CYBERTOWN 2D: Xogo dixital sobre Ciberseguridade

Resumo

A Ciberseguridade representa un dos maiores problemas da sociedade actual. Así o demostra un cuestionario no que participaron 1120 persoas relacionadas co mundo da Educación Secundaria. Co fin de mellorar esta situación desenvolveuse CYBERTOWN 2D, un xogo dixital pensado para axudar a cidadanía a mellorar as súas competencias en Ciberseguridade dunha forma diferente.

La Ciberseguridad representa uno de los mayores problemas de la sociedad actual. Así lo demuestra un cuestionario en el que participaron 1120 personas relacionadas con el mundo de la Educación Secundaria. Con el fin de mejorar esta situación se desarrolló CYBERTOWN 2D (http://bit.ly/cybertown-2d), un juego digital pensado para ayudar a la ciudadanía a mejorar sus competencias en Ciberseguridad de una forma diferente.

Cybersecurity represents one of the major challenges of today's society. As demonstrated by a survey in which 1120 people related to the Secondary Education world participated. In order to improve this situation, CYBERTOWN 2D (http://bit.ly/cybertown-2d) was developed, a digital game designed to help citizens enhance their Cybersecurity skills in a different way.

Texto

A aparición de Internet cambiou por completo as nosas vidas, producindo grandes avances nos eidos da investigación, a saúde e por suposto a educación. Aínda que os avances son sempre positivos, o seu uso masivo deu lugar á aparición dos que empregan esta ferramenta con fins maliciosos. Os ciberataques como o phishing ou o ransomware e a fraude on-line non fan máis que aumentar, tal e como demostran os alarmantes resultados do balance realizado polo Instituto Nacional de Ciberseguridad de España (INCIBE, 2022a). Malia que moitos usuarios e usuarias cren que os riscos que os axexan na Internet están asociados aos coñecidos hackers, a verdade é que moitas veces son eles mesmos os que se poñen en perigo mediante prácticas de risco como o sexting, que a miúdo remata coa difusión de contido íntimo, o revenge porn e o cyberbullying. Estas prácticas teñen especial importancia na adolescencia, xa que se trata dunha etapa con importantes cambios no plano psicolóxico, biolóxico e interpersoal (Steinberg, 2008). Sumado a isto, cómpre destacar os cada vez máis comúns problemas de adición ás TIC. Un estudo levado a cabo pola Fundación Barrié (2022) mostrou que un 95,7% dos dez mil adolescentes enquisados ten o seu propio smartphone con conexión a Internet e que o 78,8% está rexistrado en 3 ou máis redes sociais (YouTube, Instagram, TikTok…), nas que o 10,5% pasa 5 horas diarias.

Dende a Administración pública estase tratando de remediar esta situación mediante campañas de concienciación e outros recursos, así como incluíndo no currículo básico da LOMLOE contidos de Ciberseguridade dentro da Competencia Dixital. Mais… que efectividade están a ter estas medidas entre o profesorado, familias e alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria? Coñecen os riscos máis básicos e as campañas e servizos sobre Ciberseguridade que a Administración pon á súa disposición? Co fin de avaliar estas circunstancias, elaborouse e administrouse un cuestionario on-line entre os meses de xaneiro e marzo de 2023. En total participaron 1120 persoas, as cales se agruparon en 4 perfís tal e como se amosa na Figura 1.

Os resultados obtidos dan respostas rotundas ás cuestións presentadas anteriormente. Na Figura 2 pódese observar como o smishing, o risco máis común na actualidade, é un misterio para todos os perfís. Ademais, a falsa crenza de que calquera páxina web que teña un cadeado (🔒 HTTPS) é segura está amplamente estendida – Si, así é, é un mito! Se acabas de descubrilo lendo este artigo… Xenial! Xa serviu para algo. En canto á efectividade dos esforzos da Administración por difundir as súas campañas e servizos, a Figura 3 demostra que aínda queda moito traballo por facer. Finalmente, dos 1120 participantes, tan só 92 souberon identificar que o número telefónico 017 corresponde á liña de axuda en Ciberseguridade do INCIBE.

Os resultados do cuestionario avalan a preocupante situación que vivimos, mais resignarse e aceptar que as cousas son así nunca é unha solución. Polo tanto, decidiuse desenvolver un recurso que permitise á cidadanía, en especial ao alumnado de Secundaria, mellorar as súas competencias en Ciberseguridade e que axudase a dar a coñecer os recursos, campañas e institucións existentes. Con esa finalidade nace CYBERTOWN 2D (http://bit.ly/cybertown-2d), un xogo 2D con estilo Pixel Art que evoca aos primeiros xogos da franquía Pokémon. Para o seu desenvolvemento partiuse dos aspectos positivos e puntos a mellorar dos recursos interactivos que a Administración lanzou nos últimos anos, facendo especial fincapé no aspecto didáctico. Mediante a técnica do storytelling trátanse tres casos reais; o primeiro deles sobre smishing e fraude en Internet, o segundo sobre compras on-line seguras e o último sobre sexting e a importancia da privacidade na Rede para evitar a difusión de contido de carácter íntimo. CYBERTOWN 2D busca concienciar sobre estas situacións e proporcionar ferramentas que permitan identificar e evitar estes riscos, así como outras que axuden a remediar os erros que se cheguen a cometer. O recurso da a posibilidade de expandir a información proporcionada a través de ligazóns a recursos nos sitios web do INCIBE, a Oficina de Seguridade do Internauta (OSI) —que depende do INCIBE— e a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

Este recurso foi presentado nun centro de Educación Secundaria onde o alumnado do primeiro curso dedicou dúas sesións de cincuenta minutos a xogar e avaliar dita experiencia. A súa valoración foi moi positiva: CYBERTOWN 2D logrou captar a súa atención dende o primeiro momento, ensinándolles a identificar os riscos máis comúns e dándolles a coñecer outras ferramentas coas que defenderse na Rede. Entre os aspectos mellor valorados cómpre destacar a inclusión de casos reais, a explicación das causas e consecuencias de cada risco e o emprego dunha linguaxe fácil de comprender.

A Ciberseguridade representa un dos maiores problemas da sociedade actual. Malia os grandes esforzos da Administración por protexer e formar a cidadanía, aínda queda moito por facer, polo que resulta indispensable seguir traballando e desenvolvendo recursos efectivos como CYBERTOWN 2D.

Referencias bibliográficas

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir