Emerxencia climática e educación

Texto

Comezamos a preparar este monográfico sobre os retos da educación fronte a emerxencia climática en 2021, cando comezaba a percibirse certa luz ao final do túnel da pandemia. Sempre fomos escépticos sobre o potencial de cambio da situación de alarma sanitaria que experimentabamos. Lamentablemente, tíñamos claro que o escenario estatal e global ía presentar os mesmos problemas e retos socio-ambientais despois da pandemia, posiblemente agudizados polas secuelas económicas e sociais derivadas da mesma emerxencia sanitaria.

É certo que a pandemia supuxo unha redución significativa das emisións de gases de efecto invernadoiro, tanto a nivel do Estado español como a nivel global, en torno a un 6% menos a respecto do ano 2019. Pero no ano 2021 recuperáronse os niveis de emisións precedentes, nun repuntamento que pode consolidarse no ano 2022. Paradoxalmente, a Unión Europea e o Goberno español declararon oficialmente a emerxencia climática xusto antes da pandemia, coa intención de impulsar políticas de transición enerxética e descarbonización consecuentes cos obxectivos do Acordo de París (2015). Que houbese que esperar un lustro para que a crise climática pasase a un lugar relevante da axenda política rexional e local resulta, cando menos, inquietante. Levamos máis de 50 anos de demora dende que a ciencia presentou as primeiras evidencias certas de que a humanidade industrializada estaba a alterar a estabilidade climática relativa do Holoceno.

Noutro paradoxal xiro, o período pandémico foi aproveitado polo Goberno español para sentar as bases lexislativas e normativas dunha política estatal de mitigación e adaptación máis ambiciosa. Neste impulso destaca a promulgación dunha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, aprobada finalmente en 2021, e a presentación da Estratexia de Descarbonización a Longo Prazo 2050 (2020) e do Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021-2030 (2020). A súa finalidade última, en consonancia co Acordo de París, é acadar a neutralidade climática da sociedade española a mediados de século: é dicir, reducir as emisións anuais de GEI a niveis que os sumidoiros naturais da biosfera (vexetación e océanos, fundamentalmente) poidan volver a fixar.

Neste período tamén viu a luz a LOMLOE. Por primeira vez, unha lei orgánica de educación incorpora explicitamente a atención á emerxencia climática entre os seus fins. En consonancia, os decretos de ensinanzas mínimas para todos os niveis recollen a crise climática como un reto educativo relevante, especialmente na educación secundaria e no bacharelato. E, se ben é certo que queda por concretar a transposición deste novo marco curricular aos espazos de competencia autonómicos, por primeira vez parece que existe a vontade política de converxer a política climática e a política educativa.

Pero tamén hai indicios, por exemplo, de que a cuestión climática poida formar parte da “guerra cultural” impulsada dende sectores da dereita e da ultradereita que utilizan o negacionismo climático para proxectar a súa identidade, condicionando ou limitando, entre outros efectos secundarios, o potencial da LOMLOE para inserir a emerxencia climática na axenda escolar. Esta mesma corrente pode entorpecer o desenvolvemento da LOMLOE a nivel autonómico, principalmente nas comunidades con gobernos de orientación neoliberal. Outro problema é se o timing da reforma en marcha é o adecuado para responder coa rapidez necesaria aos cambios que será preciso adoptar para situar a sociedade española na senda da neutralidade climática. De feito, unha das cuestións que introducimos neste monográfico é a pertinencia de impulsar un currículo de emerxencia climática.

Cando estabamos a pechar este monográfico da RGE, dúas conxunturas irromperon na escena pública. Por unha parte, a guerra en Ucraína, que está a redefinir o marco xeopolítico global e que pode alterar as políticas de resposta á crise climática que parecían tomar pulo, principalmente en Europa. Un conflito onde conflúen outros moitos e que entronca perigosamente co impacto social e os conflitos alimentados pola recesión económica que a guerra suma aos problemas preexistentes da escaseza e carestía de materias primas enerxéticas, minerais e alimentarias.

Por outra parte, en moitas rexións do planeta especialmente vulnerables ao cambio climático estase a experimentar unha seca excepcional, con ondas de calor recorrentes e anormalmente intensas e prolongadas. A converxencia desta situación coa guerra en Ucraína -uns dos grandes produtores de grao a nivel mundial- está a provocar una emerxencia alimentaria en moitos países subdesenvolvidos. En España, esta conxuntura estase a manifestar con problemas na dispoñibilidade de auga e no padecemento de grandes incendios forestais cunha capacidade destrutiva descoñecida até agora. A percepción social destes eventos climáticos extremos e as súas consecuencias cada vez máis evidentes na vida cotiá de millóns de persoas, pode xogar a favor da aceptación de políticas climáticas máis ambiciosas das postas en práctica até agora. Pero a depresión socio-económica que está a causar a converxencia de ambas conxunturas, guerra e eventos climáticos adversos, pode ter un efecto contrario ao coartar a ambición e os recursos para unha política climática xa de por si limitada.

Este é o escenario onde as institucións educativas terán que tomar posición diante da emerxencia climática e os problemas socio-ambientais conexos (alimentación, enerxía, auga, recursos, saúde, modelos de produción e consumo, biodiversidade, etc). A solución da crise climática, a principal evidencia da crise socio-ambiental do modelo civilizatorio xurdido da Revolución Industrial, non é nin será educativa. Pero calquera alternativa para eludir os peores escenarios climáticos que a ciencia considera posibles pasa por considerar o papel da educación, formal e non formal, nos cambios culturais necesarios para transitar cara a sociedades descarbonizadas nun mundo que distribúa de forma máis xusta recursos e cargas ambientais. Non é un problema de supervivencia, senón de evitar cantidades inxentes de sufrimento humano. Este monográfico pretende situar algúns dos desafíos deste reto no radar da comunidade educativa galega.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir