Educar na natureza
Texto
EDUCAR NA NATUREZA
A relación entre a natureza e a educación foi obxecto de reflexión desde que a educación existe como práctica social. As primeiras achegas sistemáticas debémosllas aos ilustrados J. J. Rousseau (1712-1778), J. H. Pestalozzi (1746-1827) e F. Froebel (1782-1852), que se fixeron eco dos beneficios da educación en contacto coa natureza. Estas ideas formaron parte substancial do movemento da Escola Nova e acabaron ocupando un lugar central nas pedagoxías Montessori, Reggio Emilia ou Waldorf.
Nas primeiras décadas do século XX comezou a tomar forma o movemento da educación ao aire libre. En 1903, fundouse a primeira waldshule (escola bosque) en Alemaña, estendéronse por Austria, Suíza ou o Reino Unido e, en 1912, creouse en España a primeira escola bosque en Montjuïc, dirixida por Rosa Sensat. A mediados do século XX as Forest School, nas que a educación se desenvolve a maior parte do tempo ao aire libre, tiveron un forte impulso nos Países Escandinavos e, desde alí, espalláronse por Reino Unido, Estados Unidos, O Canadá e Australia na década de 1990. En España, a Asociación EDNA agrupa hoxe algo máis de medio cento de escolas na natureza, cunha presenza relevante tamén en Galicia.
A maior parte das escolas na natureza apareceron da man de iniciativas privadas, pero a idea dos beneficios da educación na natureza tamén impulsou no sistema educativo oficial diversas estratexias para relacionar o currículo e a práctica educativa co contorno natural e social, como os proxectos de difusión da Educación Ambiental, a posta en marcha de hortos escolares o a transformación do contorno escolar en patios vivos.
O Monográfico Educar na natureza ábrese co artigo de Katia Hueso que define este enfoque educativo e delimita os seus beneficios, oportunidades e retos, utilizando como exemplo a escola infantil Juego en la Naturaleza Saltamontes, na Serra de Guadarrama. Eugenio Otero ofrece unha perspectiva histórica do retorno das escolas cara á natureza no século XX, sen esquecer as súas manifestacións en Galicia. Francisco Candia e Xesús Ferreiro analizan os trazos das escolas rurais de Galicia identificando algunhas semellanzas e diferenzas coas escolas na natureza. Blanca Puig, Lucía Casas e Luís Fernández poñen algúns exemplos de como a fenoloxía pode contribuír a renaturalizar o currículo e establecer relacións significativas entre a saúde das plantas e a das persoas. Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Estela Freire presentan o que denominan Pedagoxías Creativas do Lugar nas que os talleres de educación artística contribúen ao coñecemento, coidado e transformación do contorno local. Finalmente, Antonio García Vinuesa e Jorge Conde destacan as posibilidades dos xogos de mesa para educar en problemas socioambientais.
A sección de Experiencias recolle tres iniciativas de educación na e para a natureza. O CEIP Carlos Casares de Nigrán está desenvolvendo un proxecto de renaturalización dos espazos exteriores do centro para crear un bosque autóctono que facilite a integración da natureza no currículo e a apertura da escola ao contorno e á comunidade. O IES Xelmírez I de Santiago, leva 40 anos traballando na creación e mellora dun horto escolar ou xardín botánico co que se trata de promover a educación ambiental e os valores cidadáns no alumnado da ESO. O profesor Mario Outeiro ofrece varios proxectos levados a cabo en centros de Secundaria de Lugo que teñen en común a aposta por un futuro sostible para o mundo rural a través do aproveitamento dos recursos naturais.
A sección Entrevista está dedicada á Asociación Ecoloxista ADEGA que cumpre 50 anos de mobilización a prol do medio ambiente de Galicia. Abórdase o desenvolvemento do movemento ecoloxista en Galicia, os problemas que afectan o medio ambiente e as iniciativas de voluntariado e educación ambiental que levan a cabo.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
