“Fálame da emigración”: o valor da experiencia nos centros educativos de secundaria

Resumo

«Fálame da emigración» é un programa interxeracional de Afundación, a Obra Social de ABANCA, que vencella o alumnado de secundaria e bacharelato con persoas maiores cunha historia de vida na emigración. Coñecer a emigración galega do século XX contada polos seus protagonistas, promover relacións entre mocidade e maiores, baseadas no entendemento e o respecto mutuos, e reflexionar sobre os fenómenos migratorios actuais son os seus obxectivos principais.

«Fálame da emigración» es un programa intergeneracional de Afundación, la Obra Social de ABANCA, que vincula a alumnado de secundaria y bachillerato con personas mayores con una historia de vida en la emigración. Conocer la emigración gallega del siglo XX contada por sus protagonistas, promover relaciones entre jóvenes y mayores, basadas en el entendimiento y el respeto mutuos, y reflexionar sobre los fenómenos migratorios actuales son sus objetivos principales.

“Fálame da emigración” is an intergenerational program by Afundación, ABANCA's Social and Cultural Entity, that brings together secondary school students and elderly people who lived as migrants at some point in their lives. Its main goals are learning about the Galician migration process during the 20th century from its very own protagonists, encouraging young people and adults to relate according to mutual understanding and respect, and reflecting on current migratory phenomena.

Texto

Introdución

A fragmentación por idades na que se estrutura a nosa sociedade evidencia a necesidade de experimentar novas canles de interacción e cooperación entre os diferentes grupos etarios para acadar un beneficio mutuo. Neste sentido, Afundación, a Obra Social de ABANCA, cuxos fins principais son a promoción da cultura, da educación e do envellecemento activo, sinalou como prioridade en 2015 a posta en marcha de programas interxeracionais para propiciar a conexión entre xeracións e novas oportunidades de participación social para as persoas maiores. Neste punto, coincidimos con Sánchez et al. cando afirman que os centros educativos poden brindar oportunidades para “(…)establecer relacións e vínculos descomprometidos entre persoas que se perciben en traxectoria vital pero ocupando distintas posicións xeracionais (2017, p. 337).

Neste sentido, e tendo en conta que Afundación conta con centros de promoción do envellecemento activo en 11 localidades galegas, os Espazos+60, decidimos centrarnos nun proxecto que vencellase as persoas maiores socias dos mesmos co alumnado de secundaria entendendo que “(…)a mellora da vida en sociedade pasa por superar estas situacións de fragmentación e distanciamento debido ao debilitamento dos vencellos e por conseguir unha maior cohesión social” (Centro del Conocimiento de Fundación EDE, 2015, p. 9).

Con este fin, pensamos na emigración galega no século XX, que emerxeu como unha temática do currículo cuxo relato podía ser construído a partir das historias de vida na emigración dos maiores, para achegar de maneira vivencial ao alumnado un capítulo clave da nosa historia e da nosa identidade. Para contextualizar estes relatos, Afundación dispuña dunha exposición de fotografías da Axencia EFE, dun documental e, ademais, elaboramos materiais e guías didácticas para facilitar o labor do profesorado.

Empezamos, así, no 2015, un traballo de captación de persoas maiores cunha experiencia na emigración a quen acompañamos na construción dos seus relatos e na aventura de compartir nas aulas coa mocidade galega o valor da súa historia de vida. As máis de 120 persoas participantes ata a data manifestan o sentimento de sentírense útiles, respectadas e valoradas pola escoita activa, a comprensión, o interese e agradecemento que amosa o alumnado cara a eles. Andrea, de 2.º da ESO, expresábao así: «Moitas grazas por contarnos a vosa historia, que me serviu de axuda e inspiración e me deu unha forza enorme para loitar polos meus soños».

Descrición da actividade

Os centros educativos de ensino secundario implicáronse activamente nesta iniciativa como pode verse neste testemuño do IES Francisco Aguiar de Betanzos:

O equipo de profesores do Departamento de Xeografía e Historia do IES Francisco Aguiar de Betanzos acollemos con interese o programa «Fálame da emigración» no 2015, acaído aos desenvolvementos curriculares de 2.º da ESO. Non sospeitabamos entón ata que punto esta nova forma de abordar na escola o tema da emigración, contando cos seus protagonistas, ía entusiasmar o noso alumnado.

A experiencia estrutúrase en dúas sesións de encontro interxeracional co grupo de maiores que se desprazan ata o IES. Xa na propia sesión, que ocupa dous períodos de clase, vese o documental América ou Shangai, proporcionado por Afundación. Deseguido, a parte máis rechamante para o noso alumnado: os maiores relatan a súa experiencia na emigración. Salientamos a riqueza en canto a lugares e tempos desas experiencias, pero, sobre todo, no referido a vivencias. Porque este aspecto vivencial é o que máis sorprendeu os nosos rapaces e rapazas. Como dixo Gabriela, participante na primeira edición: «máis aprendemos, porque nos chega ao corazón cada cousa que nos contan, cada momento que viviron». Tamén Adrián insiste nisto: «Puidemos aprender moitas cousas sobre a emigración e saber que sentiron, e iso non se pode aprender nun libro». Ese interese quedou patente nas preguntas que seguiron á intervención dos maiores.

Queda, daquela, a pelota no tellado do alumnado, que fica comprometido a indagar, no seu espazo familiar, sobre esas historias de emigración. E así, aproximadamente un mes e medio máis tarde, ten lugar a segunda sesión en dous períodos lectivos. Comeza cunha visita á exposición «Nós tamén fomos emigrantes», nos andeis do noso instituto. A novidade é que a mocidade olla a mostra acompañados polos maiores. Establécese, así, un diálogo riquísimo en ideas e emocións que vai preparando a segunda parte do encontro. Deseguido, xa nas aulas, cambian os papeis. O alumnado expón as experiencias de emigración (re)descubertas no seu contorno próximo que son comentadas por persoas maiores e estudantes. Un traballo final en pequenos grupos mixtos, para reflexionar sobre diferentes aspectos da emigración pasada e actual, serve para completar a intensa sesión e crear lazos entre ambos.

Que a experiencia é ben valorada polo equipo docente do noso departamento queda patente no feito de que, desde 2015 ata hoxe, sigamos a repetir cada ano o proxecto, aínda que agora se desenvolve en 4.º da ESO.

Os principais beneficios da actividade son:

  1. Acadar a atención do alumnado arredor dun tema que non suscita, habitualmente, entusiasmo. Como dixo Andrés, un dos participantes: «Os maiores poden contar isto mellor que os libros e que os profesores porque o viviron en primeira persoa, foron eles os protagonistas». Os adultos logran captar o interese e espertan a admiración pola súa determinación e valentía.
  2. Potenciar a habilidade do alumnado de intervención oral en público. O feito de narrar experiencias vitais de persoas próximas dálles seguridade para afrontar, sen medo, a tarefa de falar en público.
  3. Aprender coñecementos sobre a emigración. Se podiamos temer que a experiencia ficase nunha colección de historietas anecdóticas, a guía didáctica, o vídeo, a exposición e o traballo nos encontros serven para contextualizalas nun marco de coñecementos integrado nas Ciencias Sociais.
  4. Escoitar consellos de persoas con máis experiencia vital e romper estereotipos, como expresa o alumnado: «Cambiou moito a miña visión das persoas maiores… Estaba equivocada, podemos ter amigos de todas as idades e aprender de todo o mundo» (Yasmine). «Serviume para saber que as persoas maiores son máis interesantes do que pensabamos» (Ainhoa).
  5. A experiencia leva o noso alumnado á comprensión das persoas que, actualmente, están a chegar ao noso país na procura dunha vida mellor.

Conclusións

Este programa permite á mocidade coñecer a emigración galega do século XX a través da voz dos seus protagonistas, e xunto con eles e elas, reflexionar sobre os fenómenos migratorios actuais. Á súa vez, promove relacións entre mocidade e maiores, baseadas no entendemento e respecto mutuos, superando actitudes idadistas e establecendo un novo espazo para a participación social das persoas maiores, que pon en valor a súa experiencia vital. «Fálame da emigración» realízase coa colaboración de 20 IES de Galicia, coa participación, ata o curso 2022-2023, de 120 persoas maiores e máis de 4000 estudantes de secundaria e bacharelato.

Referencias bibliográficas

  • Sánchez, M., Sáez, J., Campillo, M., e Díaz, P. (2017). Aportación de las personas mayores en los colegios intergeneracionales. La experiencia del proyecto ISCI. Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación, 5, 334-338. https://doi.org/10.17979/reipe.2017.0.05.2846
  • Centro del Conocimiento de Fundación EDE. (2015). Hacia una sociedad intergeneracional: ¿Cómo impulsar programas para todas las edades? Guía práctica. Diputación Foral de Bizkaia – Departamento de Acción Social.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir