Galego heroico, microespañolismos, di-culturalismo, conciencia de nós

Texto

Fálase de “viticultura heroica” para aludir ás colleitas na Ribeira Sacra; poderiamos aplicar a expresión “galego heroico” para referírmonos ao das familias que, en particular nos contextos das dúas maiores cidades galegas, queren día a día comunicarlle o seu cariño en galego ás crianzas, cando derredor abundan tantas condutas (fala, comportamentos e actitudes) que van á contra e tantos microespañolismos, que entendemos como agresións que pasan aparentemente inadvertidas, ás que se referiu aínda hai pouco o profesor Miguel R. Carnota, poñendo de relevo que: Despois de decenios a escoitar a música celestial do bilingüismo harmónico, nas rexións máis poboadas de Galiza falar normalmente en galego é case imposíbel para un neno ou unha nena, e para unha persoa adolescente pode ser un exercicio de risco. Con moita probabilidade vaise converter en albo de microagresións, ás veces disfrazadas de brincadeira.

Un comportamento de desleixo que vén de vello, desde cando xa no s. XIX a españolización se deu a man cunha modernización mal entendida, provocando o derrubo paulatino do que era cerne, territorio e armazón cultural profundo do ser e da existencia colectiva nosa, sen pararse a examinar o seu valor, coherencia e funcionalidade, o seu formar parte dun urdido propio. As xentes do Seminario de Estudos Galegos quixeron reverter isto que acontecía. Mais o 36 e o franquismo, isto é, todos aqueles sectores internos e externos que tomaron posición a contra, esboroaron o camiño andado e intensificaron a vía da ‘estranxeirización cultural’, a través da españolización e da precipitada modernización.

Desde a violencia dos Poderes (incluíndo os relixiosos católicos) impúxose o mandato da negación e do abandono, mentres a conquista da Autonomía, atropelada nas mans de responsábeis políticos estranxeirizados, non permitiu aínda reverter ese proceso. Ollamos algo ben diferente cando pasamos de Galiza alá do Navia en Asturies e moito distinto cando nos botamos da outra beira do Miño. Os nenos e as nenas portuguesas de Valença do Minho falan, cantan, xogan nas súas escolas, coas súas familias, coa súa contorna non só na lingua portuguesa senón e sobre todo a través dos fíos misteriosos que unen pasado e presente, impulsando para o futuro, mesturando de continuo canción, palabra, sentido, sentimento, interxeración, comprensión… aínda que os vellos apenas manexen o dixital e os novos estean prendidos del… e fan transicións conscientes e autónomas. Do mesmo modo acontecía aínda na maior parte de Galicia nos anos trinta. Mais, hoxe, a dous pasos de alí –e como exemplo- os nenos de Tui nada disto fan nin din. Agás excepcións familiares e escolares que sempre as hai… pero que son excepcións.

De modo que neste presente contraditorio estamos: por unha parte, condutas de galego heroico, con total desprotección da Administración Pública; por outra, condutas de microespañolismos xunto a agresións maiores e provocadoras que vemos aquí e acolá; tamén, derrubo paulatino e constante do patrimonio material ou inmaterial, contra o que traballan, infelizmente por vía de excepción, xentes e colectivos que están presentes en todo o territorio exercendo a ‘conciencia de nós’… A Administración pública -autonómica, pero a miúdo tamén a municipal nesas dúas maiores cidades e non só-, unha politicamente conservadora e outra denominada progresista, seguen a practicar, a mantenta, a diglosia, o que Alonso Montero chamou o ‘dilingüismo’, e o que máis recentemente se comeza a denominar como ‘di-culturalidade’ (dúas linguas con status diferente/dúas culturas con status diferente), que entre outros efectos vén condicionar a maior ‘seguridade’ no uso da fala castelá que manifestan os e as escolares entre nós. Se identificamos a diglosia -antes e agora- como un estado de cousas no cal un idioma ten máis prestixio ca o outro co que coexiste, podemos definir a di-culturalidade como a situación na que unha das armazóns culturais -unha das culturas- que coexiste/convive con outra é minusvalorada diante da súa adversaria poderosa, na vez de alimentarse entre si; isto é, transformar o choque entre tradición e modernidade en re-creación sempre viva, estimada e querida (Sargadelos, con Isaac Díaz Pardo, como exemplo nítido).

É posible reverter esta minusvaloración? Éo. Hai que querelo. Poñamos o exemplo da recuperación ou continuidade ‘natural’ dos xogos populares infantís: vexamos o que acontece en Euskal-Herria ou en Portugal. Entre a tradición cultural e a súa renovación, tendo presente a memoria viva patrimonial, a conciencia de nós e o proxecto de horizonte. Todo isto precisa tamén unha educación centrada no territorio, físico e mental, que nos permita ‘renacer como galegos’ como dixera Chao Rego, cun profesorado consciente do seu labor e responsabilidade, con familias impulsoras e cunhas Administracións que practican a cidadanía. Se isto estiver claro, os programas precisos para levalo a cabo, programas políticos e culturais virían atrás.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir