Experiencias de boas prácticas de inclusión con alumnos con TEA na escola rural
Resumo
A inclusión na aula multigrao, e en concreto a dos alumnos e alumnas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), representa un reto para os docentes das escolas rurais. Para garantir o éxito da inclusión dos nenos/as con TEA, é preciso introducir metodoloxías específicas como TEACCH (Treatment and Education of Autistic related Communication Handicapped Children) e PECS (Picture Exchange Communication System). A experiencia presentada mostra como estas metodoloxías enriquecen non só o traballo dos alumnos e alumnas con TEA, senón o de todos os que forman parte da aula.
La inclusión en el aula multigrado, y en concreto la de los alumnos con Trastorno del Espectro Autista (TEA), representa un reto para los docentes de las escuelas rurales. Para garantizar el éxito de la inclusión de los niños/as con TEA es preciso introducir metodologías específicas como TEACCH (Treatment and Education of Autistic related Communication Handicapped Children) y PECS (Picture Exchange Communication System). La experiencia presentada muestra cómo éstas metodologías enriquecen no sólo el trabajo de los alumnos con TEA sino el de todos los que forman parte del aula.
Inclusion in the multi-grade classroom, and specifically that of students with Autism Spectrum Disorder (ASD), represents a challenge for teachers in rural schools. To guarantee the successful inclusion of children with ASD, it is necessary to introduce specific methodologies such as TEACCH (Treatment and Education of Autistic related Communication Handicapped Children) and PECS (Picture Exchange Communication System). The experience presented shows how these methodologies enrich not only the work of students with ASD but also that of everyone in the classroom.
Texto
A inclusión nunha aula multigrao, e en concreto a dos alumnos con Trastorno do Espectro Autista (TEA), representa un reto para os docentes das escolas rurais. De entrada, as metodoloxías activo-participativas, abertas e dinámicas, utilizadas nas aulas multigrao pretenden ser inclusivas atendendo a heteroxeneidade de todo o alumnado pero, ademais, para garantir o éxito da inclusión dos nenos/as con TEA é preciso introducir metodoloxías específicas como TEACCH (Treatment and Education of Autistic related Communication Handicapped Children) e PECS (Picture Exchange Communication System). Así, con elas, facilitamos a súa participación nas actividades, potenciamos a comunicación, garantimos o acceso ao currículo e favorecemos a relación entre iguais. A experiencia presentada mostra como estas metodoloxías enriquecen non só o traballo dos alumnos con TEA, senón o de todos e todas os que forman parte da aula independentemente das súas características.
Contextualización e obxectivos
Esta experiencia ten lugar nunha escola rural da provincia de Lleida, situada no Pireneo Catalán. Nela realízanse agrupamentos cíclicos e actividades interciclos, traballando de forma multigrao. Centrámonos no grupo de Ciclo Inicial, con 17 alumnos e alumnas, resumindo tres anos de traballo compartido (do curso 2019-2020 ao 2021-2022). Amparados no principio de equidade e tendo presente o Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA) destacamos o traballo realizado cun alumno TEA e o seu grupo clase.
Análise e plan de intervención na aula
Para poder planificar e dar unha resposta axustada, analizáronse as capacidades e necesidades do alumno, a infraestrutura do centro e o profesorado. Este proceso resultou imprescindible para poder deseñar un plan realista e eficaz. De entrada, o alumno tiña pouca intención comunicativa, custáballe seguir as sesións de traballo e tiña, pero non usaba, pictogramas. O feito de estar nunha escola pequena facilitou o traballo relacionado co logro da súa autonomía pero dificultou a creación de subespazos na aula polas súas pequenas dimensións, véndonos na obriga de utilizar espazos de fóra da aula nalgúns momentos.
Inicialmente, o profesorado non contaba con formación específica en TEA pero si en metodoloxías activo-participativas. Por este motivo, determinouse que a mestra de pedagoxía terapéutica interviñese dentro da aula polo menos nunha das sesións por áreas para proporcionar apoio ao alumno, ao grupo e ofrecer modelos de intervención ao profesorado. A modelaxe e a reflexión conxunta foron imprescindibles en todo o proceso.
Unha vez analizada esta específica situación expuxéronse tres grandes obxectivos: (1) mellorar a comunicación (expresar e entender) usando o método PECS; (2) garantir o acceso ás aprendizaxes con PECS e TEACCH e mellorar a súa autonomía usando TEACCH e medidas de soporte universais. Ao caso, a metodoloxía TEACCH axuda á comprensión de situacións diarias mediante un ensino estruturado, aproveitando a facilidade destes nenos/as para obter información a través da canle visual. Tivemos en conta catro eixos (Gándara Rossi, 2007):
- Estrutura física da contorna: Establecéronse recunchos de xogo e de traballo grupal dentro da aula e unha zona de traballo individual e de relax fóra.
- Calendario/Axendas diarias: Ofrecían claridade e preditibilidade, con rutinas e secuencias marcadas. Fíxose un horario con pictogramas na pizarra e unha secuenciación máis precisa na mesa do alumno. Tamén para outros alumnos e alumnas se así o necesitaban.
- Sistemas de traballo: As tarefas para un neno/a con TEA deben responder a que fago?; canto fago?; como saberei que terminei?; que pasará despois? Así, fomentouse a súa autonomía e diminuíu a ansiedade, previndo aleteo1, deambulación e ecolalias.
- Organización da tarefa / información visual: Cada tarefa contiña instrucións visuais de diverso tipo tentando que estivese ben organizada e fose intuitiva (exemplo, figura 1).

Polo que respecta a PECS debemos indicar que se trata dun sistema aumentativo de comunicación por medio de intercambio de imaxes. Traballouse nunha primeira fase, e máis custosa, a intención comunicativa. O alumno tiña que entender que cando entregaba un pictograma dábanlle o que pedía, implicando sempre un reforzo positivo por parte do docente cando o realizaba. Así pois, evidenciouse como o alumno foi mellorando co tempo na discriminación de imaxes e construción de frases, ordenándoas e realizando petición mediante a utilización das mesmas. Foi bonito ver como fluía a comunicación na aula durante o proceso e como se evidenciaba a axuda entre iguais.
Valoración da experiencia e perspectivas de futuro.
Durante estes tres cursos constatamos como estas metodoloxías foron incorporándose paulatinamente na vida da escola, axudando tamén ao resto do grupo. O uso de pictogramas foi útil para nenos/as non lectores; ter os espazos delimitados e sinalizados, así como secuenciar e anticipar as actividades favoreceu a autonomía de todos/as. Actualmente, os horarios dalgunhas clases están indicados con pictogramas, incorporáronse tamén libros pictografiados na biblioteca, e mesmo a revista escolar tamén os incorpora. Ademais, hai actividades pensadas para o noso alumno TEA que agora forman parte do centro e son para todos e para todas.
Así pois, a diversidade nas aulas é un aspecto positivo e enriquecedor, e para iso é preciso ofrecer medidas universais e outras que permitan diversas formas de comunicarnos e de chegar a todo o alumnado. Esta experiencia permite albiscar tamén as boas prácticas que se están realizando na escola rural con respecto ao alumnado con TEA e, en definitiva, para atender a diversidade.
Notas ao pé
- 1 Movemento que consiste en mover aceleradamente os brazos a modo de alas.
Referencias bibliográficas
- ARASAAC. (2022). Pictogramas y recursos para la Aomunicación Aumentativa y Alternativa (CAA). https://arasaac.org/
- Gándara Rossi, C.C. (2007). Principios y estrategias de intervención educativa en comunicación para personas con autismo: TEACCH. Revista de Logopedia, Foniatría y Audiología, 27 (4), 173-186.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


