Educación de calidade: Integración ou inclusión?

Resumo

A experiencia educativa, dos anos 80 e 90, dunha alumna discriminada pola súa diversidade funcional (parálise cerebral), cuestionando o enfoque do sistema educativo, no pasado e no presente á luz da Convención ONU dos dereitos das persoas con discapacidade e da observación nº 4 (2016) sobre o dereito a educación inclusiva. Manifestando o desexo e a necesidade de contar cunha educación de calidade, que guíe a sociedade cara ao paradigma de dereitos humanos.

La experiencia educativa, de los años 80 y 90, de una alumna discriminada por su diversidad funcional (parálisis cerebral), cuestionando el enfoque del sistema educativo, en el pasado y en el presente a la luz de la Convención ONU de los derechos de las personas con discapacidad y de la observación nº 4 ( 2016) sobre el derecho a educación inclusiva. Manifestando el deseo y la necesidad de contar con una educación de calidad, que guíe a la sociedad hacia el paradigma de derechos humanos.

The educational experience, from de beginning of the '80s decade to the late '90s, of a discriminated student due to her functional diversity (cerebral palsy), questioning the approach of the educational system, past and present, in light of the UN Convention on the rights of people with disabilities and the observation number 4 (2016) on the rights to inclusive education. Also giving voice to her desire and need to have a quality education that leads society towards the paradigm of human rights.

Texto

Nacín en  1977 e comigo puxéronse en marcha as  primeiras políticas e experiencias de integración en 1985, un paso intermedio entre a segregación e a inclusión. A inclusión, concepto que non aparecería até ben entrados os anos 90, e que vén supoñer unha nova forma de entender e enfocar a ensinanza, enfróntase a esa mirada negativa, caritativa e institucionalizadora das persoas con diversidade funcional que lamentablemente aínda hoxe impera na sociedade, sendo propia do modelo médico-rehabilitador de principios do século XX.

Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos.”

Miña nai e meu pai, asesorados e apoiados  por algúns profesionais, desafiaron a cultura dominante; querían que  eu fose ao mesmo colexio que meu irmán e que me relacionase con outros nenos e nenas sen diversidade funcional. Entendían que tiña que ter os mesmos dereitos que os demais, conforme á recentemente aprobada Constitución, o estatuto de Autonomía de Galicia e o sinalado na Declaración de Dereitos Humanos de 1948:

Se atendemos á observación xeral nº 4 da ONU (2016) sobre o dereito á educación inclusiva, a integración é “o proceso polo cal as persoas con diversidade funcional asisten ás institucións de educación xeral, co convencemento de que  poden adaptarse aos requisitos normalizados desas institucións”. Baixo esta concepción, as persoas con diversidade funcional poderiamos asistir á mesma escola, sempre e cando demostrásemos que nos  podiamos adaptar á educación xeral,  e non ela a nós, enfocando o problema no educando, e non no sistema educativo e na sociedade, que prexulga, afasta, segrega e deshumaniza a diversidade funcional, centrándose nas “capacidades” e esquecéndose da dignidade que debe ter todo ser humano polo feito de existir.

Pola contra, a inclusión é outro paradigma “que implica un proceso de reforma sistémica que leva consigo cambios e modificacións no contido, nos métodos de ensinanza, nos enfoques, nas estruturas e nas estratexias da educación, para superar os obstáculos coa visión de que todos os alumnos e alumnas dos grupos de idade pertinentes teñan unha experiencia de aprendizaxe equitativa e participativa no entorno que mellor corresponda as súas necesidades e preferencias.” Isto tradúcese en reorganizar o sistema educativo, dando resposta ás necesidades individuais de cada  alumno e alumna, onde todas poidan compartir, participar e desfrutar dos mesmos espazos.

O meu paso pola escola ordinaria nos anos 80 foi sen dúbida un avance, dado que o habitual era asistir a un centro de educación especial, mais non foi doado. Coma todas as pioneiras, cando tes que ir abrindo camiños  nunha sociedade que te está  discriminando e oprimindo, atravesas por  moito sufrimento,  culpabilidade e baixa autoestima. A todo isto engádese un sentimento de soidade, ao descoñecer que xa existían referentes noutras partes do mundo (coma Judy Heuman nos anos 70, primeira mestra en cadeira de rodas nos Estados Unidos, coa súa proclama “non á institucionalización”). Navegaba entre o sufrimento e a satisfacción. Sufrimento por térseme negado o acceso no Colexio Público de Lamas de Abade, a onde ía meu irmán, e no Instituto Rosalía de Castro, que me correspondía por zona. Satisfacción pola miña escolarización grazas á receptividade do equipo directivo do Colexio Público de Vite en Primaria e do Instituto Xelmírez I en Secundaria, aínda que en ambos casos foi preciso reivindicar os apoios necesarios e a eliminación de barreiras, posto que a nivel académico contaba  coa “capacidade intelectual requirida”. No caso do colexio houbo que reclamar á Administración, por parte da miña familia, algúns recursos imprescindibles (unha  coidadora e transporte adaptado). No caso do Instituto foi preciso eliminar barreiras urbanísticas e a posta en marcha do ascensor. Ademais en ambas etapas foi necesario recorrer a unha persoa de apoio para as actividades extraescolares, financiada pola familia, xa que daquela nin se coñecía en España a figura do Persoal Auxiliar Coidador, a cal evitaría moitas frustracións, pola dependencia familiar (sobre todo a partir de Secundaria, onde procuras a túa liberdade  e comezas a saír só e a tomar as túas propias decisións na procura do teu proxecto vital).

Quixera destacar tamén o meu desfrute na escola, contando cun profundo sentido da xustiza, na procura do benestar común,  e a complicidade cos meus compañeiros e compañeiras ante situacións incómodas co profesorado. Paseino moi ben en Primaria, xogando ás damas cos nenos na aula e coas  amigas no recreo, cando empurraban a miña cadeira de rodas manual a toda velocidade.

 O sufrimento e desánimo volverían a agromar cando unha profesora de EXB me negou a posibilidade de ser delegada de clase, ou cando en 6º de EXB me afastaron das amigas por teren elas unha diversidade intelectual. Aínda había categorías dentro das diversidades, que incluso sendo eu unha nena percibía (entre niveis intelectuais, recursos económicos, raza…). Mais o punto de inflexión foi a marxinación sufrida na excursión de 8º de EXB, por parte dos meus compañeiros e compañeiras. Naquela convivencia de sete días, que para os demais foi unha experiencia positiva, onde se estreitaban os lazos de amizades e primeiros amores e se desfrutaba da liberdade que supuña estar lonxe do control parental, no meu caso o que aflorou foi un sentimento de culpabilidade por non poder ser coma os demais para experimentar todas esas novas experiencias propias da adolescencia, co conseguinte desasosego e desexo de volver á casa na procura do afecto  familiar ou das amizades que deixara en Santiago.

Mais con gran emoción destacaría o apoio recibido tanto polo alumnado como polos docentes do IES Xelmírez, cando dende a CIUG me obrigaban a ir a Pontevedra ao centro especial da ONCE para a realización dos exames de selectividade fóra do meu entorno. Creouse unha situación de rabia e angustia, que un/unha adolescente non ten por que soportar, cando me correspondería, coma aos demais, ir á facultade de Económicas da USC. Houbo moitos apoios e  mobilizacións en contra desta decisión discriminatoria e inxusta, fixéronse concentracións e, ademais de solicitar unha entrevista co presidente da CIUG, o profesorado presentou un modelo de exame adaptado ás miñas condicións co fin de que se tomase en consideración. Eu conseguín examinarme co resto dos meus compañeiros e compañeiras, mais a maioría cedeu a esa imposición da autoridade académica. Lamentablemente, aínda que xa non como imposición, esta opción de examinarse nun centro separada do resto segue vixente, cando non debería nin proporse.

 Xa na etapa universitaria, salvo en casos illados, coma a incomprensión dalgún profesor e o seu empeño en facer probas contra reloxo, que tiven que denunciar ante o Decanato, a nivel académico transcorreu con normalidade.

Se realmente queremos unha educación de calidade, o ensino terá que ser inclusivo. A inclusión é incompatible cos centros de educación especial, e así debe de facerse ver ao conxunto da sociedade, de acordo coa convención da ONU, de obrigado cumprimento dende o 2008, e a precitada observación nº 4 (2016). É precisa a promoción do respecto mutuo e o valor de todos os seres humanos mediante a creación de contornas de ensinanza onde o enfoque, a cultura e os plans de estudos reflictan o paradigma dos dereitos humanos e da vida independente. Abandonemos dunha vez por todas o modelo médico que tanta dor nos causa. Aprendamos dos erros do pasado, contribuíndo a desenvolver sociedades inclusivas, pacíficas e xustas que leven a un maior benestar social e saúde mental para todas as persoas.

Referencias bibliográficas

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir