Conversa con Teresa Franquesa Codinach

Texto

Conversamos con Teresa Franquesa Codinach, pioneira na educación ambiental en Cataluña. Foi responsable recentemente da planificación estratéxica de políticas de sustentabilidade no Concello de Barcelona, o que é posible que a sitúe á vangarda das propostas que nos permiten impulsar outros futuros posibles.

O enfoque da educación ambiental vén moi marcado pola forma que temos de entender a problemática socioambiental: onde dirías que nos atopamos actualmente nesta comprensión?

Ao caso, referireime a unha frase de Margalef, de hai xa moito tempo, que dicía: “a problemática fundamental pódese resumir en que a Terra se nos fai pequena”. É unha expresión simple que sitúa o problema: por unha banda, esgótanse os recursos e o noso hábitat está sometido a gran presión, porque somos moitos e algúns moi esixentes; e, por outro lado, alude á globalización, á maneira de relacionarnos e distribuír os recursos. Unha tradución gráfica sería o dónut de Kate Raworth, que ilustra os dous grandes retos: evitar que ninguén caia no buraco do centro, sen o necesario para unha vida digna, e non exceder a fronteira exterior, marcada polos límites ecolóxicos como o cambio climático, a perda de biodiversidade, o uso de auga doce e de terras fértiles, ou a contaminación química.

Quizais, en relación a décadas pasadas, somos máis capaces de comprender a globalidade da problemática tanto ambiental como social, e de ver –se é que alguén non o tiña claro- que estas dúas problemáticas están totalmente conectadas e que actuar en relación a unha, sen ter presente a outra, é errar na dirección. Debemos traballar con esta visión conxunta e buscar solucións que dean respostas a ambas as problemáticas á vez. Vexo que hoxe en día aumentou a conciencia de insostibilidade na xente. É unha conciencia que pode ser que sexa algo superficial, pero abre oportunidades.

Vin traballos teus que defenden ese labor educativo que, máis aló da concienciación, capacite para a acción. É dicir, agora temos esta conciencia da problemática moito maior da que había antes, pero isto non é suficiente: que educación ambiental precisamos?

Paréceme que unha das cousas que nos convén é deixar de insistir na idea demasiado simple de que ‘cada unha faga o que poida’. Vexo que tendemos a salientar a acción individual e a amortecer a urxencia de accións políticas máis sistémicas. No seu libriño Stop saving the planet! a escritora e historiadora ambiental Jenny Price di que fronte a grandes retos, como a redución de emisións, fiarnos de que se logrará porque todos e cada un o imos facer voluntariamente é como, fronte a un incendio, mandar unha pomba mensaxeira no canto de chamar ao 112. Hai grandes problemas que necesitan respostas colectivas, organizadas. Por tanto, traballar para educar nunha conciencia individual que suscite respostas individuais, si, pero tamén educar para saber esixir que actúen aqueles que teñen máis capacidade de cambiar as cousas. Temos tendencia a dicir ‘que podes facer ti?’, pero moi pouca a preguntar ‘que é o que debemos facer entre todos’. Facendo accións pequeniñas quizais teñas boa conciencia, pero o realmente importante é se en conxunto facemos o necesario para lograr cambiar de rumbo.

Cales serían para ti as claves pedagóxicas para desenvolver esa cidadanía máis esixente, crítica e transformadora?

Algo que considero importante é a conexión coas persoas e co mundo que nos rodea. Poderemos pór en circulación ou debate ideas e valores emerxentes, apoiar iniciativas pioneiras que poidan actuar como punta de lanza na transformación social, a condición de que partamos de escoitar e de comprender. Creo que é un erro moi estendido ir predicar sen escoitar, e cando falamos coma se pensásemos que non hai nada na cabeza das persoas, a xente non se sente recoñecida nin tratada como alguén intelixente, que o é. Se predicamos restricións que son impopulares e a xente non sente comprendidas as súas necesidades, as súas preocupacións, a loita do día a día, entón non conectaremos. Os cambios necesarios poden ser máis ou menos impopulares, pero, se son definidos entre todos, asúmense como vontades, non como obrigas. É básico cultivar a ilusión por un mundo mellor dando protagonismo a cada un. A aí creo que temos un bo reto.

Fotografía de Teresa Franquesa Codinach

E temos o marco social para que se dea cabida a estas propostas?

Claro, estas alternativas existen e neste sentido hai unha cita da antropóloga Margaret Mead que me gusta moito. Di “nunca dubides que un pequeno grupo de cidadáns consciente e atento pode cambiar o mundo: sempre foi a única forma de facelo”.

Penso en cooperativas de consumo crítico, redes de axuda mutua, bancos de tempo, ou sexa, micro-contextos sociais innovadores nos que as persoas toman o mando en distintos aspectos da vida, xestionando contradicións, vencendo dificultades, aprendendo xuntas. Son procesos profundamente educativos, porque nada ensina máis que estar inmerso nunha práctica de transformación cotiá. Alguén dicía que moitas veces non son os valores os que cambian a práctica, senón a práctica a que cambia os valores. As dúas direccións poden funcionar. Pero a práctica demóstranos que as cousas poden ser e entón é máis fácil adoptar eses valores.

Xustamente quixen formular esta pregunta para ver o escenario de posibilidades, porque ás veces aliméntase a sensación de que fronte á gran máquina non se pode facer nada, e realmente hai moitas alternativas en marcha, tamén nas escolas.

Considero que se evolucionou moito na educación ambiental na escola. Temos pasado do catecismo ambiental, e dos consellos e listas de obrigas, ao traballo máis profundo, entendendo a educación ambiental como algo que pode estruturar todo o proxecto educativo, que se pode incorporar nos obxectivos educativos de centro, que implica non só os contidos do currículo, senón tamén a maneira de gobernarnos, de xestionar o centro, a intervención sobre a contorna escolar, tanto no propio edificio e patio como na contorna social, ou as relacións na comunidade educativa. Estes proxectos transformadores, co protagonismo do alumnado e do profesorado, van facendo que, ano tras ano, a escola madure, creza na asunción dos obxectivos de educación ambiental. Aquí en Barcelona xa hai 21 anos que temos o programa Escoles + Sostenibles, unha rede de 400 centros que funciona coa achega de todos. É algo que me dá satisfacción e que me fai sentir que se avanzou. Hai moito máis teorizado, máis cultura de traballo compartido, máis instrumentos e recursos pedagóxicos, máis soportes, e confío en que sexa un reflexo de como foi evolucionando a educación ambiental nas escolas en xeral.

Non sei se tes a percepción de que non só a escola contribúe ao avance da educación ambiental, senón que a educación ambiental contribúe ao avance da escola.

Eu si o vexo, que en moitos casos ten cambiado a dinámica da escola, o atrevemento do centro educativo á hora de transformarse. A partir de situar un horto escolar, cuestiónanse os espazos, a que xogamos, o papel das familias, se instalamos un compostador, que facemos cos residuos, o menú escolar etc. Pódense observar as dinámicas que se van creando a medida que se van expondo preguntas de maneira honesta, que axudan a cuestionar e introducir cambios. E por suposto axuda o non sentirse sós, senón nun colectivo de centros que o están facendo. Téñoo visto nestes seminarios en que unha mestra escoita como a outra, que é dun centro que non destaca por ser innovador, resulta que fixo algo que lle parece admirable e entón anímase a facelo ela tamén. Este estar e aprender xuntos fai crecer. Tamén co alumnado. Por exemplo, vin como repercute nos mozos a participación na CONFINT, como as mozas que participan, logo asisten a unhas xornadas de educación ambiental e retan os educadores. Crécense! Fórmanse non só líderes, senón tamén grupos de acción e poder xuvenil.

Fanse cousas moi interesantes nas escolas. E as que teñen que facerse, claro!, non podemos durmir nos loureiros porque hai moita tarefa.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir