Do des-equilibrio aos soños compartidos. Innovación e interxeracionalidade para a acción climática
Palabras Clave
Texto
Un proxecto para soñar
Non contamos con datos que o confirmen, pero estamos case seguras de que, aló polo mes de marzo de 2021, houbo unha aliñación de planetas que fixo confluír no espazo e no tempo tres entidades ⎯unha cooperativa de educación, un grupo de investigación e unha compañía teatral⎯, nun proxecto para soñar. Naceu así Do Des-Equilibrio aos soños compartidos. Creación de narrativas de futuro sostibles, unha iniciativa de educación ambiental centrada na emerxencia climática, que aspira a desenvolver unha metodoloxía de intervención interxeneracional para a construción de relatos sobre futuros desexables e sustentables a través do teatro.
Pero aínda houbo máis. Debeu producirse outro fenómeno cósmico pouco despois, posto que, uns meses máis tarde, a Oficina Municipal de Voluntariado (OMV) do Concello de Padrón e o IES Camilo José Cela, no mesmo municipio, implicáronse na posta en marcha da primeira experiencia práctica enmarcada no proxecto, enredando un grupo de voluntariado sénior e unha aula de 2º de bacharelato. E así puxémonos a traballar en como soñar xuntas outras realidades.
Cómpre clarexar que o camiño seguido para acabar desenvolvendo unha intervención coma esta nun centro educativo dista moito de ser sinxelo. A experiencia comeza co grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea), da Universidade de Santiago de Compostela, que leva dúas décadas traballando sobre as percepcións e as representacións sociais do cambio climático no proxecto Resclima. Desta traxectoria xurdiu o proxecto Descarboniza! Que non é pouco…, como unha iniciativa educativa sobre cambio climático dirixida a públicos adultos coa que levar á práctica parte dos resultados das investigacións do grupo1. Despois chegou o proxecto “Des-Equilibristas”, deseñado por Feitoría Verde como proposta para traballar coa mocidade a saúde, desde unha perspectiva integral; unha experiencia que naceu en plena pandemia e que presta especial atención á dimensión emocional2. Hibridar ambas propostas non parecía mala idea: por un lado, traballar con adultos o cambio climático; por outro, coa mocidade a saúde; e despois xuntalas todas nun mesmo grupo interxeneracional co obxectivo de desenvolver unha acción conxunta. Outro natalicio! Neste caso co nome Do Des-Equilibrio á Des-Carbonización. Pero faltaba algo. Namentres ían agromando estes proxectos, alguén tivo a feliz idea de falar co Grupo Chévere, que, asumindo o fío da crise climática, recorreu ás Fillas Bravas para compoñer a obra As Fillas Bravas e o Mito de Casandra, onde tres mulleres maiores, a través dunha particular lectura dos mitos clásicos, poñen en valor a súa experiencia e sabedoría para enfrontar o cambio climático3.
Esta enleada de entidades, proxectos e ideas felices foi cocéndose a lume lento até que, aproveitando a convocatoria Componer Saberes 2021, da Fundación Daniel e Nina Carasso, acabou por converxer no proxecto Do Des-Equilibrio aos soños compartidos. Creación de narrativas de futuro sostibles. E é que para avanzar cara a un futuro sustentable primeiro temos que imaxinalo. E que mellor maneira que facelo colectivamente a través do teatro?
Tocando terra (sen deixar de soñar)
Fagamos repaso: temos tres entidades que colaboran; proxectos varios e variados, con propostas metodolóxicas fundamentadas e mesmo testadas con públicos diverso, e financiamento! Tan só faltaba tocar terra e atopar onde desenvolver o noso particular Frankenstein. Por sorte, apareceu a Oficina Municipal de Voluntariado (OMV) do Concello de Padrón, que, alén de suxerir o grupo de voluntariado sénior, fixo de enlace co IES Camilo José Cela.
A OMV de Padrón é unha agrupación de voluntariado local, con 20 anos de traxectoria e un labor en diversos ámbitos (ambiental, cultural, inclusión social, igualdade etc.). No ano 2019 xestouse o grupo de voluntariado sénior, conformado por 8 persoas ⎯4 mulleres e 4 homes⎯ con idades comprendidas entre os 55 e os 85 anos, e vinculado ao proxecto interxeracional Os xogos das avoas e dos avós. Dita iniciativa, que aínda perdura, alén de recuperar e manter viva unha parte da cultura inmaterial galega como son os xogos tradicionais, busca devolver os xogos ao seu espazo natural, a rúa, dándoos a coñecer ás xeracións máis novas para que poidan perdurar no tempo. Tendo como escenario os espazos comunitarios, apostan pola práctica do xogo grupal, ao aire libre, fomentando a creatividade e o aproveitamento racional dos recursos. Deste xeito, as súas experiencias lúdicas contrapóñense ao xogo puramente tecnolóxico, que adoita desenvolverse en espazos pechados e de xeito individualista e consumista.
E rematamos o reparto protagonista co I.E.S Camilo José Cela; un centro público cunha intensa programación complementaria ao currículo académico, que propuxo participar nesta experiencia ao alumnado de 2º de Bacharelato inscrito á materia optativa de psicoloxía. Un total de 20 alumnos e alumnas de entre 17 e 18 anos coa suficiente motivación como para participar no proxecto nun curso tan complicado dende o punto de vista da súa traxectoria académica; se ben é certo que, tanto o plan de estudos de psicoloxía, que encaixa ao dedo nos obxectivos do proxecto, como a implicación do profesorado e a dirección do centro, facilitaron todo o proceso.
E que foi o que fixemos?
Se vostede é docente, mellor séntese. Comezaremos dicindo que, de novembro de 2021 a maio de 2022, realizáronse 15 sesións de traballo de entre 50-100 minutos no IES Camilo José Cela.
Nunha primeira fase, desenvolvéronse seis sesións por separado. Tomando como referencia as propostas metodolóxicas do proxecto Descarboniza!…, co grupo sénior, e de Des-Equilibristas, co grupo do IES, articuláronse dúas secuencias de intervención en paralelo, de forma que cada grupo adquirise coñecementos diferenciados pero con nexos comúns ao redor da emerxencia climática. Este traballo en paralelo confluía na posibilidade de construír alternativas, incidindo na necesidade de que estas fosen de carácter comunitario. Todas as sesións enmarcadas dentro da secuencia de traballo seguiron unha mesma orde: partiron da vivencia e experimentación dos contidos nos corpos e nas vidas das persoas participantes, a través de dinámicas lúdicas, para ir camiñando ata a reflexión, a teorización e a contextualización dos contidos subxacentes ao proxecto.
Nunha segunda fase, o grupo sénior acudiu ao IES para conformar xa o grupo interxeneracional. Durante nove sesións, empregando ferramentas e dinámicas teatrais, os saberes das maiores foron vinculándose coa enerxía da mocidade na elaboración de imaxinarios socioambientais para o futuro, que aspirasen a ser desexables e sustentables. Fronte á difusión masiva de escenarios distópicos, tan habituais nos produtos audiovisuais de consumo como brutais e desmotivadores, procurouse a construción colectiva doutros horizontes ao redor do concepto de utopía e da arqueoloxía de futuro. Isto é, mirando o presente desde o futuro. Este proceso concluíu coa intervención artística do Xardín Utopía.
O domingo 8 de maio propúxose á veciñanza de Padrón un paseo polo Xardín Botánico municipal. Unha experiencia distinta do habitual porque invitouse as persoas a establecer unha relación entre as árbores do parque e as utopías, representadas estas por unha escolma de textos do libro Utopía de Tomé Moro seleccionadas e lidas polas persoas participantes na experiencia. Colocáronse uns códigos QR plastificados nas placas identificativas dunha serie de árbores escollidas polas persoas participantes do grupo interxeneracional. Cada código contiña o audio dunha persoa lendo un texto da obra de Tomé Moro. Coma unha mensaxe de esperanza para imaxinar un futuro mellor depositado ao pé de cada árbore.
Aboar o futuro, e un futuro en positivo, esa é a intención desta experiencia que aínda está a xerar os seus primeiros froitos. Trátase de idear e probar novas estratexias e formatos educativos para superar a indiferenza, as emocións negativas e a parálise social que proxecta a crise climática sobre a cidadanía. Somos conscientes de que a educación, en todas as súas expresións, non é a solución pero si que terá que ser parte da solución. A transición socio-ecolóxica que precisamos impulsar, terá que ir acompañada e impulsada de cambios sociais e culturais moi profundos.
Notas ao pé
- 1 Podedes consultar o detalle do proxecto e a súa traxectoria en http://www.resclima.info/descarboniza
- 2 Aquí información sobre Des-Equilibristas: https://feitoriaverde.com/educacion-social
- 3 E aquí sobre Chévere e as Fillas Bravas: http://www.grupochevere.eu/13-As-Fillas-Bravas-e-o-mito-de-Casandra
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: