Creadoras de contido
Texto
O ser humano tivo dende o inicio dos tempos a necesidade de comunicarse e de transmitir o coñecemento aos seus semellantes. Ao longo dos séculos a tecnoloxía foi facilitando e modificando este proceso, xurdindo medios que permitiron que cada vez máis persoas se achegasen á información e ao coñecemento. Pero, se nos primeiros medios de comunicación de masas o proceso comunicativo era unidireccional e as audiencias tiñan o papel de receptores e consumidores da información creada por uns poucos, todo cambiou coa chegada de Internet e coa súa evolución como rede social onde as e os internautas reciben pero tamén crean información, ocupando un novo papel de prosumidores. A evolución das ferramentas tecnolóxicas cara a contornas cada vez máis intuitivas e amigables fai posible que, cuns mínimos coñecementos de informática, calquera persoa poida convertese en creadora de contidos en Internet. Calquera de nós podemos crear o noso podcast como se dunha radio se tratase, subir un artigo de opinión ao noso blogue como se traballásemos nun xornal, gravar un vídeo e subilo a YouTube como se fósemos Chano Piñeiro, ou emitir en directo cun programa de actualidade mentres interactuamos cos nosos ouvintes como se estivésemos na TVG.
No entanto, esta visión tan optimista non nos pode facer esquecer que a utopía inicial de Internet da conexión global, de acceso libre ao coñecemento e de participación democrática tamén esconde un universo de captación da nosa atención, de monetarización do noso tempo nos servizos falsamente gratuítos que se nos ofrecen na Rede, de creación dun cómodo, personalizado e aditivo mundo dixital.
A Revista Galega de Educación (RGE) quere atender esta nova realidade e explorala tanto no que afecta ao alumnado e ao profesorado coma á cidadanía, así como nos seus aproveitamentos na aula. Por isto dedicamos este número ás creadoras de contido no mundo da educación, persoas comprometidas cunha visión de Internet como espazo de participación e de intercambio horizontal de información que deciden compartir coa comunidade educativa coñecementos valiosos. Trátase dun monográfico esencialmente práctico onde faremos un percorrido por diversos tipos de contidos que se poden atopar en distintas plataformas.
Así, Nee Barros, escritore e divulgadore cultural, presentaranos a súa canle en Youtube sobre literatura galega “Neeumatiko”, reflexionando sobre as posibilidades desta plataforma para a divulgación e aprendizaxe da lingua e literatura galegas. Julio Mulero, profesor universitario, achéganos a Twitter e as súas posibilidades educativas, tanto para os docentes, que poden compartir información e coñecemento cos seus compañeiros e compañeiras, como para os estudantes, que poden convertese tamén en divulgadores, compartindo as súas aprendizaxes nesta rede social e aprendendo neste proceso de creación de contidos. Pola súa parte, Pablo Rodríguez, docente, amósanos tamén o seu traballo na súa canle de Youtube dedicada á formación docente e á facilitación dos distintos procedementos administrativos que moitos temos que facer ao longo da nosa carreira docente. A continuación, Francisco Brea e Iria Veiga, químico e psiquiatra, fálannos do seu proxecto de divulgación científica en Twitch, Balea vermella. Sen dúbida, esta plataforma de vídeo streaming ofrece unhas posibilidades de participación de interese educativo. Cambiando do formato audiovisual para pasar á radio, Lucía Abarrategui e Sergio Pascual, periodistas e expertos en radio, amosan a súa iniciativa Laboratorio de radio, un proxecto de radio escolar que nos descobre as incribles posibilidades que ten a creación de podcasts e radio en directo no ámbito educativo. Tamén Miguel Abraira, profesor de secundaria, invítanos a descubrir as posibilidades do formato podcast presentándonos o seu proxecto Somos Historia, co que, como el di, se coa no Spotify do alumando. Rematamos o monográfico coa reflexión de Alfonso Gutiérrez, catedrático da Universidade de Valladolid e experto en educación mediática, sobre o lugar que ocupan e deben ocupar Internet e as pantallas na escola.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: