Educar para e no monte
Texto
O monte ocupa preto de dous terzos do territorio de Galicia e sustenta un sector forestal que é o máis importante do Estado e dos primeiros de Europa. Sendo importante este potencial económico do monte, resultan máis relevantes, a efectos educativos, as súas dimensións ecolóxica, social e cultural.
O monte é, en primeiro lugar, o máis importante albergue de biodiversidade e o maior axente de protección do solo. Sexa na súa forma de bosque ou de matogueira, o monte garda unha diversidade arbórea e arbustiva que xera os principais ecosistemas de Galicia: fragas, soutos, bidueirais, faiais, sobreirais ou bosques de ribeira. Bosques autóctonos que retroceden fronte ás plantacións de especies foráneas, como piñeiros e eucaliptos, destinadas á explotación rápida da madeira. Pero a maior parte do monte está ocupada por matogueira, con múltiples variedades de xestas, toxos, breixos, uces, queirogas ou piornos. Estes ecosistemas protexen e rexeneran o solo, limpan a auga e o aire e constitúen os hábitats das especies animais.
Ao lado da dimensión ecolóxica, o monte ten unha enorme relevancia social e cultural. A maior parte da poboación galega mantén relación co monte, sexa como propietaria —o 98% do monte é propiedade particular ou veciñal—, como usuaria —a montaña é destino elixido para o lecer, a actividade física e o turismo— ou como integrante dunha comunidade na que o monte é parte fundamental das paisaxes rurais, ao lado dos núcleos de poboación e das terras cultivadas. Abonda pensar no impacto que teñen no territorio topónimos e antropónimos como Carballo, Castaño, Souto, Reboredo, Loureiro, Toxo ou Queiruga, todos derivados da vexetación autóctona. Por non falar do enorme valor simbólico que teñen na representación de Galicia montes como Os Ancares, O Courel, Pena Trevinca, O Pindo, O Monte Louro ou O Pico Sacro.
Cando este verán os incendios forestais de terceira xeración afectaron espazos naturais como Pena Trevinca, Larouco, O Invernadeiro, A Enciña da Lastra, Pena Corneira e unha grande cantidade de núcleos rurais, resultou desalentador que algunhas autoridades e cidadáns pretendesen minimizar a catástrofe ambiental argumentando que a maior parte do que ardeu era matogueira e pedras. Unha mensaxe que pon de manifesto un descoñecemento flagrante do valor ecolóxico e social do monte e reproduce a visión que ten do territorio unha sociedade que está a punto de perder a relación sustentable co mundo rural e utiliza as expresións “a monte” ou “do monte” para adxectivar o que non ten valor, o inútil.
Se queremos que o territorio, a paisaxe e o medio ambiente de Galicia ocupen o lugar que merecen nas xeracións futuras, fan falta políticas públicas consensuadas que promovan a fixación de poboación no rural, que deseñen e desenvolvan programas de ordenación integral do monte que aposten polas especies autóctonas e estruturas en mosaico, que poñan a énfase na prevención duns incendios cada vez máis destrutivos, e que potencien os valores ecolóxico, social e cultural do monte, máis alá do económico.
No ámbito educativo, debemos mobilizar ideas e recursos para unha formación que sitúe o mundo rural, o monte e a prevención dos incendios forestais no centro dunha educación ambiental formal e non formal orientada a concienciar sobre o valor do monte como compoñente substantivo da paisaxe e da identidade territorial de Galicia. Existen iniciativas inspiradoras. O Laboratorio Ecosocial do Barbanza, promovido pola Fundación Ría con grupos de investigación da USC e entidades locais, que promove o estudo, rexeneración e xestión integral do territorio. A Fundación Montescola, con sede en Lousame, que leva a cabo proxectos en colaboración con centros educativos para deseucaliptizar montes comunais, ao tempo que produce materiais didácticos. O Proxecto Montevivo, no que participan centros educativos e entidades locais de Castro Caldelas, Rianxo ou Monforte de Lemos, agora incluído no Plan Proxecta, para rexenerar e plantar con especies autóctonas montes que sufriron incendios. Tamén o Proxecto Terra, iniciativa do Colexio de Arquitectos de Galicia, que agora cumpre 25 anos, e ten desenvolvido iniciativas e mateirias de ensinanza para prmover nos diferentes niveis escolares un coñecemento crítico do territorio que habitamos.
Educar para o monte implica tamén que o monte se converta en aula viva, en lugar de indagación e de aprendizaxe servizo. Cando as aulas —desde a educación infantil á universidade— saen ao monte e educan no monte, prodúcense múltiples oportunidades para aprender sobre as relacións seres humanos-natureza , para comprender e apreciar as paisaxes, para interactuar e colaborar coa poboación rural, para contrastar os efectos a curto e medio prazo dos incendios forestais, e para participar como cidadanía activa en campañas de rexeneración dos solos, erradicación de especies invasoras ou plantación de especies autóctonas.
É longo o camiño por percorrer, pero outra relación co monte é posible.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


