Conversa con Nélida Zaitegi

Texto

​Nélida Zaitegi de Miguel (Abanto Ciérvana, Vizcaya, 17 de outubre de 1946) é unha mestra e pedagoga, promotora da construción da convivencia positiva nos centros educativos, así como da prevención e actuación ante casos de acoso escolar entre iguais.

A súa traxectoria profesional comenzou en 1967 como docente na escola pública, sendo tamén directora, inspectora de Educación e responsable de programas de innovación educativa do departamento de Educación do Goberno Vasco: Convivencia e paz, Habilidades para a vida e Formación de equipos directivos.

É tamén coordinadora da aplicación do “Contrato-Programa por unha Nova Educación” en varios centros de toda España. É membro do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar desde 2011. En marzo de 2017 asumiu o cargo de presidenta do Consello Escolar de Euskadi,​ cesando 2020.​ Ademais foi presidenta do Foro Europeo de Admnistradores de Educación (FEAE) Euskadi, membro do Consello de Innovación Social de Innobasque, directora de la revista OGE (Organización e Xestión Educativa), e CONVIVES; ademais de formadora e asesora tanto en centros educativos como de formación de profesorado de diferentes CCAA, entre elas, especialmente en Galicia, onde temos a sorte de poder contar con ela todas as veces que a súa apertada axenda llo permite.

Nos dous últimos cursos estivo traballando como voluntaria nun Centro de Formación Profesional Básica, atendendo ao alumnado máis vulnerable.

É autora de numerosos libros, publicaciónas e investigacións no ámbito educativo, profundizando en temas como a convivencia, a avaliación e a autoavaliación de centros educativos, a coeducación o a análise de valores sexistas nos libros de texto, entre outros.

Pero sobre todo Nélida, para nós, é unha desas contadas persoas que fan sacar o mellor dun mesmo, que despois de escoitala ou falar un pouco con ela, sentes a necesidade de volver a poñerte no camiño da loita por deixar detrás de ti un mundo algo mellor do que atopaches, que te anima a facer realidade aquilo que decía Gandi: “Sexamos o cambio que queremos ver no mundo”.

Nesta entrevista Nélida regalanos esa mirada holística, complexa, chea de entusiasmo apaixonado, comprometido e realista por mellorar o benestar dun mesmo, da nosa comunidade educativa, da sociedade e do planeta.

Di Morin no seu libro Cambiemos de vía. Lecciones de la pandemia (2020) que entramos na era das incertezas e é hora de mudar de vía para rexenerar a política, a protección do planeta e a humanización da sociedade. Que nova vía debe coller a escola na era das incertezas?

Penso que é necesario mirar cara atrás para ver que é o que nos trouxo aquí, á situación en que agora estamos. Dous “cisnes negros” como a pandemia e a guerra de Ucraína, con todas as consecuencias de ambas, fixeron que se evidencien os paradigmas e valores en que a nosa sociedade se sustenta. Os modelos de acumulación, poder e éxito e os valores asociados a eles crearon o escenario actual.

En momentos de incerteza, de desconcerto, xorden moitas preguntas. Esta é a sociedade que construímos, pero é a que desexamos manter?, é así como queremos vivir? Creo que existe un sentimento xeneralizado de “isto non pode seguir así” e fálase da necesidade dun novo pacto social. Por iso, comparto o que di Morin sobre a necesidade de mudar de vía para rexenerar toda a sociedade, protexer o planeta, é dicir, frear urxentemente as condicións que conducen á extinción da nosa especie na terra, e, sobre todo, avanzar no proceso de humanización.

Aprendemos que todo está interrelacionado, nunha complexa rede, que hai que mudar a traxectoria: non máis acumulación senón máis benestar e coidados, pór a vida e o benestar das persoas no centro de todo.

A educación, neste caso a escola, ten un papel fundamental. Para que educamos aquí e agora? Que sociedade queremos? Entendo que a educación é pór as condicións para que todo o alumnado desenvolva as competencias e valores necesarios para unha vida digna, busquen a súa plena realización e comprométanse na construción dunha sociedade máis xusta, solidaria e sustentábel. Se compartimos esta idea de educación, teremos que pensar como debe ser a escola que responda a isto, que docentes se necesitan, que se debe aprender e ensinar. Porén, non podemos esquecer que a educación é moito máis ca a escola, que se aprende en todos os sitios, na casa, na rúa, nos medios e redes sociais. Por iso, a educación é responsabilidade de toda a sociedade, non só da escola. É máis, en moitas ocasións, o que se tece na escola, destécese fóra dela, como perpetua Penélope. Por iso, necesítase un pacto educativo social, para avanzar na mesma dirección e que a sociedade, no seu conxunto, se comprometa co benestar e o desenvolvemento humano.

Pregúntanos Tonucci (2020): Pode un virus mudar a escola? Mudou algo na escola para mellorar o benestar e a saúde mental do alumnado ou volvemos ás aulas coma se aquí non pasase nada?

Fíxose visíbel e palpábel a nosa fraxilidade. Pasamos medo, sentímonos tremendamente vulnerábeis e iso pasa factura.

Cando o alumnado retornou ás aulas, recomendei que o profesorado se esquecese por uns días de todo e se dedicase a acoller o alumnado a escoitalos e ver como estaban e detectasen necesidades emocionais e que ese fose un aspecto importante durante todo o curso, porque non é fácil velas e había que estar moi atentos a elas.

Si, creo que cambiaron moitas cousas, aínda que depende da sensibilidade de cada centro e de cada docente. Penso que hai unha maior sensibilidade cara á necesidade dun maior benestar das persoas, tanto do profesorado como do alumnado.

A educación emocional está a incrementarse en infantil e primaria. Cómpre abordala de modo sistemático e urxente na educación secundaria, precisamente porque son adolescentes e porque se están a dar cada vez máis casos de desaxustes emocionais e mentais, e mesmo de condutas suicidas.

Nélida e Manuel Armas

Que pasos está a dar a escola para mellorar a inclusión da diversidade do alumnado e que grandes dificultades están a atoparse para alcanzar unha real e plena inclusión?

Os centros educativos teñen que responder a todo o alumnado, é dicir, á diversidade humana. Non hai dúas persoas iguais, todas somos diferentes, por iso non se pode actuar baseándose na homoxeneidade senón na heteroxeneidade.

Por desgraza, aínda se manexan marcos mentais obsoletos respecto diso. Por exemplo, pensar que a inclusión fai só referencia ao alumnado con algún tipo de discapacidade, pondo a mirada nela e considerala como un déficit que hai que corrixir, sen ver todas as súas posibilidades. Isto fai diminuír as expectativas cara ao alumnado e, con iso, as intervencións personalizadas para cada quen. E repito que todas as persoas somos diferentes. Por iso falar de atención á diversidade é falar de personalización para todo o alumnado.

A inclusión real implica, en primeiro lugar, que cada alumno/a pode elixir o centro, que non se trata de deixalos entrar, senón de non permitir que queden fóra. Despois, que sexa e se sinta parte do mesmo a través da participación en todo o que lle concerne e, á vez, que desenvolva as competencias persoais, sociais e académicas necesarias para unha vida digna.

Para iso, cómpre unha intervención coordinada a tres niveis. Un, políticas educativas e sociais realmente inclusivas e todo o que delas ha de emanar, tempos, formación, recursos e instalacións axeitadas, etc.; dous, centros con proxectos educativos inclusivos, e tres, actuacións personalizadas, de tal xeito que toda a actividade do centro responda ás necesidades de todo o alumnado.

Só se estes tres niveis deixan de se botar a culpa mutuamente e cada un fai o que lle corresponde, poderemos avanzar cara a unha inclusión real.

Como mellorar a convivencia positiva nos centros educativos?

A convivir apréndese convivindo. A cultura de cada centro, a maneira en que as persoas interaccionan entre elas, a elaboración das normas, a xestión dos conflitos e a participación na toma de decisións que incumben a toda a comunidade, marcan a convivencia dun centro. E isto é o que o alumnado aprende. Por máis que se lles diga que e como deben ser as cousas, aprenden o que se fai, non o que se lles di.

E é moi grave dicir unha cousa e facer outra, porque así é como se aprende o cinismo e a dobre moral. Por iso é tan importante a coherencia do profesorado.

A comunicación non violenta, a xestión de conflitos desde unha filosofía restaurativa, as normas democraticamente elaboradas e a gobernanza baseada na transparencia e na participación, pondo en valor a corresponsabilidade e a intelixencia colectiva, xunto aos valores de compaixón e solidariedade, son as claves para unha boa convivencia e para avanzar no benestar e no desenvolvemento moral e humano de toda a comunidade educativa

Formas de prevención e intervención ante o acoso escolar.

Educar no coidado mutuo e no exercicio da compaixón, non só empatía senón acción, desde infantil é a mellor prevención. Ademais, é necesario desenvolver as competencias socioemocionais e a cohesión grupal, o que se coñece como prevención, é dicir, provelos dos recursos para afrontalo.

Por outra banda, os valores de xustiza e solidariedade hanse de vivir no día a día no centro para xerar un compromiso do alumnado tanto de maneira individual como colectiva, para que sexan eles e elas quen detecten e deteñan as condutas asociadas ao acoso.

Cando se produce un caso deste tipo, o primeiro que hai que facer é protexer a vítima para frear o acoso e logo analizalo, estudalo en profundidade e reconducilo de maneira restaurativa, porque non podemos esquecer que a escola está para educar e debe facelo da mellor maneira posíbel para que se asuma a responsabilidade dos actos e propíciese restaurar o dano causado e, con iso, o desenvolvemento moral.

Como valorarías a posta en marcha de medidas como o coordinador de benestar nos centros educativos, os Protocolos de prevención do risco suicida, as aulas de convivencia, programas de desenvolvemento do benestar,… que falta por facer?

A Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia fronte á violencia (LOPIVI) é unha lei moi oportuna e necesaria. Sobre todo, para que se tome conciencia da necesidade do coidado e do benestar colectivo como un obxectivo da educación.

Esta lei ten entre os seus obxectivos promover e regular a participación das nenas, nenos e adolescentes como actores sociais no seu propio benestar, a promoción, prevención, protección e apoio á familia ou o desenvolvemento de competencias parentais. Para iso, estabelece que os centros educativos deben contar cunha figura de coordinación de Benestar e Protección da Comunidade Educativa para que se elabore un Plan de Benestar para a Comunidade feito de maneira participativa. Esta pode ser unha excelente oportunidade para facer visíbeis as necesidades do alumnado, do profesorado e das familias e poder buscar e construír, xuntos, as mellores respostas ás mesmas e fundamentar no benestar todo o que se fai no centro.

Esta figura é fundamental, coordina todas as accións da comunidade educativa; non o fai directamente, senón que promove e facilita que outras persoas fagan, asume a coordinación e o liderado, xunto ao equipo directivo. Para iso necesítase unha persoa cunha gran sensibilidade, formación, liderado e compromiso, pero, tamén, co tempo e os recursos necesarios para desempeñar esta función tan importante.

Hai que tomalo moi en serio, aproveitar a gran oportunidade que é elaborar un plan de benestar que inclúa todos os demais: coeducación, convivencia, ciberconvivencia, coidado, inclusión, benestar e participación. Dalgunha maneira, é facer visíbel a “alma do centro”, a educación con maiúscula, e construíla de maneira colectiva, co compromiso de todas as persoas. Todo isto converte o centro na contorna protectora por excelencia

Son a CCAA quen han de implementalo e cada unha fará o que considere oportuno. Sería tremendo que se burocratizase e que perdese o auténtico sentido. Que se converta noutra figura máis, con funcións desartelladas, sen as competencias e valores necesarios, sen liderado e sen as condicións de formación e carga horaria que garantan o éxito da súa tarefa.

Permaneciches como voluntaria os dous últimos cursos nun Centro de FPB. Que propostas globais terían que facerse para acoller e acompañar nun proxecto vital solidario o alumnado máis vulnerábel?

Deixar á súa sorte o alumnado máis vulnerábel, sen dar resposta ás súas necesidades, é unha gran inxustiza porque incrementa e perpetúa a súa exclusión académica, laboral e social.

Os centros de FPGB son unha boa oportunidade para o alumnado, por diversas circunstancias, sexa por deserción ou expulsión escolar. Con todo, só serán unha oportunidade se actúan con formulacións máis flexíbeis e dinámicas de acceso, permanencia e éxito para lograr a conexión co mundo formativo e do traballo.

O alumnado que accede á FPGB, chega en moitos casos despois de traxectorias complicadas e de sufriren múltiples violencias e abandonos, ás que hai que engadir un gran fracaso escolar, é dicir, o fracaso non é seu, é da escola, como o seu nome indica. Por iso, hai que curar, apoiar, acompañar para poder reenganchalos á aprendizaxe. É moi importante ter presente que non vale o de sempre, que non se lles pode dar máis do mesmo e que é imprescindíbel a personalización porque as historias e as traxectorias vitais e académicas son moi diferentes.

Como proxectos globais, eu diría que en primeiro lugar é imprescindíbel ter claro que a FPGB é unha escola de segunda oportunidade, con enorme interese social, na medida en que propicia o benestar persoal e social dun colectivo desfavorecido, ofrecéndolle ferramentas de inclusión académica, laboral e social como parte do desenvolvemento humano ao promover vidas dignas de seren vividas.

A partir de aí, coñecer as diversas problemáticas que han de xestionar estes centros e a competencia profesional do profesorado para iso, o que implica unha selección rigorosa do mesmo (compromiso, competencias específicas para traballar con este alumnado: resiliencia, empatía, formación pedagóxica, psicolóxica e didáctica, creatividade, xestión de conflitos, …), formación, asesoramento e apoio. Ademais, cando sexa necesario, incorporación de novas figuras: terapeutas e traballadoras sociais.

Dixen unha vez que a FPGB é a Unidade de Coidados Intensivos, UCI, da educación, e por iso necesítanse os mellores profesionais e os mellores recursos de todo tipo, así como o apoio, coidado e recoñecemento ás direccións e aos equipos docentes destes centros.

Esta é unha cuestión de xustiza social, pero, á vez, é o mellor investimento educativo e económico a curto, medio e longo prazo.

É necesario ter en conta o custo social e económico posterior se non os conseguimos reenganchar. Por iso hai que consideralo como un investimento, non só para evitar bolsas de pobreza e malestar social, senón en termos económicos, nas axudas sociais de todo tipo que van ser necesarias despois.

Fálase de abordar os problemas de saúde mental cunha mirada interdisciplinar e multicausal na que se impliquen os servizos educativos, sanitarios e sociais traballando en rede sociocomunitaria. Como se podería xeneralizar o traballo en rede ou colaborativo nos centros educativos?

Hai dous niveis, a prevención e a actuación ante problemas de saúde mental

Primeiro trátase de actuar para promover a saúde mental, previr trastornos nese ámbito e evitar condutas autolesivas e comportamentos de risco coma o uso nocivo de alcol e o consumo de drogas, que afectan negativamente á saúde mental e física dos mozos.

Refírome a fortalecer a súa capacidade para regular as súas emocións, potenciar as alternativas aos comportamentos de risco, desenvolver a resiliencia para xestionar situacións difíciles ou adversas, e promover contornas e redes sociais favorábeis, como recomenda a OMS, é dicir, dispor de estratexias para chegar, sobre todo, ao alumnado máis vulnerábel.

Este é un tema que afecta directamente a toda a sociedade, non só á escola, por iso necesítanse actuacións conxuntas ben deseñadas e coordinadas dos distintos servizos, sanitarios sociais e educativos.

Que eu coñeza, existen algunhas experiencias interesantes en canto a prevención, pero menos en intervención comunitaria con alumnado con enfermidades mentais.

Con todo, a necesidade e a demanda do profesorado é continua. Que podo facer eu con este mozo ou moza que está en tratamento, pero que eu descoñezo e non sei como actuar? É tremendo ver que lles pasan cousas graves, autolesións, consumos, etc. que os levan ás urxencias e non ter información nin apoio para saber como tratalos cando volven o luns ao centro. A indefensión que eu sentín nalgúns casos é tremenda. Sabes que están en tratamento, pero nada máis. Tes información que podería ser moi valiosa para o terapeuta, pero ninguén che pregunta, nin che dá ningún tipo de información nin pauta.

É necesario e urxente crear estas redes de colaboración entre servizos sociais, sanitarios e educativos, estudo de casos e tratamento conxunto, mesmo sesións clínicas. Gústenos ou non, ser docente hoxe implica isto e é importante saber facelo, ter a información, formación e apoios para iso.

Dando unha mirada global á túa dilatada, entusiasta e comprometida vida dedicada á educación, poderíasnos dicir, desde a túa experiencia, os tres logros ou puntos fortes do noso sistema educativo e os tres grandes retos ou desafíos que ten que resolver nos próximos anos.

Non cabe dúbida de que a educación mellorou moito nos últimos anos, escolarizamos todo o alumnado, sexa como sexa e veña de onde veña. Os proxectos educativos dos centros, o profesorado, a dotación e xestión dos centros,… Son moitas as cousas que melloraron.

O que pasa é que as cousas mudaron e farano aínda moito máis. O futuro xa está aquí, non fai falta esperar.

Por iso, a educación e a escola enfróntanse a retos importantes.

Deixar de mirar polo espello retrovisor e mirar ao redor e cara adiante para crear e compartir un marco conceptual do que é a educación aquí e agora. O que necesita o alumnado actual para vivir e avanzar en desenvolvemento humano nestes escenarios tan incertos e complexos. Imaxinar a sociedade que queremos e pór os medios para iso, porque só así poderemos construíla

Asumir que a educación é responsabilidade de toda a sociedade, que a escola soa non pode. A transformación social é unha tarefa colectiva que esixe estratexias compartidas para promover a inclusión, a xustiza social e a coidadanía, as relacións baseadas no coidado

Cambiar o nome de centros de ensino por centros de aprendizaxe con todo o que isto leva, é dicir, cambios radicais nos centros educativos para se converteren en espazos de coidados, seguridade, benestar e aprendizaxe. Cambios culturais, organizativos, curriculares, metodolóxicos e os que fan referencia á avaliación. Recuperar o sentido, axustar o compás, o para que, o como e o quen.

Dis nun dos teus últimos traballos: “aprendín de pequena que o peor dos pecados é a omisión, que non facer é unha maneira de facer, a peor”. Que nos queda por facer na escola e o sistema educativo.

Si, así é, aprendino na escola, da miña mestra. Non vale mirar para outro lado, hai que comprometerse e é mellor cometer erros que non facer nada por medo a equivocarse. Iso que chamamos “a parálise pola análise” e que nos impide arriscar e atrevernos a iniciar cambios, por máis necesarios que os vexamos.

Educar é humanizar, aí está a clave. Por iso, gústame falar de compromiso docente e de corresponsabilidade social. Pór as persoas, o alumnado, o profesorado e as familias no centro de todo o que se fai.

Quédanos humanizar os centros, porque se aprende o que se vive cada día, a ética do coidado cotiá, a solidariedade, a curiosidade, aprender a aprender, creatividade e o benestar emocional

Compromiso docente e implicación da sociedade, os concellos, os axentes sociais. Meter a vida nos centros e sacar os centros á rúa para aprender a vivir e convivir coa diversidade humana como fonte de riqueza e converternos en auténticos centros de aprendizaxe para a vida boa e o benestar persoal e colectivo.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir