Educación afectivo-sexual

Texto

“Para amar ben os nenos debemos valorar as súas vidas interiores
para construír mundos, tanto públicos como privados, onde o seu dereito á plenitude poida ser
consistentemente celebrado e afirmado, onde a súa necesidade de amar e ser amados poida ser realizada.”

A vontade de cambiar. bel hooks. Ed.Laiovento.2023

Na película La eternidad y un día (Theo Angelopòulos, 1998) o protagonista, no final da súa vida, faise a seguinte pregunta: “Mai, por que non temos aprendido a amar?”. A trama do filme desenvolve o dilema do protagonista: morrer como alguén alleo aos demais ou aprender a amalos e a comprometerse con eles.

Probablemente esa pregunta poderiámola facer calquera de nós e, como docentes, a resposta máis acaída podería ser a seguinte: “porque non se nos ensina”. Non teño claro se o verbo amar pode albergar a riqueza semántica do que denominamos educación emocional, mais coido que se no ensino educásemos no amar, abondaría para conseguir unha vida emocional completa e equilibrada.

Sen deixar de recoñecer os avances no que á educación emocional se refire, tanto na formación do profesorado como das familias, a experiencia docente segue a mostrarnos que o piso de abaixo da escola (o non cognitivo) está esquecido como competencia esencial a educar, cando debería ser a competencia máis transversal e case condición de posibilidade das demais competencias educativas.

Ensimesmados nos contidos cognitivos curriculares, seguimos a guindar ao mundo, despois de pasar por nós, xeracións de crianzas e adolescentes ás que lles demos escasas ferramentas para amar, para a condución equilibrada e empática dos desexos e paixóns. Currículo e contidos si, mais… é preciso lembrar o que todos os estudos psicopedagóxicos e da neurociencia apuntan: calquera aprendizaxe asenta mellor nunha alma emocionalmente acougada. Non será doado que a ventá cognitiva dunha crianza estea suficientemente aberta ao saber se o seu ser non recibe o afecto que nos axuda a camiñar seguros pola vida.

Todas e todos sabemos hoxe que a nosa personalidade descansa sobre un ser cheo de paixóns que precisan ser xestionadas/conducidas coa razón. Atopámonos con crianzas e adolescentes eivadas de ferramentas para o dominio dos desexos, da tristura, da empatía, da dor, da sexualidade, do amor e do desamor… coas que, como docentes, nos debemos comprometer. É un compromiso que nos interesa a nós como educadores/as e como formadores/as da sociedade e do País que imaxinamos ou desexamos para o futuro. O equilibrio emocional reduce o conflito entre as persoas, nas aulas e na sociedade, ao mesmo tempo que podemos colaborar para que as persoas sexan fontes das que pode emanar a construción da felicidade común.

Como comunidade temos a obriga, profesional e humana, de ollar para o alumnado como unha entidade emocional ensinándoo a amar, a amarse e a desamarse. Como di bel hooks: “amar de verdade combina varios elementos: coidado, afecto, recoñecemento, respecto, compromiso, e confianza…”.

Calcular as consecuencias sociais e políticas dun novo modelo de ensino que faga da competencia emocional o cerne do sistema educativo non é doado e, ao mellor, é imposible, mais quizais o problema consiste en pensar unha ciencia humana como é a educación ou pedagoxía coma se fose unha ciencia exacta. Os noso éxitos como docentes non os imos gozar a curto prazo, mais non debemos deixar que a non inmediatez dos resultados xustifique a inacción docente e si debemos afirmarnos nos nosos principios orientadores do horizonte: a igualdade, a liberdade e a paz. Grazas ao ensino público mudamos a nosa sociedade cara valores de tolerancia e democracia en moitos eidos, mais chegou a hora de ir máis aló e non só actuar de xeito defensivo, senón propositivo ante a educación emocional e sexual das crianzas, das e dos adolescentes e das súas familias. Toca facer un segundo avance no ensino público e aquí atoparedes propostas.
Desde a Revista Galega de Educación convidamos toda a comunidade educativa á abordaxe profunda da educación emocional desde unha serie de artigos teóricos, poñendo á beira deles algunhas das boas prácticas educativas do noso profesorado. Desde a dicotomía filosófica da razón e a paixón, adentrámonos na educación sexual, na pornografía, no feminismo, na masculinidade tóxica… para continuar a erguer esa tarefa inconclusa do mellor dos mundo posibles.

“Para protexer… as vidas emocionais dos nenos
debemos desafiar a cultural patriarcal… e crear subculturas…
onde os nenos poidan aprender a ser quen son,
sen ser forzados a axustarse ás visións masculinas patriarcais”.

A vontade de cambiar. bel hooks. Ed.Laiovento.2023

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir