Entrou na casa un tempo novo
Texto
Non contabamos coa COVID-19. Ao chegar ela… quedamos en suspenso, e co confinamento xeneralizado puidemos pensar: pasará logo e volveremos ‘á (nova) normalidade’; mais a situación non ten aínda trazas. Mentres, moitas cousas van cambiando, non polas nosas decisións senón a remolque do que sucede.
‘Entrou na casa (de todas e todos) un tempo novo’ con aínda non ben recoñecíbeis modificacións económicas, nas relación sociais e internacionais, no funcionamento dos servizos públicos, no eido laboral, no campo cultural, e todo con retrocesos en determinadas causas sociais e con maiores desaxustes e inxustizas para os sectores da poboación en risco de pobreza.
Hai, pois, que recrear numerosos aspectos da(s) axenda(s) políticas, como: gobernanza para todas as persoas, reordenar prioridades, modificar procesos, instrumentar accións e desenvolvementos novos. Tamén no campo da educación. Non estamos ao tanto do que en concreto se está a debater agora na Comisión de Educación e FP do Congreso dos Deputados arredor das emendas ao Proxecto de Lei que coñecemos como a LOMLOE, pero de seguro que a cuestión da COVID e o que suscita está presente nos debates, como non pode ser menos. Polo de pronto, imos sabendo que de aprobarse superaranse algúns vicios neoliberais e as visións de onte que ten a LOMCE.
O ano 2021, centenario da creación da Liga Internacional da Escola Nova, será un momento de reapertura do debate dos deseños curriculares para o conxunto do sistema educativo e tamén de reforma da formación para a función docente; volverán ampliarse as capacidades curriculares de Galicia como Comunidade Autónoma. Por iso, desde aquí e desde agora, demandamos da Consellería de Educación e da Xunta de Galicia a súa contribución para o estudo, o debate e a concertación, sen resaibos autoritarios, legalistas e neoliberais, do que serán os novos deseños curriculares… tendo por diante o horizonte da centralidade da educación pública e o dunha sociedade galega democrática e colectivamente consciente do que é como identidade política, lingüística e cultural, con retos colectivos a enfrontar nun tempo novo, no que cobran máis importancia que nunca o coñecemento científico, a sostibilidade ambiental, as capacidades propias de xestión e de trazado de programas e accións políticas e de goberno, o concepto de desenvolvemento local e a madurez creativa das e dos actores sociais, cantos máis mellor.
Con este horizonte próximo deberemos estar enfocando o día a día nas aulas do sistema educativo de Galicia. Fortalecendo as redes nas que interveñen o profesorado coa diversidade de grupos de traballo que o conforma, as confederacións de nais e país, as organizacións sociais sindicais e as pedagóxicas; abrindo espazos de diálogo, de interrogación, de crítica necesaria e de busca de acordos posíbeis; xerando axencias e espazos de estudo e de investigación, con comportamento distinto do que agora é o habitual, isto é espazos de poder e de control burocrático ao servizo do conservadorismo. É tempo de abrir o horizonte; é tempo de construír o novo, desde a participación colectiva, esixente e creativa.
Un tempo, necesariamente, de galeguización en todas as ordes; unha galeguización que, a un tempo, nos faga máis conscientes das nosas capacidades a fin de que as operativicemos e sexamos máis co-partícipes do futuro da Humanidade, á que poidamos achegar o mellor de nós.
Neste marco, as e os ensinantes galegos non podemos recluírnos cada un na súa aula ou na súa escola, esperando acontecementos e a chegada de indicacións administrativas, pois non hai gobernantes máis listos e máis conscientes. Reclamamos, pois, un exercicio pleno da profesionalidade educadora, que se traduce en preciso aumento da formación técnico-pedagóxica, na preparación de recursos didácticos galeguizados (e na súa promoción por parte da Administración), no feito de interrogarse colectivamente sobre os tempos, os espazos e as formas de organización da educación, na participación na toma de decisións debatidas e consensuadas, e tamén na actuación responsábel como docentes, ante os interrogantes que suscita ‘este tempo novo que entrou na casa’.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: