Heroínas da mitoloxía clásica na música de Fillas de Cassandra. Unha aplicación didáctica
Resumo
Este artigo analiza heroínas femininas da mitoloxía clásica —Antígona, Lisístrata e As Moiras— presentes na música de Fillas de Cassandra. Préstase especial atención á súa aplicación didáctica na escola.
Este artículo analiza las heroínas de la mitología clásica —Antígona, Lisístrata y Las Moiras— presentes en la música de Fillas de Cassandra. Se presta especial atención a su aplicación didáctica en la escuela.
This paper analyzes the female heroines of classical mythology —Antigone, Lysistrata and the Fates— in the music of Fillas de Cassandra. Specific attention is paid to its teaching application in school.
Palabras Clave
Texto
Introdución
Na literatura e na mitoloxía do mundo clásico existen figuras heroicas femininas que reproducen situacións contemporáneas. Así, a universalidade subxacente no decorrer vital de Antígona, Lisístrata ou as Moiras pode e debe empregarse como unha fonte necesaria para a análise do tratamento da muller ao longo da historia, axudando a romper tabús e recoñecendo comportamentos e actitudes propios dunha antiga sociedade patriarcal. O grupo musical Fillas de Cassandra sérvese, nas súas elaboracións artísticas, dos personaxes referidos para explicar actitudes que a muller experimenta na actualidade e que, unha vez coñecidas, axudan a tomar consciencia da propia situación e, así, poder entendela nun contexto histórico moito máis amplo. Trátase do que Jung (2002, p.10) define como “arquetipos”: “imaxes antigas que derivan do inconsciente colectivo” e que, polo tanto, funcionan en calquera época. Por esta razón, resulta de interese analizar a aplicación didáctica que a súa música pode ter no ámbito escolar.
Antígona en Fillas de Cassandra
Considerada un exemplo de rebeldía fronte a leis inxustas, esta heroína filla dunha parella non menos sorprendente —a saber, Edipo e Iocasta— axuda a entender que a historia, particularmente a feminina, está, segundo expón na súa música o grupo Fillas de Cassandra, “feita con sangue”. Esta afirmación dentro do entorno escolar permite que o alumnado poida acceder ao feito consciente de que a historia da muller está feita e foi consolidada ao longo dos séculos por medio de grandes sacrificios, sendo Antígona un exemplo a tales efectos.
Por outro lado, na música constátase que a oposición feminina que se exerceu ao longo da historia contra o poder establecido nunca foi tida en conta: “nin sequera cando nos teñen diante poden vernos”. Esta afirmación entronca directamente a Antígona de Fillas de Cassandra coa Antígona de Sófocles, na que a protagonista afirma ante o rei Creonte ser a autora que cometera o acto que el penara coa morte —verso 443—. Dende un punto de vista didáctico, esta conexión permite inferir a infravaloración que a sociedade patriarcal estableceu con respecto á capacidade feminina de tomar decisións e de opoñerse ao poder político.

Lisístrata en Fillas de Cassandra
Protagonista dunha das máis importantes comedias de Aristófanes, Lisístrata é unha de tantas mulleres atenienses que soportaban a ruína económica, moral e a desolación xeral causada por tantos anos de guerra. Como parte da trama cómica a protagonista e as súas acólitas manteñen unha dobre folga: sexual e familiar, eludindo os seus quefaceres como nais e como principais responsables do núcleo familiar.
Precisamente este é o argumento fundamental da canción de Fillas de Cassandra, que toma a súa esencia narrativa da comedia de Aristófanes, establecendo un vínculo que permite tratar na escola aspectos moi variados. Primeiramente, o feito histórico de relegar a muller ao fogar, ao considerala como soporte fundamental do núcleo familiar, adxudicándoselle os coidados familiares e a limpeza da casa. Así o manifesta Aristófanes a través de Cleonice (versos 15-18 da comedia Lisístrata de Aristófanes: “é difícil para unha muller saír da casa…”) e o mesmo afirma Fillas de Cassandra a través da ironía patente en “varre vasoira, vasoira miña…” ou “deixade de impoñernos os coidados, esta casa na que habitamos non é o hábitat dun rei”.
En segundo lugar, nas dúas obras exprésanse as duras situacións que as mulleres experimentan polas decisións masculinas. Así Lisístrata —v. 522 da comedia aristofánica— indica que “nin cando as vosas decisións eran incorrectas nos estaba permitido achegar suxestións”, reproche que tamén se escoita en Fillas de Cassandra: “nós comemos o cariz da vosa trampa, deseñado pola vosa lei”.
Finalmente cabe destacar que tanto na música de Fillas de Cassandra coma na comedia de Aristófanes a rebelión feminina pon en cuestión o status quo, sendo esta capaz de cambiar as circunstancias e, como dicía Lisístrata, “endereitar a situación” (verso 528).

As Moiras en Fillas de Cassandra
A través da epopea homérica e hesiódica foise consolidando a idea das tres Moiras —Átropo, Cloto e Láquesis— como deusas que regulaban a vida humana dende o nacemento ata a morte, elemento que se recolle na composición musical: “donas da morte e do espertar”. A idea materializábase a través dun fío —tamén na música: “candil, fío nas mans— que a primeira delas fiaba, a segunda enrolaba e a terceira cortaba cando a existencia humana chegaba á súa fin. Así, as tarefas desempeñadas no ámbito do fogar, a través do fío que as mulleres tecen, resultan fundamentais para a existencia dos seres humanos; porén a invisibilidade do mundo doméstico é incuestionable, tanto na antigüidade coma na actualidade: “non teñen nome nin idade” na canción As Moiras.
Segundo unha das xenealoxías que se lle atribúen, son fillas de Zeus e Temis, deusa das leis eternas que representa a importancia da Xustiza e da Lei (Grimal, 1981, p. 364). Debe terse en conta que estas tres divindades forman parte da engrenaxe dun complexo proceso de organización e, como tal, son temidas, pois imparten xustiza por igual. Así, en Fillas de Cassandra exponse que “deuses, heroes, bandidos choran o mesmo pranto”, ao igual que na Teogonía hesiódica (vv. 217-222). Isto explica a imaxe de terror que foi asociada comunmente a estas mulleres, que fiaban o destino de todos menos o seu.

Conclusións
A música de Fillas de Cassandra traballa con “arquetipos” que, a través da súa aplicación didáctica, axudan a visibilizar no eido escolar os seguintes aspectos: (i) a falta de entidade da muller no ámbito político e social; (ii) a dificultade que historicamente tivo e ten o sector feminino para disociar o seu desenvolvemento profesional das tarefas do fogar; (iii) a incapacidade de dar a coñecer o seu traballo por considerarse pouco relevante e (iv) a dificultade de rexer o seu destino.
Referencias bibliográficas
- Jung, C. (2002). Los arquetipos y el inconsciente colectivo. Trotta.
- Grimal, P. (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


