ESenRED: a construción dunha praxe curricular ecosocial

Resumo

ESenRED é unha rede de redes de centros educativos que desenvolven a educación ambiental co seu alumnado e as súas comunidades educativas. Ao longo da súa traxectoria, esta rede achegou o seu labor a unha visión ecosocial da educación e está creando claves de actuación para a integración deste enfoque na súa práctica diaria, así como na súa inserción curricular. A Confint, polas súas características especiais, é un exemplo destacado desta actividade.

ESenRED es la red de redes de centros educativos que desarrollan la educación ambiental con su alumnado y comunidades educativas. A lo largo de su trayectoria, ha acercado su labor a una visión ecosocial de la educación y está creando claves de actuación para la integración de este enfoque en su práctica diaria, así como en su inserción curricular. La Confint, por sus características especiales, es un ejemplo destacado de esta actividad.

ESenRED is a network of schools that develop environmental education with their students and their educational communities. Throughout its history, this network has brought its work closer to an eco-social vision of education and is creating keys to action for the integration of this approach in its daily practice, as well as in its curricular insertion. Confint, for its special features, is a prominent example of this activity.

Palabras Clave

Texto

Corría o ano 2011 cando ESenRED (Escolas cara á Sustentabilidade en Rede) naceu como a rede estatal de redes de centros educativos non universitarios que traballan para que a educación ambiental sexa o eixe do proxecto educativo do centro. Creadas por iniciativa de administracións públicas (CCAA, Concellos, Deputacións etc.), as redes configúranse como unha comunidade de prácticas baseada sobre o traballo cooperativo en rede co fin de desenvolver a cultura da sustentabilidade nos centros escolares, promovendo o protagonismo do alumnado a través de diferentes accións e programas.

ESENRED conta coa colaboración e o apoio do Ministerio de Educación e Formación Profesional e do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental).

Os obxectivos principais de ESenRED son os seguintes:

  1. Facilitar o encontro, o intercambio, a colaboración e a difusión entre as distintas redes de accións, recursos, materiais e ideas.
  2. Promover a reflexión, a avaliación e a innovación sobre a propia práctica para construír colectivamente coñecemento con modelos de referencia.
  3. Desenvolver proxectos comúns que busquen a mellora permanente da aprendizaxe competencial do alumnado, a través do seu protagonismo participativo, así como a mellora da competencia profesional do profesorado.
  4. Establecer contactos, relacións e proxectos comúns con outras redes internacionais de escolas con proxectos educativos enfocados á sostibilidade.
Campaña informativa municipal

En 2022, ESenRED está integrada por máis de 4.600 centros educativos de ensino non universitario, perto de 1.200.000 estudantes e uns 150.000 docentes.

Esta rede de redes nútrese, por unha parte, das experiencias de programas históricos de Educación Ambiental no Estado (o Programa Aldea, a Axenda 21 Escolar dalgunhas comunidades autónomas, as ecoauditorías escolares etc.) e, por outra, da reflexión conxunta arredor das prácticas de cada rede e as reflexións teóricas e liñas de actuación innovadoras que van aparecendo na construción do campo da educación ambiental.

Desta maneira, co paso dos anos, os proxectos que desenvolven os centros das redes de ESenRED comparten, con distintos estilos, cinco claves comúns:

  1. Problemas ecosociais reais e próximos. A crise ecolóxica e social, como contexto da situación de emerxencia climática, é a realidade onde vive e se desenvolve o alumnado. Os proxectos achegan os rapaces e rapazas a esas realidades; algunhas veces desde a sensibilización e o achegamento á problemática, e outras, desde vivencias máis profundas. A realidade próxima ao centro educativo convértese no escenario tanto para a aprendizaxe como para a acción. Os programas das redes tratan de pór a vida no centro de toda actividade educativa, facendo o alumnado consciente da súa ecodependencia e interdependencia, así como das consecuencias do modelo de produción e consumo, entre as que destaca o cambio climático, para actuar en consecuencia.
  2. Empoderamento e protagonismo do alumnado. A rapazada é o centro dos proxectos e, superando o ser participantes, convértese en protagonista tanto do seu proceso de ensino-aprendizaxe, como dos procesos de transformación ecosocial que se tratan de implementar con respecto ás problemáticas ecosociais. Son as mozas e os mozos os que propoñen, planifican e executan as accións transformadoras que se levarán a cabo, empoderándose no proceso.
  3. Investigación-acción. Os proxectos que se desenvolven nos centros integran unha parte investigadora que pode ser un diagnóstico, un estudo de caso, unha exploración sobre posibles solucións etc. Os resultados desta investigación levan á tomar conciencia –”eu son parte do problema e por tanto da solución”–, a propoñer alternativas e a levalas a cabo.
  4. Intervención real e directa na contorna próxima, escolar ou local. As propostas e alternativas póñense en marcha a través de varias estratexias como poden ser:
    1. A acción directa, en forma de campañas de información ou sensibilización ante a comunidade educativa ou municipal (polo cambio climático, uso da enerxía ou da auga, por problemas sociais asociados á igualdade, inclusión, pobreza etc.), intervencións en zonas naturais (limpeza de ríos ou bosques, plantación de árbores autóctonas, construción de hoteis para insectos ou comedoiros e niños para aves etc.), colaboración cos centros de maiores (intercambio de historias, de saberes e oficios antigos, de achegamento ao dixital etc.), cooperación con algunha ONG, elaboración de xabón (que dá para o consumo da comunidade escolar e cuxo excedente se envía a países en desenvolvemento),
    2. A presentación de propostas ante as autoridades municipais. Son moitas as redes que teñen previstos foros nos que o alumnado dos distintos centros educativos da localidade presentan as posibles solucións diante dos mandatarios ou as mandatarias locais para tentar que asuman compromisos sobre unha problemática, así como propostas de mellora que non están nas súas mans e necesitan do compromiso dos decisores e decisoras políticas. Son propostas no sentido de mellorar as infraestruturas e servizos municipais, a contorna natural local, a atención a sectores sociais en risco de exclusión, a solidariedade con colectivos que están a sufrir noutros lugares do planeta etc. Este proceso é altamente motivante e empoderador para o alumnado.
  5. Educomunicación. O alumnado, a través de procesos dialóxicos de comunicación, amosa á comunidade escolar o proceso levado a cabo, as conclusións obtidas, as propostas de transformación ante o cambio climático, as accións impulsadas e os resultados obtidos. As actividades educomunicativas utilizan os recursos escolares comunicativos e artísticos para desenvolver a súa proposta: presentacións, exposicións, poesía, cancións, danzas, performances, murais, teatro, vídeos etc.
Performance de Educomunicación

Na praxe curricular ecosocial de ESenRED, a Confint merece un espazo destacado. Este é un proceso que xorde en Brasil, á calor do programa de educación ambiental Vamos a coidar do Brasil. Por iniciativa gobernamental deste país, en 2010 reuníronse uns 400 mozos/as de 53 países. Fixérono para intercambiar experiencias, renovar a súa responsabilidade coa sustenbilidade e apelar ao compromiso das e dos representantes políticos para que tomasen medidas nese sentido e favorecesen a creación de foros de participación para mozos onde visibilizar que eles e elas tamén son axentes de cambio e transformación social. En España, 57 escolas de Aragón, Galicia, País Vasco e Cataluña participaron en diferentes encontros. Finalmente, unha delegación de oito rapaces e rapazas foron como representantes a Brasilia, na Conferencia Internacional de Mozos Coidemos o Planeta (Confint), onde participaron na redacción da Carta de Responsabilidades dos Mozos baixo o lema “Se non é agora, cando? Se non somos nós, quen?”.

A Confint é un proceso educativo que invita a xuventude de todo o planeta a reflexionar e actuar para melloralo, que busca o compromiso e a responsabilidade das e dos mozos para superar a crise social e ambiental que sofre o noso mundo. Mediante un proceso interactivo levado a cabo por mozos de diferentes localidades, rexións, países e continentes, aprenden e actúan en común por un obxectivo: coidar o planeta.

Por outra parte, a Confint aproxima a dimensión da política ambiental á educación regrada xa que mobiliza e compromete a xuventude a analizar e debater, co resto da comunidade educativa, os principais retos ecolóxicos e sociais actuais. É un proceso de construción da aprendizaxe no que mozos e mozas se reúnen, deliberan sobre problemas ecosociais importantes, asumen responsabilidades, desenvolven accións para abordar as problemáticas seleccionadas e elixen representantes que comunicarán as ideas acordadas en diferentes espazos de intercambio. Este proceso inclúe a realización de conferencias en diferentes niveis sucesivos: a nivel da escola, conferencias de redes estatais, provinciais e/ou autonómicas e, finalmente, de ámbito internacional.

En definitiva, a Confint é un proceso de investigación-acción participativa que insta á actuación persoal e colectiva, local e global, na loita fronte á crise ecosocial.

Confint Europea de Lisboa 2018

A partir da experiencia de Brasil, o proceso imbricouse con grande éxito nos programas de diferentes redes e hoxe en día, doce anos despois da primeira Confint, téñense realizado centos de conferencias escolares, decenas de conferencias autonómicas e cinco estatais en España (Vitoria-Gasteiz, 2012; Barcelona, 2014; Logroño, 2016; Alcaraz, 2018 e Guadarrama, 2021) e europeas (Comité das Rexións de Bruxelas, 2014, 2016 e Lisboa 2018).

En resumo e para finalizar, neste contexto de crise ecosocial global, hai experiencias de Educación Ambiental de corte ecosocial que dan o protagonismo aos mozos e ás mozas de ESenRED, a través dos diferentes programas de cada rede, por medio de procesos de investigación-acción participativa que ofrecen espazos para o desenvolvemento competencial do alumnado, así como para a acción ecosocial transformadora individual e colectiva, local e global.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Referencias

  • González-Torrents, C., Pérez-Carrillo, P. y Vilar-Recasens, M. (2021). Buenas prácticas de educación para el desarrollo sostenible. Conferencia Internacional de Jóvenes: Cuidemos el planeta – CONFINT. Secretaría General Técnica del Ministerio de Educación y Formación Profesional.
  • Gutiérrez-Bastida, J.M. (2012). La Confint y ESenRED: Crisoles de aprendizaje hacia la Eco-ciudadanía. Boletín del CENEAM.
  • Gutiérrez-Bastida, J.M. (2015). CONFINT: aportación al desarrollo competencial y medioambiental del alumnado. V Congreso Internacional de Educación Ambiental. 12-15 de marzo de 2015, Madrid.
  • Gutiérrez Bastida, J.M. (2020). La CONFINT hace frente al cambio climático. respuestas de la juventud ante el calentamiento global. En Rodrigo-Cano, Daniel y Fernández-Reyes, Rogelio (Eds). XV Aniversario Seminario Respuestas desde la educación y la comunicación al cambio climático. (pp. 171-190). Miteco-CENEAM, Segovia.
  • Gutiérrez-Bastida, J.M. y Pérez-Carrillo, P. (2021). ESenRED 2.0, escuelas enredadas por la sostenibilidad. En Rodrigo-Cano, D., Mancinas-Chávez, R. y Fernández-Rial, R. La comunicación del cambio climático, una herramienta ante el gran desafío. Dykinson.
  • Gutiérrez-Bastida, J.M. (2021). Buenas prácticas de educación para el desarrollo sostenible. Escuelas hacia la sostenibilidad en Red – ESenRED. Secretaría General Técnica del Ministerio de Educación y Formación Profesional.
  • Herrero, Y. (2011). Redes de cooperación entre A21E: aprender de la naturaleza. En Melendro, M., Menoyo, M. Á., y Cano, A. (eds.). Ideas. Iniciativas de educación ambiental para la sostenibilidad (pp. 235-250). Editorial UNED.

Banners

Compartir