Cultura, territorio e socioeducación

Texto

A pandemia está a traer importantes consecuencias para o ámbito da cultura e os territorios, configurando un auténtico punto de inflexión que, entendemos, cómpre aproveitar para repensarnos e resituarnos. Temos ante nós unha boa oportunidade para exercitar a autocrítica sobre o noso quefacer e, tamén, para definir como concibimos a acción cultural e onde poñemos os límites.

O punto de partida que aquí asumimos é que a cultura e a educación (nin moito menos só a escolar) son dúas caras da mesma realidade e preséntanse como factores de cambio, elementos fundamentais para a transformación dos territorios. Desde esta perspectiva, o presente número da RGE pretende achegar distintas reflexións e experiencias coa finalidade de reivindicar o protagonismo da necesaria dimensión socioeducativa da acción cultural no territorio, factor de desenvolvemento persoal, comunitario e territorial, de construción de cidadanía, que transcende o mero acceso a espectáculos e patrimonios e a simple conexión entre creador, mediador e consumidor de produtos culturais.

A acción cultural así entendida devén nun labor e nunha profesión que se desenvolve na administración pública, no ámbito privado e no tecido asociativo. Diversas colaboracións son achegadas desde estes tres ámbitos, así como desde o eido da investigación, e mesmo da formación, tan importantes un e outro.

Nos diferentes artigos introdúcense cuestións como os perfís profesionais da acción cultural local, a formación dos/as animadores/as e xestores/as culturais, os espazos e institucións de formación inicial, especializada e continua, a oferta e idoneidade da mesma, así como a conexión entre formación e desenvolvemento profesional na actualidade. Tamén se trata a acción cultural desde a administración local (política, xestión, programación, desenvolvemento, profesionais…), descubrindo a realidade que lle é propia e reivindicando a administración local como espazo necesario e imprescindible dunha acción cultural primordialmente socioeducativa. A realidade das iniciativas privadas, nos seus diferentes formatos, e o mercado da cultura con dimensión educativa e cultural son obxecto de reflexión, así como o asociacionismo, que ten a participación e o comunitario como piar básico, columna vertebral da democracia cultural e espazo de aprendizaxe e formación de primeira orde.

Inclúese aínda unha entrevista a un dos profesionais máis reputados e de máis longa traxectoria deste país, recentemente xubilado, Manuel Pérez Rúa, ex-Técnico de Cultura do concello de Moaña; alén de diferentes experiencias sobre o papel da lingua na acción cultural, sobre dinamización cultural no rural ou iniciativas educativo-didácticas nas que se integran educación, patrimonio, acción cultural e comunidade.

Un número da RGE no que, a través dalgunhas pinceladas, tamén se pretende incitar á reflexión en profundidade en relación ás actuais políticas culturais que se desenvolven nos territorios (nomeadamente locais), sobre a súa xestión, e con respecto á materialización do dereito á cultura como base para a creación de cidadanía crítica, activa e comprometida, máis alá da mera difusión de propostas artísticas ou patrimoniais e de ocios ocupados no consumo de produtos culturais.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir