Francisco Fernández del Riego: mestre e espello

Texto

O exercicio maxisterial é central na vida extensa, intensa e múltiple de don Francisco, don Paco, tal como era nomeado con respecto. A preocupación de Francisco Fernández del Riego (1913 – 2010) polo ensino xa se amosa nos tempos de estudante de dereito na universidade compostelana. No libro de memorias O río do tempo (1990) manifesta: “A causa do ensino estaba unida, para min, á causa de Galicia”.

No acto de inauguración do curso académico 1933-1934 leu, como representante do estudantado universitario, o discurso La universidad gallega ante el momento actual (1934), no que di: “Queremos una cultura gallega. Y queremos que nuestra Universidad sea, ante todo, el foco de esa cultura”. Non era a súa primeira manifestación pública nese senso, pois xa publicara na revista A Fouce os artigos “A universidade galega” (1932) e “Pol-a Universidade Nacional” (1933). Neste último artigo fai referencia á conferencia Verbas aos mozos galegos pronunciada antes por Álvaro de las Casas no paraninfo da universidade compostelá na que “expuxo nun ton de outura e con beleza literaria a súa conceición do que significa unha Universidade”. Sen dúbida o pensamento do anterior está presente en del Riego cando escribe: “Imos facer ollar a necesidade de naltecer a nosa cultura e diñificar a propia língoa, esixindo a súa oficialidade. A demostrar que estudemos galegamente o universo, empregando os propios estormentos, meiante a completa galeguización do insiño”.

E, en efecto, a ensinanza foi a profesión pola que del Riego optou cando libremente o puido facer. En outubro de 1934 é nomeado Auxiliar encargado de cátedra de Dereito civil, comezando a súa carreira docente con 21 anos. Seguindo o exemplo de Luis Tobío, que introducira en “Historia do dereito” unha parte dedicada ao “Dereito galego”, que explicaba en lingua galega, del Riego tamén fomentaba que o seu alumnado coñecese o dereito galego. Entre a documentación que se conserva no seu arquivo sobre esta época, gárdase unha manchea de traballos de alumnos que consisten, na maioría dos casos, en resumos de publicacións sobre o dereito consuetudinario galego e sobre o dereito foral.

A súa experiencia como profesor universitario puido ser satisfactoria, pero non longa. En xaneiro de 1937 recibe un oficio da universidade1, encabezado co berro ¡Viva España! e asinado polo reitor Felipe Gil Casares, no que se lle comunica: “Remito a V. S. adjunto pliego de cargos formulados por la Comisión depuradora A)…”. Así comeza o seu proceso de inhabilitación, que foi recollido na prensa do momento conxuntamente cos de Antonia Ferrín Moreiras e Antón Baltar Domínguez. Nunha entrevista realizada por Xan Carballa (1995), del Riego expresa o duro golpe que foi para el a inhabilitación: “A miña vida desfixéronma. Tiña aos vinte anos enormes posibilidades e destruíronme por completo. Xa estaba dando clases na universidade e o futuro era magnífico”. Foi o remate da carreira docente universitaria de del Riego, mais non o abandono da profesión de ensinante.

En 1939, tempos de “vida triste e deprimente”, como lle confesa a Xan Carballa (1995), instálase en Vigo e busca traballo nos centros de ensino privado. De primeiras, foi rexeitado no “Colegio Labor”, malia contar coas loanzas de Iglesia Alvariño, ex-profesor do centro, mais , foi contratado como profesor de bacharelato polo “Colegio Mezquita”, un centro dirixido por un militar retirado que lle recomendou tratar de pasar desapercibido ocultando o segundo apelido, e vendo que traballaba no “Mezquita” sen problemas, tamén o “Labor” rematou por contratalo. Como os ingresos eran poucos, creou con dous amigos a “Academia Sigma”. Nos cadernos de apuntamentos2, onde se conservan as cualificacións académicas do seu alumnado, aparecen os seus horarios. Ademais do traballo como ensinante acudía ao despacho de Paz-Andrade e ao xornal El Pueblo Gallego. A súa xornada semanal superaba as 50 horas. Gañou cumpridamente o sustento e a sona de traballador incansábel.

Del Riego rematou deixando profesionalmente o ensino para dedicarse a tantas outras cousas que non dispomos de espazo para enumerar, mais non abandonou o maxisterio. E falo de maxisterio no senso no que el o utiliza, asinando como Salvador Lorenzana (1984) en Grial e falando de Vicente Risco: “Risco foi para min, e para moitos coma min, un guía anovador da intelixencia e da existencia galega”. “Estimabámolo como mestre; un mestre que tencionaba facer vivir intensamente, en precura anguriosa, o ser galego, para a conxugación necesaria do poder espiritual”. Ese é o maxisterio que don Paco exerceu toda a súa vida, polo que se converteu nunha luz, en guía para xeracións de galegas e galegos. Xogando coas palabras do título Galicia no espello de Fernández del Riego (1954), escribe Antón Santamarina (2002): “…detrás do nome Francisco Fernández del Riego hai un home que é espello de galegos”.

Por iso a súa figura é aceptada e defendida de maneira tan maioritaria: “Estamos certos, ben certos, de que Paco del Riego ocupará un lugar importante na historia do galeguismo, cando se escriba. O seu esforzo foi unha das columnas máis rexas do noso labor colectivo. Así o reconocerán os galegos de mañán. Así o queremos reconocer, porque o sabemos, os seus amigos de hoxe”, di Ramón Piñeiro (1975).

Hai persoas que son importantes na historia e hai persoas, coma Francisco Fernández del Riego, a quen homenaxeamos no Día das Letras Galegas do ano 2023, que son tan importantes que fan que a historia sexa mellor.

Notas ao pé

  • 1 Esta e as anteriores referencias sobre a súa docencia universitaria constan en Arquivo F. Fernández del Riego, Vigo: Casa Galega da Cultura, Ref.: FR-CA-066/001.
  • 2 Alí mesmo. Ref.: FR-CA-066/002.

Referencias bibliográficas

  • CARBALLA, X. (1995): “Francisco Fernández del Riego: O medo que pasamos non se pode crer”. [Entrevista]. Cadernos A Nosa Terra de pensamento e cultura. N. 18 (ag. 1995); p. 25-29.
  • CASAS, A. de las (2003): Verbas aos mozos galegos: o momento universatario. Vigo: Fundación Premios da Crítica de Galicia; Ourense: Asociación Álvaro de las Casas.
  • FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. (1932): A Universidade galega. A Fouce, n. 57; p. 4.
  • FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. (1933): Pol-a Universidade Nacional. A Fouce, n. 58; p. 3.
  • FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. (1934): La universidad gallega ante el momento actual. Santiago: Universidad Literaria de Santiago; p. 10.
  • FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. (1957): Galicia no espello. Buenos Aires: Edicións Galicia.
  • FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. (1994): O río do tempo: unha historia vivida. Sada: Ediciós do Castro.
  • PIÑEIRO, R. (1975): Sabémolo todos. En Homenaxe a Francisco Fernández del Riego. Feito ao coidado literario de M. D. [Marino Dónega] e gráfico de L. S. [Luís Seoane]. A Coruña: (Moret).
  • SALVADOR LORENZANA (1984): Imaxe apasionada dun maxisterio. Grial, n. 86; p. 441-450.
  • SANTAMARINA, A. (2002): Del Riego. En Homenaxe a Francisco Fernández del Riego. Vigo: Fundación Premios da Crítica; p. 205.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir