Defender o común: coidar a escola, escoitar o profesorado

Texto

Nos últimos meses, o ensino público galego estivo atravesado por un conflito que se deixou oír con forza cando a voz colectiva do profesorado decidiu parar e manifestarse. Froito dun malestar acumulado e dunha sensación persistente de non sermos escoitadas nin escoitados, este curso 2025-2026 estivo marcado por cinco xornadas de folga na educación pública non universitaria: unha primeira xornada reivindicativa a 25 de setembro de 2025, unha folga de 48 horas os días 28 e 29 de outubro, e outras dúas xornadas consecutivas de paro os días 16 e 17 de decembro, coincidindo coas avaliacións e co debate e aprobación dos orzamentos autonómicos. As mobilizacións estendéronse por todo o territorio galego, con manifestacións nas cidades.

O conflito laboral no ensino adoita ser presentado, desde discursos mediáticos e institucionais, como unha “anomalía” a corrixir canto antes para recuperar a “normalidade”. Mais cómpre preguntarse: que normalidade é esa que se pretende? A de aulas urbanas cada vez máis cheas, cunha atención á diversidade insuficiente, con burocracias que devoran os tempos pedagóxicos, con dereitos laborais erosionados e con negociacións que avanzan con máis xestos que con medidas reais?

As mobilizacións dos últimos meses colocaron estas preguntas no centro do debate público desde unha posición profundamente democrática: lembrar que a escola pública non é un servizo neutro nin unha maquinaria técnica, senón un proxecto social e humano que depende das condicións nas que alumnado e profesorado habitan o espazo educativo. Así, responden a un forte esgotamento e desaxuste no que se refire á calidade educativa e ás condicións laborais docentes: a necesaria redución das ratios en espazos de maior complexidade social, a recuperación do horario lectivo previo aos recortes, o reforzo do persoal necesario para atender a diversidade, a diminución da burocracia docente e o freo da crecente precarización, favorecendo a dignificación da profesión.

Convén subliñar, ademais, que os dereitos do profesorado están ao servizo do dereito á educación do alumnado. As condicións do ensino inciden nas oportunidades educativas do alumnado e na relación coas familias, cuxa confianza no sistema educativo se constrúe no día a día dos centros. Defender mellores condicións docentes e nos procesos educativos é, tamén, fortalecer a relación de confianza entre familias, centros e institucións públicas.

Desde a Administración, a resposta apelou á negociación e á comparación con outros territorios, mais evitou entrar no fondo dunha cuestión fundamental: que modelo de ensino público se está a construír? Un modelo sostido pola responsabilidade profesional e o compromiso ético do profesorado, ou un modelo que asume que esa responsabilidade vai soportar indefinidamente sobrecargas, recortes e adiamentos?

A acción docente neste contexto evidenciou vitalidade democrática: mestras e mestres defendendo o común, facendo da palabra e da acción instrumentos de transformación. Educar tamén é aprender a dicir “abonda” cando as condicións fan inviable o que se proclama nos discursos. Desde a perspectiva dunha educación pública galega que se quere viva, participativa e transformadora, este conflito é o espello das contradicións entre promesas e prácticas, entre calidade ‘declarada’ e recursos reais, entre protagonismo docente e marcos de negociación insuficientes. Defender o ensino público galego é defender a dignidade de quen o fai posible cada día; e o conflito argumentado, como no presente caso, cando é xusto e informado, tamén ensina.

Poida que haxa claves do conflito que estean alén do inmediato, mais que tamén expresan unha acumulación de malestares, que será preciso atender en Galicia e tamén a escala estatal. Cómpre, cando menos, dar pasos políticos relacionados coa formación inicial e co estatuto profesional docente.

Que estas cinco xornadas de folga e as mobilizacións feitas non queden en cifras para a estatística administrativa, senón que sirvan de punto de inflexión para repensar prioridades, reconstruír pontes e lembrar que defender o ensino público é, tamén, defender a dignidade de quen o fai posible cada día nas aulas. A escola pública é un proxecto colectivo: cómpre coidala e construíla con diálogo real e investimento sostido.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir