DIVERsiXOGO, un proxecto da vida no CEE María Mariño

Resumo

DIVERsiXOGO é un proxecto levado a cabo no CEE María Mariño da Coruña coa idea dunha escola para todas as idades e para todas as xeracións, achegando valor e voz a cada individuo.

Texto

A idea dunha escola para todas as idades e para todas as xeracións é algo no que cremos e soñamos na nosa escola e que vén daquela idea dunha sociedade para todas e todos sen importar idade, cultura, sexo, raza, relixión, diversidade funcional ou orientación sexual, achegando valor e voz a cada individuo. Sánchez et al. (2007) afirman que estes programas “son fonte de solidariedade e poden considerarse instrumentos adecuados para a mellora da integración e a cohesión da nosa sociedade”.

As relacións entre xeracións outórgannos crecemento mutuo e permiten a participación de toda a comunidade educativa. Para iso traballamos cunha serie de actividades planificadas e medidas, cunha programación na que se tiveron en conta todos os aspectos incluídos nos obxectivos e onde os participantes intercambiaron e creceron da man sendo conscientes de todo o que ao seu redor sucedeu coma un plus á nosa aprendizaxe e á nosa escola, vivindo a aventura, unha aventura en galego.

A dita colaboración veu da man dos xogos, aqueles que Einstein definía como a forma máis elevada de investigación e que no noso caso asumimos como certa. E desde logo, non calquera tipo de xogo, senón aqueles xogos que son a nosa historia, eses xogos aos que a xeración xogou, cos que creceu e aprendeu, e en moitos casos creou.

Esta aventura no noso cole, o Centro de Educación Especial María Mariño, situado nas Xubias, na cidade da Coruña, xorde dunha necesidade exposta pola comunidade educativa por coñecer xogos tradicionais, programando obxectivos específica e intencionadamente para alcanzar os seus fins, planificando coidadosamente e asegurándonos de que todas as persoas que interveñen no programa entenden e se recoñecen como fundamentais e facilitadoras deste. Ademais, queriamos que tivese continuidade no tempo e que non fosen accións illadas sen fío, co fin de conseguir un impacto positivo permanente nas xeracións participantes… Deseñamos todas as actividades baixo o paraugas do Deseño universal de aprendizaxe como o marco que rexe a nosa metodoloxía, e xeramos recursos motivadores que inclúan o total dos implicados con esa mirada na que todas e todos son esenciais, cunha metodoloxía activa e colaborativa na que ten un valor esencial a creación de redes e onde todos e todas crecemos da man.

Chegou o momento de deseñar de xeito coordinado, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, co Centro de Día de Mondego co que realizou o deseño, e sumamos axentes e redes de apoio ao noso proxecto. Contamos tamén coa Federación Galega de Deporte Autóctono, que se incorporou a todas as sesións dando soporte técnico na persoa de Lois Fontán e outros compañeiros, e apoio de todo tipo formando parte do que xa é a nosa familia diversa. Nesa familia contamos tamén con Manuela Vázquez Coto, investigadora especialista no xogo da bugalliña. Tivemos tamén a sorte de contar coa axuda do MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia) na cesión de material, e do MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia), que organizou unha xornada de xogos tradicionais no noso colexio, Gaiteiros do Pedroso, Pandeireteiras da Casa do Zoqueiro e a coordinadora dos EDLG na nosa provincia.

Comezamos o proxecto a partir do mes de outubro do curso académico 2022-2023 e na semana previa a cada sesión dos sete encontros realizouse material a traballar nas aulas. O traballo previo consistía na explicación da sesión e do xogo que tocaba poñer en acción empregando sistemas aumentativos e alternativos de comunicación que favoreceron a súa comprensión por parte dos participantes. Ademais, para cada práctica desde o Centro de Día realizaban un vídeo no que nos explicaban de xeito práctico os xogos que aprendemos (a chave, a petanca, billarda, pita cega, tartaruga, bugalliña, mariola, buxaina, xogo dos aros, zapatiño quieto, acocho, zancos e paifillo-nai). Tamén incorporamos a todas as sesións cantigas populares e o xogo do barco. Todas e cada unha das sesións se converteron nunha marabillosa montaña rusa de emocións cunha mesma dinámica de desenvolvemento, e serviron para crear lazos verdadeiramente fermosos que culminaron cunha romaría popular o 16 de maio, véspera do Día das Letras.

Diversixogo é unha experiencia que abre portas e move conciencias e corazóns a través dunha ensinanza colaborativa e multidisciplinar entre xeracións, introducindo no centro os xogos tradicionais galegos.

Trátase dun proxecto no que a inclusión e a equidade indica o camiño, no convencemento de que as sociedades máis sabias son as que coidan do seu e dos seus, máis alá da aprendizaxe dos xogos tradicionais. Foi unha experiencia de vida, con todo o que isto implica e coa que vos invitamos a soñar.

Referencias bibliográficas

  • Sánchez, M. (Dir.). (2007). Programas intergeneracionales. Hacia una sociedad para todas las edades. Fundación “La Caixa” (accesible en https://lc.cx/Jy2s9y).

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir