Formar mestres tamén fora das aulas

Resumo

Preséntanse os resultados dunha experiencia desenvolvida con estudantes do Grao en Mestre de Educación Infantil orientada a analizar como o patrimonio local e as actividades fóra das aulas, en particular as saídas didácticas, contribúen á súa formación como futuros docentes.

Se presentan los resultados de una experiencia desarrollada con estudiantes del Grado de Maestro en Educación Infantil y orientada a analizar cómo el patrimonio local y las actividades fuera del aula, en particular las salidas didácticas, contribuyen a su formación como futuros docentes.

The results of an experience developed with students of Early Childhood Education Teachers are presented. It was aimed at analysing how local heritage and outdoor education activities, especially field trips, contribute to their training as future teachers.

Texto

1. Contexto

A experiencia que se presenta levouse a cabo na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, no título de Mestre/a de Educación Infantil, coa intención de superar unha formación demasiado centrada nos contidos académicos e falta de aprendizaxe experiencial fóra das aulas.

Escultura Grip de A. Gormley

Inspirada nos enfoques educativos da educación baseada no lugar (Place Based Education) (Smith e Sobel, 2010), a educación patrimonial (Heritage Education) (Fontal, 2020) e a educación fóra das aulas (Outdoor Education) (Waite, 2011), deseñouse unha visita ao espazo natural protexido do Complexo dunar de Corrubedo coa intención de que os mestres e mestras en formación realizasen unha investigación sistemática sobre o patrimonio local e preparasen actividades de ensinanza para a etapa de educación infantil. Na experiencia participaron varios centos de estudantes de Mestre/a nos últimos anos.

2. Obxectivos

Coa intención de identificar a contribución do patrimonio local e das actividades fóra das aulas á formación dos mestres (Blankenship, Reidel e Sullivan, 2016), formuláronse catro obxectivos: a) explorar as representacións dos estudantes de mestre sobre os espazos naturais protexidos e o seu potencial educativo; b) buscar, seleccionar e comunicar información relevante sobre os recursos patrimoniais do Complexo dunar de Corrubedo; c) deseñar actividades para realizar con estudantes de educación infantil sobre o patrimonio local e o desenvolvemento sostible; d) valorar a contribución da experiencia ao desenvolvemento das competencias profesionais de mestre.

Mapa do espazo natural protexido con indicación dos lugares visitados

3. Descrición da experiencia

Previamente á realización da saída, utilizouse un cuestionario pretest para explorar as representacións dos mestres e mestras en formación sobre o patrimonio e as súas posibilidades educativas e seleccionáronse os lugares a visitar. A gran duna móbil e o monumento natural Pedra da Ra, entre o patrimonio natural; o Castro da Cidá e as antigas fábricas conserveiras de Corrubedo, entre o patrimonio arqueolóxico; tamén se incluíron as instalacións do Centro de Interpretación dos Ecosistemas Litorais de Galicia (CIELGA) e dúas intervencións artísticas recentes: a vivenda do arquitecto D. Chipperfield (exemplo de arquitectura sostible) e a escultura de A. Gormley, titulada Grip (exemplo da arte na paisaxe ou land art). Os estudantes de mestre, organizados en pequenos grupos, escolleron un dos elementos patrimoniais para indagar sobre el e propoñer actividades de ensinanza para a etapa de educación infantil.

Estudantes na duna móbil

A saída realizouse ao comezo do curso para expoñer aos mestres en formación á resolución de problemas reais de ensino. Durou todo o día e incluíu o desprazamento en autobús e a visita aos lugares sinalados, incluído o descanso de 1 hora para comer. Nos diferentes lugares patrimoniais, os grupos de estudantes presentaron a información seleccionada, así como as actividades de ensino ideadas para levar a cabo en educación infantil. Na xornada houbo tempo para as preguntas de formadores e estudantes, para poñer en común as opinións sobre o traballo de cada grupo, e tamén para as conversas informais. Unha das mestras en formación pensou en facer o seu Traballo Fin de Grao sobre esta saída participando as súas compañeiras e os formadores como informantes. Diante da gran duna móbil, un dos formadores formulou unha pregunta que suscitou sorpresa: por que paga a pena realizar saídas escolares en educación infantil, malia as dificultades que supoñen para os mestres e mestras? As respostas aludían ao contacto coa realidade, a investigación sobre o terreo, o interese e curiosidade que suscitan as saídas ou ás emocións do contacto directo do obxecto de estudo.

Nos días posteriores á saída, utilizouse na aula un cuestionario postest para recoller as valoracións dos estudantes sobre a experiencia e puxéronse a punto os materiais dos grupos, despois de incorporar as modificacións resultado da visita.

4. Avaliación da experiencia

Para a avaliación da experiencia, utilizáronse varios instrumentos. Un cuestionario pretest con preguntas abertas, pechadas e de escala Likert sobre as representacións dos estudantes respecto do valor educativo do patrimonio e o medio ambiente. Tamén se utilizou un cuestionario postest para comprobar os cambios nas actitudes dos estudantes cara ao patrimonio, a súa valoración das saídas escolares, e as posibles melloras da visita ao Complexo dunar de Corrubedo. Por último, os traballos entregados polos estudantes despois da visita permitiron avaliar a súa competencia para a recollida e tratamento da información, así como as destrezas para o deseño de actividades de ensinanza sobre o patrimonio, o medio ambiente e o desenvolvemento sostible. Destacamos tres aspectos:

Estudantes na Pedra da Ra

1. Os datos dos cuestionarios pretest e postest indican que os elementos do patrimonio natural e arqueolóxico espertaron máis interese que as intervencións artísticas de Chipperfield e Gormley; no entanto, despois da visita percíbese un aumento da valoración do patrimonio cultural e a necesidade da súa conservación e difusión.

2. En canto á visita ao Complexo dunar de Corrubedo e o patrimonio próximo, todos os estudantes a valoraron de forma moi positiva, destacando a utilidade das saídas ao contorno e lamentando que sexan tan escasas na súa formación de mestres/as. Tamén desenvolveron argumentos sobre o valor educativo do patrimonio e do traballo fóra das aulas na etapa de educación infantil:

“Foi unha oportunidade para abrir os ollos e reflexionar sobre as enormes posibilidades educativas que nos ofrecen estas saídas na nosa formación como mestras” (estudante 1);

“É moi importante que os nenos e nenas de infantil teñan contacto directo co seu contorno, que miren, que sintan, que toquen, que experimenten” (estudante 2);

“Serven para mellorar as actitudes de conservación e coidado do que temos ao noso arredor, da importancia do patrimonio” (estudante 3).

As suxestións para a mellora da visita a Corrubedo referíanse á organización da viaxe, horarios de descanso e previsións das mareas para unha observación máis proveitosa.

3. Dos traballos presentados polos estudantes despréndese a necesidade de mellorar as competencias de busca, selección e presentación da información, desterrando prácticas de cortar e pegar información procedente de sitios web, así como proporcionar pautas máis precisas para a elaboración dos informes.

En canto ás actividades de ensinanza propostas polos estudantes, son máis frecuentes as que implican motricidade e manipulación de obxectos (maquetas, traballo con arxila, materiais reciclados), tamén as relacionadas coa orientación espacial e o traballo con mapas, as recreacións de fenómenos naturais como dunas ou mareas, e todo o relacionado co recoñecemento de flora e fauna de duna. Son máis escasas as que se refiren ao desenvolvemento de destrezas temporais e as que promoven actitudes de respecto e coidado do patrimonio e o desenvolvemento sostible.

5. Mirando ao futuro

O traballo fóra das aulas (outdoor education) debe ser máis habitual nos programas de formación de mestres/as, de forma que xeren oportunidades de aprendizaxe experiencial sobre o uso educativo do patrimonio e o medio ambiente para un desenvolvemento sostible. Estas saídas ao contorno deberán adoptar enfoques interdiciplinares, de forma que faciliten a integración de contidos das ciencias sociais, experimentais, matemáticas, linguas ou educación artística; deste xeito axudarán a pensar proxectos integrados nas aulas de educación infantil. Tamén será necesario utilizar unha perspectiva máis holística do patrimonio de forma que os futuros mestres e mestras aprendan a integrar aspectos do patrimonio natural e cultural, material e inmaterial, local e global nas súas propostas de ensinanza.

Referencias bibliográficas

  • Blankenship, W. G., Reidel, M. e Sullivan, C. C. (2016). Teaching Social Studies to These Students in This Place: Exploring Place in Social Studies Teacher Education. En A. R. Crowe, e A. Cuenca (Eds.) (2016). Rethinking Social Studies Teacher Education in the Twenty-First Century (pp. 41-57). Springer.
  • Fontal, O. (Coord.) (2020). Como educar en el patrimonio. Comunidad de Madrid. Dirección General de Patrimonio Cultural.
  • Smith, G. A. e Sobel, D. (2010). Place– and Community –Based Education in Schools. Routledge.
  • Waite, S. (2011) Teaching and learning outside the classroom: personal values, alternative pedagogies and standards. Education 3-13, 39(1), 65-82. https://doi.org/10.1080/03004270903206141.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir