Conversa con Mariano Sánchez
Texto
Que é para ti educar dende unha perspectiva interxeracional?
Educar tendo moi, moi presente, como elemento intencionadamente prioritario na práctica educativa, a conexión, a intersección entre tempos e relacións. Cando falo de tempos refírome, sobre todo, á secuencia de posicións que os seres humanos imos ocupando —algunhas delas, para sempre— ao longo das nosas vidas. Por exemplo, sempre somos fillos ou fillas de alguén pero, ademais, algunhas persoas pasamos a ser pais ou nais nun momento dado, e até avoas ou avós. E cando falo de relacións refírome a que a práctica educativa sexa relacional, é dicir, a que quen se implica nesa práctica a entenda dende o-que-sucede-entre esas persoas e non tanto dende o que son ou fan esas persoas. Por exemplo, a relación entre unha alumna de Primaria e a súa mestra pode facer que ambas as dúas actúen, ás veces, como inmersas nunha experiencia de ensinanza-aprendizaxe, pero outras veces nunha de coidado nai-filla, máis propia do ámbito familiar. Cando somos capaces de combinar eses tempos e esas relacións no quefacer educativo estamos implementando unha perspectiva interxeracional.
Que achegas pode incluír a nivel educativo traballar dende unha perspectiva interxeracional?
Transformar radicalmente e ampliar enormemente as formas de entender os tempos e as relacións na práctica educativa. E con máis tempos e máis relacións, combinados entre si, esa práctica abriríase a experiencias que me resultaría difícil imaxinar polas súas infinitas posibilidades. Por exemplo, sería algo totalmente natural que unha persoa xubilada acudise a unha aula de Primaria a educar e educarse.
As relacións interxeracionais son unha realidade cotiá; onde reside o interese de someter a unha planificación o fomento destas relacións?
Eu diría que o máis cotián é o contacto interxeracional, mais non tanto as relacións. Estas últimas non só exixen que as persoas se orienten mutuamente —como cando saúdas a alguén pola rúa— senón continuidade e, sobre todo, apertura á aparición de interdependencia e vínculos. Facilitar oportunidades intencionadas para que sucedan as relacións interxeracionais —por exemplo, mediante actividades ou proxectos— axuda ás persoas a aprender como practicar esta forma particular de vivir conectados no tempo con outras persoas. É unha maneira na que adoitamos iniciarnos na familia pero á que, ás veces, non damos continuidade fóra da familia.

En que punto de desenvolvemento están as prácticas interxeracionais en España hoxe en día? Que exemplos nos darías de referencia para traballar dende unha perspectiva interxeracional na escola e nos contextos socioeducativos?
Aínda co risco de equivocarme, diría que o desenvolvemento das prácticas interxeracionais no noso país é aínda mínimo, case invisible. Falando de exemplos, sempre me interesou moito o traballo que se fai nalgúns colexios rurais agrupados onde, por razóns distintas, se dan cita menores que están en diferentes grupos de idade, co que se rompe a segregación por idades tan xeneralizada na educación obrigatoria. Coñecín en Estados Unidos unha rede de colexios interxeracionais que soubo incluír na súa proposta educativa a idea de que o cruce de idades, saberes e experiencias de aprendizaxe ao longo da vida é fundamental para unha educación máis potente.
Precisa un programa interxeracional unha avaliación asociada?
Pois depende de como se entendan o programa e a avaliación. Se o programa se preocupa moito de lograr algo concreto, interesará saber o que se logrou. Porén, se o programa, sobre todo, persegue que pasen cousas entre as persoas de distintas idades ou xeracións, entón a avaliación —entendida como un xuízo formal do que sucedeu— non me parece prioritario: o importante das experiencias non é avalialas senón contalas.
Diversos estudos mostran os beneficios que teñen os PI a nivel individual e social. Que consellos podería dar a profesionais de distintos eidos que estean a pensar en desenvolver un proxecto neste sentido?
Pois, como teño que ser breve, direi que o meu primeiro consello sería que, antes de faceren nada, tomen un tempo para repasar a súa propia biografía e buscar nela onde e como apareceu a interxeracionalidade. Reflexionar sobre estas vivencias propias —que todo o mundo temos, dun xeito ou doutro— é imprescindible para aprender a verse como unha profesional con experiencia na cuestión do cruce entre tempos e relacións. O meu segundo consello: falar con alguén que xa puxese en marcha iniciativas para favorecer a interxeracionalidade.
Apreciamos que unha boa parte dos PI que se desenvolven en España son entre maiores de 65 e nenas e nenos ou adolescentes; que suporía contar coa participación de xeracións de diferentes tramos de idade?
Pois suporía dar máis autenticidade e posibilidades a eses programas. Se temos en conta que a interxeracionalidade é, por definición, relacional, ten pouco sentido reducila á conexión entre dous grupos xeracionais deixando de lado outros. Neste caso, unha vez máis, podería dicir que canta máis diversidade, máis autenticidade.
Detectamos que ocorre o mesmo cos vínculos familiares entre as persoas participantes. Supón isto un obstáculo na práctica interxeracional?
Pois habería que deterse a observar. O que si podo dicir é que fun testemuña de como vencellos familiares interxeracionais serviron tanto para integrar como para segregar, é dicir, que non podemos supoñer sen máis que calquera vencello familiar vai traer consigo unha boa relación entre xeracións. Todo o que signifique obstaculizar a conexión entre idades e xeracións vai en contra dun traballo interxeracional de calidade.
Hai moito escrito sobre Programas Interxeracionais e moitos inciden no que son ou non son. Que é o que define fundamentalmente a singularidade dos programas que podemos definir como interxeracionais e até que punto deben ser flexibles eses criterios?
De maneira condensada, un bo programa interxeracional é intencionado (persegue expresamente que o encontro entre xeracións suceda), céntrase nas relacións (non nas accións) e asegura a diversidade xeracional (isto é o que denominei antes “os tempos”). A singularidade reside en combinar as relacións e tempos para que suceda algo entre as persoas e as comunidades implicadas. Estes 3 compoñentes —que non criterios— son, para min, os ingredientes básicos; se falta algún, creo que non estaríamos diante dun bo programa interxeracional.
Cal debe ser o papel da comunidade no desenvolvemento dos PI?
Sabemos que o bo traballo interxeracional crea comunidade porque cose relacións e empata o fragmentado. Por tanto, digamos que os programas interxeracionais son, en si, espazos comunitarios. Se, ademais, pensamos noutras formas comunitarias constituídas —por exemplo, a comunidade escolar ou unha comunidade de veciños no barrio—, estas poden ser tamén espazos de acollida das prácticas interxeracionais das que falamos. Pode haber comunidade sen programas interxeracionais? Si. Pode haber (bos) programas interxeracionais sen comunidade? Non. Agora ben, o papel da comunidade non debe estar prefixado de antemán.
Unha das principais dificultades á hora de levar adiante un PI podería estar na fase de lograr que participen persoas maiores e se comprometan coa actividade. Que aspectos se deben traballar para asegurar esta peza imprescindible no PI?
Pois non tratar esas persoas unicamente como persoas maiores, a menos que elas queiran que sexa así. O que quero dicir é que en cada persoa de idade avanzada pode haber, á vez, a persoa menor, adolescente, nova, adulta que segue a ser. Non creo que as persoas teñamos unha soa posición xeracional nin pertenzamos a un só grupo de idade; por tanto, ten pouco sentido restrinxir esta identidade múltiple. O que suxeriría é achegar ao máximo as prácticas interxeracionais aos lugares onde estean as persoas maiores.
No decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na nosa comunidade. a palabra interxeracional aparece mencionada unha vez do seguinte xeito: “Debemos destacar os xogos tradicionais galegos que xunto coas danzas e bailes propios de Galicia, supoñen un elemento importante de transmisión do noso patrimonio artístico e cultural ademais de fomentar as relacións intexeracionais” (2014, p.37785). En canto á Lomloe, dado polo decreto 155/2022 recolle como contido “o ciclo vital e as relacións interxeracionais”. Estásenos a escapar algo?
Abofé, o Real Decreto 157/2022, que establece a ordenación e as ensinanzas mínimas de Educación Primaria, entre os saberes básicos de primeiro ciclo, refírese expresamente ao ciclo vital e ás relacións interxeracionais. Porén, tamén hai xeitos nos que a interxeracionalidade está presente sen nomeala explicitamente: por exemplo, cando a competencia específica 8 deste mesmo Decreto fala da diversidade asociada á idade existente no seo das nosas sociedades. Dito isto, paréceme que está na ESO onde, sobre todo na área de Xeografía e Historia, alúdese máis directamente á toma de conciencia do ciclo vital e ás relacións interxeracionais e á valoración da riqueza destas. Máis cedo que tarde tiña que producirse algo así. E estou seguro que haberá máis exemplos noutros textos normativos.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
