A educación para o desenvolvemento sostible e a cidadanía mundial na LOMLOE
Resumo
A LOMLOE dá un salto cualitativo no proceso de integración da dimensión ecosocial do ensino nos currículos da educación non universitaria, algo que aparece reflectido tanto no corpo da lei orgánica, como nos Reais Decretos de ensinanzas mínimas nos que se incorporan as competencias para a sustentabilidade, de forma transversal, en todas as etapas educativas.
La LOMLOE da un salto cualitativo en el proceso de integración de la dimensión ecosocial de la enseñanza en los currículos de la educación no universitaria, algo que se refleja tanto en el cuerpo de la ley orgánica, como en los Reales Decretos de enseñanzas mínimas en los que las competencias para la sostenibilidad se incorporan, de forma transversal, en todas las etapas educativas.
LOMLOE takes a qualitative leap in the process of integrating the eco-social dimension of education in non-university education curricula, something that is reflected both in the body of organic law and in the Royal Decrees on Minimum Education in which competencies for sustainability are incorporated, so transversal, in all educational stages.
Palabras Clave
Texto
“Transformar o noso mundo” é o lema da Axenda 20301 para o Desenvolvemento Sostible, sendo os seus eixos centrais o planeta, as persoas, a prosperidade, a paz e as alianzas. Na Axenda defínense 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), entre os que a Educación para o Desenvolvemento Sostible2 é recoñecida como parte da meta 4.7do ODS 43, e para a que se esixe que os modelos educativos incorporen unha formación integral baseada en valores compartidos como ⎯entre outros⎯ os relativos aos dereitos humanos.
É, pois, imprescindible que estes modelos dean resposta aos compromisos adquiridos no marco dos ODS, para preparar os nenos e nenas e os mozos e mozas para vivir nun entorno complexo, incerto e interconectado, introducindo no currículo ferramentas para comprender o mundo, competencias socio-afectivas para manexarse nel, e estratexias vinculadas ao pensamento crítico e sistémico, para situarse diante del. Isto implica promover hábitos e valores relacionados coa dignidade humana, a igualdade, a xustiza, a solidariedade e a participación, todos eles necesarios para o logro dunha convivencia pacífica e democrática.
Por outra parte, o incremento da complexidade social e os retos do século XXI requiren unha formación específica en competencias que faciliten a comprensión do mundo actual desde unha perspectiva ampla, integral e ben fundada, motivo polo que, entre outros, se institúe a Lei Orgánica 3/2020, de 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (LOMLOE)4.
Esta nova lei representa, ademais, un salto cualitativo no proceso de integración da dimensión ecosocial do ensino nos currículos da educación non universitaria, algo que se reflicte tanto no corpo da lei orgánica, como nos Reais Decretos de Ensinanzas Mínimas de todas as etapas educativas.
A Educación para o Desenvolvemento Sostible e a cidadanía mundial no articulado da lei.
Entre os principios reitores da LOMLOE destacan o recoñecemento dos dereitos da infancia5, o impulso á igualdade de xénero e o que aquí máis interesa: o recoñecemento da importancia da Educación para o Desenvolvemento Sostible de acordo co establecido na Axenda 2030.
Para iso, a Educación para o Desenvolvemento Sostible e a cidadanía mundial incardínanse nos plans e programas educativos da totalidade do ensino obrigatorio6, incorporando os coñecementos, destrezas, valores e actitudes que necesitan todas as persoas para viviren unha vida frutífera, adoptaren decisións fundamentadas e asumiren un papel activo —tanto no ámbito local como no mundial— á hora de enfrontar e resolver os problemas comúns a todos os cidadáns do mundo.
Como recolle o preámbulo da LOMLOE, a Educación para o Desenvolvemento Sostible inclúe a educación para a paz e os dereitos humanos, a educación intercultural e a educación para a transición ecolóxica, imprescindibles para abordar a emerxencia climática, de modo que o alumnado recoñeza que consecuencias teñen as nosas accións diarias no planeta e xerar, así, a necesaria empatía cara á súa contorna natural e social.
A lei establece, ademais, que as Administracións educativas favorecerán, en coordinación coas institucións e organizacións da súa contorna, a sostibilidade dos centros, a súa relación co medio natural e a súa adaptación ás consecuencias derivadas do cambio climático, garantindo, por exemplo, a seguridade nos traxectos escolares e promovendo desprazamentos sostibles nos diferentes ámbitos territoriais (interpretándoos, mesmamente, como fonte de experiencia e aprendizaxe vital). O dito implica igualmente que os centros escolares terán que converterse en lugares de custodia e coidado do medio ambiente, promovendo unha cultura da sostibilidade ambiental, da cooperación social, promovendo programas de estilos de vida sostible, e fomentando a reciclaxe e o contacto cos espazos verdes. Para concretar estas prescricións será fundamental o tratamento transversal da sostibilidade nos proxectos educativos de centro.
No que fai referencia ás etapas educativas, e conforme á mesma lei, a Educación Infantil incluirá a educación en valores, a educación para o consumo responsable e sostible, e a promoción e a educación para a saúde. Por outra parte, tanto na Educación Primaria como na Educación Secundaria Obrigatoria introdúcese a área/materia de “Educación en valores cívicos e éticos”, na que se incorporan, entre outros, contidos referidos á Constitución española, ao coñecemento e respecto dos Dereitos Humanos e da Infancia e á Educación para o Desenvolvemento Sostible e a cidadanía mundial, fomentando o espírito crítico e a cultura da paz e a non violencia. Ademais, traballaranse en todas as áreas, entre outras, a educación para o consumo responsable, o desenvolvemento sostible e a educación para a saúde.
Máis aló da educación básica, entre os obxectivos do Bacharelato destácase tamén o fomento dunha actitude responsable e comprometida na loita contra o cambio climático e a promoción do desenvolvemento sostible. Finalmente, os obxectivos da Educación de Adultos oriéntanse a promover actitudes e adquirir coñecementos vinculados ao desenvolvemento sostible e aos efectos do cambio climático e das crises ambientais, de saúde ou económicas, así como a promover hábitos saudables.
A Educación para o Desenvolvemento Sostible e a cidadanía mundial no perfil de saída e as competencias clave para a aprendizaxe permanente.
A Recomendación do Consello en relación ao desenvolvemento das competencias clave para a aprendizaxe permanente, de maio de 20187, reafirma a necesidade de garantir que os sistemas educativos dos países da UE articulen os seus plans educativos en torno ao eixo central que supón a formación de ditas competencias8. Esta articulación ten que contribuír á comprensión da importancia do exercicio dunha cidadanía activa en torno a valores comúns tanto de orde formativo ou cultural como persoal, social ou laboral9.
A adaptación ao sistema educativo español das citadas competencias clave, en resposta á necesidade de vinculalas aos retos e desafíos do século XXI e ás peculiaridades da realidade administrativa española, plásmase no Perfil de saída ao final da educación básica, no que, a través dunha serie de descritores operativos consignados nun anexo dos Reais Decretos de ensinanzas mínimas, indícanse os niveis de desempeño que terá que mostrar o alumnado con respecto a ditas competencias ao rematar o ensino básico e o Bacharelato10.
Os descritores operativos correspondentes á competencia cidadá son os que se ocupan máis directamente do desenvolvemento sostible e a cidadanía mundial, aínda que estes están tamén presentes nos descritores do resto das competencias clave; por exemplo, naqueles referidos á educación para o pensamento crítico e á prevención da desinformación, áo compromiso activo coa sostibilidade e a cidadanía global, e á promoción da participación democrática11.
A Educación para o Desenvolvemento Sostible e a cidadanía mundial nos Reais Decretos de ensinanzas mínimas.
As referencias máis concretas á Educación para o Desenvolvemento Sostible e a cidadanía mundial, así como a aqueles contidos, destrezas e actitudes que resultan fundamentais para o reforzo educativo daquelas, recorren os currículos de ensinanzas mínimas en Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato, incluíndo estas referencias de xeito preciso nas áreas e materias que compoñen o currículo e que se articulan en competencias específicas, criterios de avaliación e saberes básicos.
Neste sentido, o vínculo entre a sostibilidade e a cidadanía global, e o desenvolvemento de competencias relacionadas coa comprensión dos retos e problemas do século XXI e o compromiso con proxectos de interese planetario, tal como os que se definen nos ODS, aparecen igualmente en case todas as áreas e materias, desde Educación Infantil, onde se promove a adquisición de hábitos saudables e sostibles a partir de rutinas que nenos e nenas irán integrando nas súas prácticas cotiás12, ata as etapas sucesivas nas que ditas rutinas terán que orientarse cara á adopción consciente e fundamentada de determinados estilos de vida.
Por ofrecer algúns exemplos significativos, a materia de Educación en valores cívicos e éticos dispón, tanto na Educación Primaria13 como na ESO14, dunha competencia específica e un bloque completo de saberes básicos con vinculación coa sostibilidade e a ética ambiental (Comp.3 e Bloque C, nos dous casos).
Por outra parte, nas áreas da Educación Primaria, hai varias competencias específicas e bloques de saberes básicos relativos ao cambio climático, a pegada ecolóxica e a responsabilidade ecosocial (por exemplo, en Coñecemento do medio natural, social e cultural: Comp. 6 e Bloque C)15.
Tamén, na ESO16, en materias como Bioloxía e xeoloxía, Educación física, Tecnoloxía, Ciencias Aplicadas e Xeografía e Historia, establécense varias competencias específicas e bloques de saberes básicos vinculados á sostibilidade, ao cambio climático, á emerxencia climática e á responsabilidade ecosocial.
Igualmente, no Bacharelato17 trátanse estes temas en materias como Bioloxía, Xeoloxía e ciencias ambientais, Historia do mundo contemporáneo, Historia de España, Economía e Educación física.
Na materia de Xeografía, por exemplo, trátase a través de determinados saberes básicos, como os relativos ás políticas ambientais en España e na Unión Europea, ao debate sobre os modelos de desenvolvemento e ao principio de sostibilidade no marco comunitario, ou sobre a sostibilidade do medio físico de España, a biodiversidade ou a emerxencia climática (Bloque B).
Tamén, na materia de Filosofía, formúlase como una competencia específica a adquisición dunha perspectiva global, sistémica e transdisciplinar no enfoque de cuestións fundamentais e de actualidade, como as relativas aos problemas ecosociais ou outras relacionadas cos retos do século XXI (Comp.7).
Notas ao pé
1 Resolución da Asemblea Xeral “Transformar o noso mundo: a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible” A/RES/70/01 (25 de setembro de 2015), dispoñible en: https://unctad.org/system/files/official-document/ares70d1_es.pdf
2 https://www.unesco.org/es/education/sustainable-development
3 https://www.un.org/sustainabledevelopment/es/education/
4 Ley Orgánica 3/2020, de 29 de decembro, pola que se modifica a Ley Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (BOE núm. 240, de 30 de decembro de 2020, pp. 122868 a 122953).
5 Instrumento de Ratificación da Convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989. (BOE núm. 313, de 31 de decembro de 1990, pp. 38897 a 38904).
6 LOMLOE, Preámbulo; Art.1, r; Art. 33, o.; Art. 110. Disp. ad. sexta.
7 DO C 189 a 4.6.2018
8 COM (2017) 673 final, p.7. Vid. et. DO C 189 a 4.6.2018, p.1.
9 DO C 189 a 4.6.2018. A competencia cidadá é a que apunta directamente á conciencia e ao compromiso activo coa sostibilidade e contra o cambio climático.
10 Cf. COLL, C. e MARTÍN, E.: “La LOMLOE, una oportunidad para la modernización curricular”. Avances en Supervisión Educativa, 35, 2021. https://doi.org/10.23824/ase.v0i35.731
11 Real Decreto 95/2022, de 1 de febreiro, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Infantil (BOE núm. 28, de 2 de febreiro de 2022, pp. 14561 a 14595).
Real Decreto 157/2022, de 1 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Primaria (BOE núm. 52, de 2 de marzo de 2022, pp. 24386 a 24504).
Real Decreto 217/2022, de 29 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Secundaria Obrigatoria. (BOE núm. 76, de 30 de marzo de 2022, pp. 41571 a 41789).
Real Decreto 243/2022, de 5 de abril, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas do Bacharelato. (BOE núm. 82, de 6 de abril de 2022, pp.46047 a 46408).
12 Real Decreto 95/2022, de 1 de febreiro, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Infantil (BOE núm. 28, de 2 de febreiro de 2022, pp. 14561 a 14595). Vid. p. ex. as competencias específicas e saberes básicos da Área 1.
13 Real Decreto 157/2022, de 1 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Primaria. (BOE núm. 52, de 2 de marzo de 2022, pp. 24386 a 24504). Vid. p. ex. as competencias específicas e saberes básicos da área de Educación en valores cívicos e éticos.
14 Real Decreto 217/2022, de 29 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Secundaria Obrigatoria. (BOE núm. 76, de 30 de marzo de 2022, pp. 41571 a 41789). Vid. p. ex. as competencias específicas e saberes básicos da materia de Educación en valores cívicos e éticos.
15 Real Decreto 157/2022, de 1 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Primaria (BOE núm. 52, de 2 de marzo de 2022, pp. 24386 a 24504). Vid. p. ex. as competencias específicas e saberes básicos da área de Coñecemento do medio natural, social e cultural.
16 Real Decreto 217/2022, de 29 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Secundaria Obrigatoria (BOE núm. 76, de 30 de marzo de 2022, pp. 41571 a 41789). Vid. p. ex. as competencias específicas e saberes básicos das materias de Bioloxía e xeoloxía, Educación física, Tecnoloxía, Ciencias aplicadas e Xeografía e Historia.
17 Real Decreto 243/2022, de 5 de abril, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas do Bacharelato (BOE núm. 82, de 6 de abril de 2022, pp. 46047 a 46408). Vid. p. ex. as competencias específicas e saberes básicos das materias: Bioloxía, xeoloxía e ciencias ambientais, Historia do mundo contemporáneo, Historia de España, Economía, Filosofía e Educación física.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
Referencias
- Ley Orgánica 3/2020, de 29 de decembro, pola que se modifica a Ley Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (BOE núm. 240, de 30 de decembro de 2020, pp. 122868 a 122953).
- Real Decreto 95/2022, de 1 de febreiro, polo que se establecen a ordenación as ensinanzas mínimas da Educación Infantil. (BOE núm.28, de 2 de febreiro de 2022, pp. 14561 a 14595).
- Real Decreto 157/2022, de 1 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Primaria. (BOE núm. 52, de 2 de marzo de 2022, pp. 24386 a 24504).
- Real Decreto 217/2022, de 29 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Secundaria Obrigatoria. (BOE núm. 76, de 30 de marzo de 2022, pp. 41571 a 41789).
- Real Decreto 243/2022, de 5 de abril, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas do Bacharelato. (BOE núm. 82, de 6 de abril de 2022, pp.46047 a 46408).
- Conclusións adoptadas polo Consello Europeo de 14 de decembro de 2017 (EUCO 19.1.2017 REV 1).
- Recomendacións do Consello, de 22 de maio de 2018, relativas ás competencias clave para a aprendizaxe permanente (DO C 189 de 4.6.2018).
- Resolución da Asemblea Xeral. Transformar o noso mundo: a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible A/RES/70/01 (25 de setembro de 2015).
- Instrumento de Ratificación da Convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989. (BOE núm. 313, de 31 de decembro de 1990, pp. 38897 a 38904).