Desafíos para a memoria. Retos do pasado no presente educativo

Texto

I estonces…, estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.
Rosalía de Castro, A xustiza pola man. Follas Novas.

Como no tempo antergo
tamén temos agora
diante de nós os fillos
da sanguiñenta loba.
Mais nos varudos peitos
arde a invencibre forza
que forxóu as bruantes
vegadas trunfadoras.
Ramón Cabanillas, Romance de loita.

A construción e reconstrución da memoria configura procesos comprometidos co noso pasado e presente, poñendo en valor voces e pegadas invisibilizadas, ocultadas ou ignoradas no devir do tempo. É precisamente da toma de conciencia deste esquecemento, desta amnesia intencionalmente normalizada, que emerxe o desexo de comprender e de asumir responsabilidades, tamén no plano educativo.

A desmemoria, en moitos casos froito da coacción, do medo ou mesmo da conformidade e da aceptación sumisa, non pode ser aceptada sen mediar a análise histórica, estando chamada a reconstruír esa “memoria confiscada”. Nesta liña, ao longo de todo o país desenvólvense proxectos de moi diversa índole sobre o tema, proxectos entre os que se encontra, por exemplo, o Seminario da Memoria –que no ano 2019 celebrou a súa décima edición– promovido por Nova Escola Galega. Uns e outros proxectos están conseguindo abordar, aos poucos, moi diversos aspectos relacionados coa recuperación da memoria histórica.

Este monográfico da Revista Galega de Educación emerxe ante a necesidade de alentar o reto educativo que supón alicerzar a recuperación da memoria en relación ao fenómeno da represión e á cruenta depuración sufrida, achegando diversos traballos e experiencias que trasladan materiais e reflexións con notables implicacións didácticas neste senso. Resulta fundamental, máis aínda nun contexto sociopolítico no que voces negacionistas acadan representación institucional e proxección mediática, tomar conciencia da importancia da necesidade de trasladar ao eido educativo o traballo pola recuperación da memoria histórica, con todas as potencialidades que comporta de cara a garantir unha educación no respecto á nosa historia, afondando nos valores para unha cidadanía democrática, reflexiva, responsable, comprometida e solidaria na defensa da liberdade e da xustiza.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir