Escolas, colexios, institutos: espazos de vida, de inclusión e de galeguización

Texto

As aulas, os corredores e os patios volveron encherse de rapazada para emprender a aventura gozosa da educación e da convivencia. Nos arredores destes espazos hai demasiadas circunstancias ambientais, familiares ou económicas que comportan diversos graos de intranquilidade, desasosego e incerteza para a vida de moitas persoas, ou de rampante discriminación antidemocrática… Malia a isto, a nosa sociedade dispón de mecanismos e instrumentos de intervención social que, no medio da complexidade e das contradicións, poden axudar a temperar nun intre dado unha circunstancia problemática e ofrecer vías de transformación saudable.

Os espazos educativos, isto é, os centros de educación públicos —tamén os privados— coa súa complexidade son, deben ser, espazos de vida, de ben estar, de laboriosidade, de sororidade, de inclusión e, entre nós, tamén de galeguización, no senso máis profundo da palabra.

Así, o reclamamos ao aprobar o manifesto Modelo de Educación Pública, no pasado día 1 de xullo, con ocasión do acto de celebración do 40 aniversario de Nova Escola Galega, que se pode ler aquí e do que aquí extractamos o seu punto 8º: 

Este enfoque da educación debe traducirse nunha esixente xestión democrática dos centros escolares, alén de formalismos burocráticos ou que se burocratizan con excesiva frecuencia. A información oportuna, a corresponsabilidade na toma de decisións, a coordinación e a cooperación, ademais da procura de consensos en ben do conxunto do alumnado, deben ser os alicerces desta xestión democrática, para o logro de dinámicas comunidades educativas. Son requisitos que deberán conducir a dispoñer dun proxecto educativo de centro, avaliado, revisado e recreado periodicamente. Os centros deben ser, ademais, ⎯e así está disposto desde as normativas⎯ unidades de elaboración e de axuste curricular, todo o que fai imprescindible dispoñer de marxes reais de autonomía propositiva, executiva e de recursos, no marco da ordenación xeral do sistema educativo.

Con este convencemento invitamos o conxunto do profesorado a manter a implicación profesional que nos corresponde, con prácticas de responsabilización individual e colectiva na vida dos centros e, se for preciso, con algunha confrontación coa burocracia administrativa, coa clara consciencia de que de nós tamén depende a construción dunha mellor sociedade, que é a suma dunha mellor humanidade. Unha acción que non se detén nas portas físicas dos centros e que, polo contrario, ten alcance social, con diversas escalas. Facer o mellor posible o que nos corresponde a nós facer.

Sabemos que vivimos en tempos de diferentes adversidades, que xunto a facianas colaboradoras da acción educativa, existen socialmente poderosos axentes reaccionarios e modos culturais neo-liberais que van contra da educación que forma para unha sociedade democrática, xusta, laica, inclusiva, que cultive a bondade e o seu de ledicia. Con esa consciencia levamos adiante o noso traballo en cooperación, con proxectos e horizontes colectivos.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir