democrática, inclusiva, contra as discriminacións e en defensa dos dereitos humanos, laica, promotora da paz, de resistencia contra a mercantilización neo-liberal e potenciadora dunha emancipación solidaria.
A Nova Educación, asentada sobre o activismo didáctico, conta cunha longa historia, que podería facer recordar o nome de Pestalozzi, o nacemento das primeiras escolas novas de fins do século XIX e, en particular, a creación da Liga Internacional da Nova Educación, en Calais en 1921. Baixo figuras prestixiosas como as de Ferrière, Montessori, Piaget, Decroly, Dewey, Beatrice Ensor ou Claparède, puxo en marcha os Congresos da Nova Educación celebrados até o comezo da II Guerra Mundial, en distintos lugares do mundo.

Parte deste movemento de ideas e de prácticas educativas foi afirmando, sobre todo desde o Congreso celebrado en Niza en 1932, a relevancia dos procesos de educación compartidos e realizados en común, a loita polos dereitos da infancia e a procura da inclusión de todas as persoas, tendo presente a dimensión política da educación, así como a centralidade das institucións públicas. Esta orientación, onde destacan as figuras de Célestin e de Élise Freinet, de Petersen e de Pierre Bovet, foi a que logo da II Guerra Mundial propiciarían Henri Wallon, Paul Languevin, Gaston Mialaret ou Robert Gloton, mediante impulsos que chegan aos pasados anos 70, acollendo canda así importantes referencias do pensamento psico-pedagóxico e sociolóxico como as de Wigotski, Bruner, Bachelard, Bourdieu ou Leontiev.
No tempo máis recente, este proxecto veu sendo impulsado polas seguintes instancias: o Institut Cooperativ de l´Ecole Moderne (ICEM) – Pédagogie Freinet, creado en 1947, que se ramificará coa creación en 1957 da Federación Internacional de Movementos da Escola Moderna (FIMEM), con seus encontros bienais (as RIDEF), e con presenza nunha trintena de países, desde O Brasil e Mexico até Senegal, Xapón, Italia ou Polonia, con congresos, encontros e publicacións de orde diversa, entre elas as revistas Le Nouvel Educateur e CreAtions; a Federación Internacional de Centros de Formación en Métodos de Educación Activa (FICEMÉA, creada en 1954), impulsada polos CEMÉA como iniciativa de educación popular, democrática e laica nada en 1936 e que está composta por 40 asociacións de África, o Índico, Europa, Sudamérica e as Caraibas, con diversidade de publicacións e actividades, entre elas a revista Vers l´Educaction Nouvelle; o Groupe Français d´Éducation Nouvelle (GFEN) creado en 1929 (con antecedentes desde 1921, arredor de figuras como as de Cousinet e de Profit), co seu lema Tous capables!!(Todas as persoas son capaces de aprender, crecer e emanciparse), como proclama e reivindicación anti-discriminativa das capacidades educativas de todos, que edita a revista Dialogue e que desde 2001 impulsou un proceso de refundación da Liga Internacional para a Nova Educación, o Lien International d’Éducation Nouvelle (LIEN), con presenza en diversos países; os Cercles de Recherche et d´Action Pédagogique (CRAP), creados nos anos cincuenta e que desde aquela impulsan a revista Cahiers Pédagogiques; o Office Central de la Coopération à l’Ecole (OCCE), creado en 1928 e que desde 1948 existe como movemento pedagóxico estendido por toda Francia, sendo editor da revista Animation&Éducation; e por algúns outros Grupos, plataformas e publicacións periódicas, como N´autre école e as Editions Libertalia. Forman parte deste impulso o conxunto dos Movementos de Renovación Pedagóxica existentes no Estado español, o que en Galicia inclúe Nova Escola Galega.
No contexto dos tres días de diálogo da III Bienal, as e os inscritos tivemos ocasión de participar nalgún dos máis de sesenta encontros de formación e nalgún dos 20 debates (distribuídos en bandas horarias, parcialmente coincidentes), que se ofreceron a escolla con antelación a todas as persoas inscritas, mediante un proceso de información sostido cos medios dixitais. Ademais, tiveron lugar tres conferencias xerais, a última delas impartida polo profesor Philippe Meirieu co título «1921-2022: De la LIEN à Convergence(s). Un autre contexte, une même détermination…Des valeurs comunes, une lucidité accrue»; debendo, igualmente, sinalar os momentos de convivencia arredor das comidas colectivas, os encontros nos corredores e espazos exteriores e a existencia de puntos de libraría de pedagoxía e de exposicións de traballos de aula.
Os debates atenderon asuntos como os seguintes: enfrontarse ao fracaso escolar, inclusión e diversidade, familias e escolas, dereitos da infancia, a emerxencia climática e os educadores, a relación entre a investigación educativa e os movementos pedagóxicos, inmigración e infancia, emancipación e democracia cultural, igualdade de xéneros, resistencia e emancipación, ou como comprender os problemas socio-políticos.

Os obradoiros abordaron múltiples temáticas. Entre elas: inclusión e familias desarraigadas, saberes na escola e mercados de coñecemento, educación emocional, o corpo na escola, participación do alumnado, taller de escritura multilingüe, experiencias de educación teatral, experiencias de emancipación nas escolas, voluntariado e inclusión social, talleres de filosofía para nenos, método natural e matemáticas, violencias na escola, autores e aprendizaxe infantil, aprender fóra da escola, proxecto socio-artístico e territorio, escritura cooperativa, biodiversidade e educación ambiental, estereotipos sexuais e educación, o portfolio como recurso para a avaliación, acollemento escolar de nenos e nenas en risco social, feminismo e Nova Educación, loita contra as discriminacións raciais, experiencias escolares no contexto rural marroquí, talleres de interrogación colectiva…
O momento final da Bienal serviu para dar aprobación ao Manifesto «Le monde que nous voulons. Les valeurs que nous défendons/ O mundo que queremos, os valores que defendemos», articulado arredor de dez asuntos:
- A Educación Nova comporta un proxecto de emancipación e democratización.
- É decididamente positiva.
- Promove unha visión emancipadora dos saberes.
- Propón, debate e inventa no seo de colectivos solidarios.
- Non se detén en ningunha fronteira.
- Esfórzase por conxugar o dicir e o facer.
- Contempla a cada neno/a, a cada mozo/a, como un ser á vez inconcluso e completo.
- Avoga por unha escola aberta e democrática.
- Comprométese a aplicar unha visión global da educación.
- Afronta os desafíos do século XXI.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


