Conversa con Mercedes Peón

Resumo

Un repaso pola carreira artística de Mercedes Peón. Un símbolo para a música, a cultura e a innovación artística de Galicia

Un repaso a la trayectoria artística de Mercedes Peón. Un símbolo de la música, la cultura y la innovación artística de Galicia

A review of the artistic career of Mercedes Peón. A symbol for the music, culture and artistic innovation of Galicia

Texto

Cando eu tiña oito anos, a voz de Mercedes Peón entraba no meu fogar cada semana, e case me atrevo a dicir que en moitos fogares galegos sucedía o mesmo. Nese tempo, a serie Mareas Vivas foi o que hoxe diriamos “viral”, e cada semana un novo episodio viña acompañado do tema “O mar”. Nel, a voz de Mercedes entraba nos nosos fogares cunha forza particular coa que era quen de transmitir enerxía, identidade e acougo. Fixo 20 anos o pasado 2022 da publicación do seu primeiro disco Isué, e co espectáculo Ingrávida tráeo de novo á escena acompañada de case 20 mulleres coas que percorre os espazos emocionais e políticos que habita.

A transversalidade, a subalternidade e a transgresión acompañan sempre a túa creación e case diría que a túa imaxe como artista. Como se identifican estes elementos na túa obra? 

Digamos que dende o primeiro tema ata os últimos que teño composto, como na composición de bandas sonoras, está un xeito de mirar o mundo; e ese xeito de mirar poliédrico, des-centrado das hexemonías, como autora de autoestima cultural, proxéctase nos sons, nos arranxos que acompañan as melodías, no ruidístico, no lugar de transo cos ternarios, no entendemento da enerxía da disonancia, nas voces proxectadas, no ser pandeireteira. Todo iso mesturado cos posicionamentos políticos, reflíctese e forma parte do lugar que habito e que quero plasmar na miña música. 

Cando creo un proxecto ese xeito de ollar segue a operar, xa alén das sonoridades. A enerxía que se move coas compañeiras músicas en escena é marabillosa, de sororidade, de escoita e de axuda, porque podemos, porque podo propoñelo e porque ese lugar de liberdade transcende e dáche un motivo polo que seguir subíndote aos escenarios, alén dos traballos de encarga que, por outra banda, teñen que ter sintonía cos lugares que quero habitar, poñéndome ao servizo da dirección que se propoña.

É case unha pregunta obrigada falar do teu proceso creativo. Para os músicos e músicas, ben para calquera persoa inmersa nun proceso de creación, é de especial relevancia coñecer o xeito de crear doutrxs artistas, e máis cando contan cunha traxectoria tan exitosa. Moitxs artistas falan de procesos sistémicos de creación, outrxs sobre a inspiración, a necesidade vital, ou mesmo impulsos casuais. Cal é o teu caso? 

A necesidade de expresarme libremente e de facer música para o transo coas persoas do meu medio nos anos 90, que eran todos e todas folcloristas do momento, os que iamos a mesturarnos coas resonancias dos microhábitat das aldeas, música para as persoas que tiñamos o coñecemento e xa entrabamos en transos de música e danza a través dos ternarios. Esas compañeiras, e alumnas/os viñan da revolución dos anos 80, que foi cando as pandeireteiras chegaron ás cidades e os grupos folclóricos fixeron algo totalmente extraordinario.

O que veño de explicar plásmase nos temas como “Isué”, “Non me mires” ou “Elelé”. Estaba na procura de atopar un xeito -como por exemplo o reggae de Xamaica- de plasmar a enerxía das tocadoras da pandeireta, pero que se puidese escoitar en calquera lugar, como hai 30 anos pensaba eu nunha discoteca, na radio etc, e poder ter un modo de entendernos sen que tivésemos que rexeitar, deixar que desaparecese todo un imaxinario perfecto e peculiar como son estas microculturas das aldeas, unha por unha, e eu como compositora deixarme levar por eses outros xeitos de estar no mundo. Iso foi o comezo. Esa procura, esa investigación, creou en min un xeito de entender-me e facer de min unha compositora cunha linguaxe peculiar. Por outra banda, as melodías xurdidas a través do transo comigo mesma, as letras falando da lingua, das tocadoras, da sororidade, da intuición de que o patriarcado non viña do pasado etc, fíxome chegar a lugares como “Osmose”, que é un ensaio sonoro, un ensaio que dialoga coa Marga Ledo, a música que fixen para a súa película Nación, e comigo no pasado presente. Son cousas verdadeiramente emocionantes.

Os espazos sonoros, as paisaxes dunha cidade como sinfonías sonoras atráenme moitísimo. Vou reiterar novamente a palabra “emoción”, porque pasear por São Paulo con dúas gravadoras amplificando a cidade é incrible, todo magnificado, e logo chegar á casa, escoitalo e coller o clarinete na procura de espazo sonoro e compoñer deixándose suxerir por uns sons totalmente casuais é moi emocionante.

Daquela non podo dicir que teña un xeito de compoñer preciso, pero certamente operan moitas cousas a un tempo, e iso tamén é marabilloso, porque a música no seu instante está simultaneamente a operar poliedricamente todo iso.

É evidente ou visible tanto na túa persoa como na túa música a sensibilidade da que partes. Non só dende o ámbito artístico senón dende o máis social, político e humano. Como xestionar todas esas emocións que xorden ao longo da vida, a frustración a incerteza e a continua procura de sensacións? Que espazo ten a túa música para todas elas? 

Pois penso que a miña música aliméntase de todo iso, que forma parte de min mesma. Tamén son unha persoa moi reservada, non socializo practicamente nada. Seguramente para protexerme.

Agora mesmo o que me está facendo compoñer música é o cinema. Primeiro Margarida Ledo, que me leva chamando e confiando en min para moitas das súas películas ou curtas, e agora Angeles Huerta, que me propuxo tamén facerlle a banda sonora de O corpo aberto

Tamén para facer o Déixaas como proxecto persoal tiven que provocar un contexto diferente para interaccionar con el e que iso fixese que realmente tivese novamente un camiño para compoñer cousas que me emocionen e interesen.

Dentro dos procesos creativos, hai un punto común a todxs xs artistas, que é dar peche a unha obra ou proxecto. Peche entendido como aquel momento no que unha obra está perfecta ao noso entender. Existe realmente esta sensación ou é unha lenda? (broma). Moitas artistas senten que ese momento nunca chega, e o peche vén da man doutros obxectivos temporais ou por necesidade de seguir adiante. Como xestionas este momento? 

Pois ten a súa cousa! Eu nos discos traballo sen présa; o que me custa máis é deixar de producir a mestura, é algo tan vicioso que podería estar ata o infinito. No tema das películas procuro mandar todo coa máxima calidade que me permite a cuestión económica e despois xa me despreocupo, porque é un traballo en cadea no que tes que ceibar o teu e confiar plenamente nos/nas compañeiras creativas que van mesturar todos o elementos.

Entre o disco Sós (2011) e o último Déixaas (2018) tes comentado que non sacarías máis traballos discográficos por non ter máis que dicir. Como pode entender isto un público que dende fóra ve que cada obra que creas é unha nova contribución ao patrimonio colectivo? Como xorde a necesidade deste proxecto (Déixaas)? Entendendo que non estaba como propósito crear máis discos, porque nace este? 

Nace cando tiven a posibilidade de percorrer Navantia cunha gravadora na man. Iso foi algo que me abriu un transo sonoro, permitiume ollar o sistema do capitalismo e como nesa metáfora/ficción podía compoñer e gozar dun proceso sorprendente. Así foi o por que do disco Déixaas, un colector onde percorrer sensacións e facelo con coherencia e dende un lugar político, onde conviven un número interminable de emocións que non sempre son conscientes de onde habitan, e ese entendemento fíxome percorrer este traballo con moitísima emoción… novamente.

Na túa traxectoria podemos ver que a sociedade galega ocupa un papel fundamental. Fálase moito de evolución artística, de valoración do patrimonio inmaterial e mesmo hai una candidatura que propón as foliadas como BIC. Como cres que nos atopamos agora como sociedade?

As representacións sociais son fundamentais, pero como toda representación omite e crea ficcións. Galicia era un lugar cheo de aldeas habitadas, aldeas que, cada unha, pola súa adaptación ao medio eran totalmente singulares, e as persoas que as habitaban e aínda habitan, están noutras linguaxes e con outras prioridades. Foi e é o externo o que marcou as necesidades ou desexos. Houbo resistencias a que lles quitasen as leiras comunais onde tiñan hortas nas Encrobas, resistencias porque non deixasen lugares enteiros debaixo dos encoros, agora cos macro eólicos, e coa terrible privatización do mar en canto poidan poñer eólicos a 20 km da costa, e si anacos de mar mercados por multinacionais. Nesa omisión doutros xeitos de operar é onde poño a miña atención. A creatividade é a que nos podería salvar deste xeito de esquilmar e privatizar a terra, o aire e o mar. O fundamental é a lingua ou mellor dito a fala, a fala de creación colectiva que é a que nos dá uns pensamentos orixinais para abordar dende aquí as problemáticas globais, o mimo polo medio, aprender da xestión dos montes comunais dende hai centos de anos, o desinterese pola acumulación, o transo en comunidade e ser activamente os creadores/as da cultura, sen ter que comercializala nin mercala, ter esas ferramentas para a sustentabilidade e a salubridade mental. 

Os teus inicios están relacionados directamente coa creación colectiva. Falas nalgunhas das moitas entrevistas que deches de que tanto a música como a danza en Galicia foron unha verdadeira revolución social. Unha arte na que só permanece o que serve para todxs e que dentro da individualidade dá resposta ao colectivo. Podemos atoparnos ante unha das ferramentas máis inclusivas que ten a nosa sociedade? Segue a ter esa función actualmente? 

Encántame que uses o concepto “creación colectiva”; comecei a utilizar ese termo para tentar crear tensión entre o termo tradición e tradicionalismo. Para responder direi que a nosa sociedade está mediatizada polos aparatos de verificación, eses aparatos encadran e dan un valor ás cousas, e por desgraza do que falamos perténcelle “ás sen voz”. Iso acontece nos microhábitat, é aí onde a creación colectiva, a través das creatividades individuais dan resposta ao colectivo, dun xeito sistémico. As sociedades políticas teñen ferramentas políticas que serían a asociación, o asociacionismo. Polo tanto creo que en certa medida se tivésemos representacións sociais que nos achegasen a estes xeitos tan creativos e peculiares de abordar as problemáticas, podería ser que en vez de facer uso do que nos legaron nun contexto actual, puidésemos mudar o contexto para que esas lóxicas axudasen a mudar o mundo, un mundo que non pensase que o progreso é medrar senón que o progreso sexa decrecer (como di o manifesto de Manuel Rivas). 

Tes contado tamén que arredor dos trece anos decides falar galego. Tamén nesa etapa comezan a xurdir reflexións internas sobre a sexualidade, os roles sociais e moitos dos piares políticos que te seguen acompañando. A pandeireteira transgresora, como te alcuman moitas persoas, xorde aí? 

Eu non me vexo transgresora no termo máis punk da palabra. O que é certo é que cando dominas un instrumento podes moverte por onde queiras con el, tamén transportar ese coñecemento a outros instrumentos e seguir un camiño peculiar co que fas. Por outra banda, os microhábitat están compostos por persoas pre-xénero, unha cousa é o sexo e outra o xeito no que te moves na vida, e é por iso que é tan fundamental non perder a fala e non perder a individualidade, canto máis diversos sexamos mellor para o conxunto. Daquela o Queer non é algo novo, é algo novo no mundo da acumulación, porque no mundo da sustentabilidade é fundamental.

Osmose é outro dos teus proxectos en activo actualmente, xunto con Déixaas e Ingrávida, dos que xa falamos. Poderiamos dicir que é unha proposta única, pero este cualificativo ben pode definir calquera dos traballos presentados pola artista. Osmose critica o capitalismo dende o diálogo colectivo viaxando a camiño entre a música e a performance. Cal é o sentir deste novo traballo? 

Como comentei anteriormente Osmose é un ensaio escénico. Fala das fantasías de aceptación, fala das resistencias, fala do desacougo e da presión psicolóxica que acontece nas persoas muller, de como os corpos son atravesados por desexos externos; é un diálogo co meu propio corpo a través dos anos. Da beleza e perfección do microhábitat.

As protagonistas son as traballadoras de Pontea e das conserveiras de aquí. Persoas que proveñen de microhábitat auto suficientes, onde os corpos pre-xénero vivían en acordos de creación colectiva. Osmose é unha mirada a un proceso de cambio de densidade, do desaxuste e reaxuste das lóxicas impostas polo capital. É unha homenaxe ás súas resistencias e unha reflexión sobre a dor de darnos conta de que estas novas formas supoñen un cambio radical nas nosas vidas. 

Con Peque Varela, que interveu as imaxes, e coa arquitectura de Laura Iturralde, creamos en directo unha peza extremadamente tecnolóxica e emotiva.

O ensino da música en Galicia está moi espallado entre diversos colectivos. Nas escolas, conservatorios ou en asociacións e outros espazos de ensino non formal. Estes últimos especialmente cando falamos da música tradicional. Aspectos como a ausencia dun currículo común, a formación (ou ausencia dela) dos mestres e mestras encargados destas aulas, a convivencia entre quen busca unha afección e quen profesionalizarse ou especializarse, o beneficio económico en espazos sen ánimo de lucro, o “compromiso” cunha realidade que cadaquén conta á súa maneira… pero tamén aspectos como a colectividade, as comunidades que se crean arredor da tradición, á liberdade no ensino, á variedade de espazos, métodos ou proxectos, á democratización dunha música que pertence ao pobo… poden ser elementos que nos fagan dubidar entre a boa ou mala saúde do ensino da música tradicional en Galicia. 

Eu estou un pouco afastada do ensino, o que teño claro é que segundo se perde a lingua atrás vai a música e todo o demais. A cultura susténtase porque hai unha fala que é a que lle dá coherencia ás demais expresións. Precisamos de aparellos de verificación que poñan en valor outras representacións fóra das músicas hexemónicas españolas. A oferta formativa é moito maior que polos tempos onde daba eu clase, aló polos anos 80-90, que non teñen nada que ver cos de agora. Eu daba clases a 300 alumnxs á semana, as aldeas aínda tiñan cativos, e na cidade había moi pouca oferta de clases nin espazos para que se poida gozar de foliadas ou seráns no teu propio barrio. 

Todo o regrado está novamente nas lóxicas do capital, e aí é máis difícil porque pode omitir, distorsionar, atrapar etc. Eu son máis confiada no libre albedrío. Por exemplo, cando a pandeireta comezou a ser manipulada por xente non amante da tradición, comezaron a temperar as ferreñas como as das pandeiretas do eido musical clásico dicindo que estaban afinadas. Esta afirmación é totalmente perniciosa. Lémbrome de cando fixemos o xuntoiro de Somos Pandeireteiras, que a Carme de Carbre de Bergantiños se lle deu unha desas pandeiretas e rexeitouna completamente, para ela non valía. Así pasou en moitos lugares do mundo e é por iso que se o miramos dende un punto de vista pos-colonial habería que ter moito tino en como regrar algo marabillosamente salvaxe.

Como nos chega a nosa propia tradición hoxe? 

Se pensamos nela como microhábitat, a túa e a miña terían en común certas cousas pero outras moi diferentes. Creo que o mellor é botarse á baila e tocar nos seráns. Hai cousas tan máxicas como ir a un concerto de calquera das compañeiras de profesión ou compañeiros e ver como nun local de aforo de 1000 persoas están a bailar parellas apuntando co Móbil ao Chan, como se estivese inzado de vagalumes a danzar entre a xente. 

Como afecta a ausencia (en termos xerais) da música tradicional galega no ensino formal? 

Pois a ignorancia de algo tan perfecto que chegou ata o século XXI, e a subtracción do que nos harmoniza co medio.

E xa por último, que move a Mercedes Peón na súa vida artística actualmente? 

Pois Osmose, Ingrávida e a relación coas miñas compañeiras Déixaas. Aberta a calquera proxecto que me emocione e vexa que podo achegar algo a el.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir