Congreso de Nova Escola Galega e celebración de 40 anos de vida

Texto

Baixo o lema 40 anos educando desde a diferenza para o común, que reflicte a filosofía xeral da Asociación, o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega celebrou a finais de xuño no Museo do Pobo Galego os seus 40 anos de vida. Creada en 1983 mediante a agrupación de diversos impulsos organizativos que se iniciaran en Galicia en 1975 é, Nova Escola Galega, unha entidade sostida durante esta longa andaina de xeito exclusivo polas enerxías da súa masa asociativa, ao non depender nin estar conectada con institucións ou organizacións político-sindicais nin eclesiásticas que a sosteñan.

Por este motivo, en grande medida, a celebración dos 40 anos de Nova Escola Galega foi principalmente para as súas afiliadas e afiliados, así como para todas aquelas persoas e entidades que veñen acompañando a NEG no seu camiñar. Na xornada inaugural do Congreso, o 30 de xuño, os grupos de traballo que integran NEG expuxeron ante as persoas asistentes as súas liñas de actividade.

O carácter institucional marcou a axenda do 1 de xullo, que contou coa presenza de diversas autoridades, tales como representantes do goberno municipal compostelá e de institucións e organizacións de carácter educativo, cultural, lingüístico ou sindical. Unha enriquecedora conferencia de Mª Ángeles Llorente Cortés sobre os desafíos da educación pública no contexto actual abría o programa do sábado. Compañeira dos MRP na comunidade valenciana, tenente de Alcalde e Concelleira de Educación do municipio de Cheste, Llorente conta cunha dilatada traxectoria en prol da defensa do ensino público.

Seguiulle ao relatorio o nomeamento dos novos socios e socias de honra de NEG, distincións coas que se recoñece un labor de compromiso cos ideais dunha escola pública, galega e transformadora e que recaeron en Bertila Fernández Pérez, Valentina Formoso Gosende, Sofía Riveiro Olveira, Santiago Veloso Troncoso e Sabela Díaz Regueiro. Cómpre ademais salientar a Mención especial in memoriam a Xosé Manuel Rodríguez Abella, quen fora técnico de Educación do Concello de Santiago de Compostela. Recoñecemento tamén por medio dunha Mención especial a Noelia Pillado Fraga, Alejandro González Méndez, Elena Pérez López, Rubén Iglesias Seoane, Benjamín Longarela Pérez e Pablo Gómez Esqueira, mestras/es do rural que están iniciando o seu camiño profesional asumindo un esperanzador compromiso co ensino e co país.

Posteriormente o Secretariado Galego someteu a avaliación o documento titulado: NEG ante o tempo presente da educación: retos e propostas, articulado arredor de catro apartados: a complexidade do presente, respostas que se dan ante a complexidade, condicións e propostas, e, apostando pola renovación de NEG. Un documento que serviu de base para a aprobación, no seo do propio Congreso, do Modelo de escola pública que defendemos: a educación como proxecto político e servizo público fundamental, conectada coa vida e co seu pluralismo de manifestacións, para a equidade, a inclusión, a eliminación de discriminacións e a cooperación. Un modelo educativo que aposte pola racionalidade crítica e o laicismo, con concreción nunha política educativa galega, efectivamente participativa e con constante exercizo de corresponsabilización, autonomía e protagonismo das comunidades escolares, co horizonte da procura do mellor desenvolvemento humano.

Completaban a xornada do 1 de xullo un concerto de A Banda da Loba e unha emotiva ofrenda floral a Castelao, no panteón de galegos ilustres de San Domingos de Bonaval.

O Congreso deu remate coa celebración da Asemblea ordinaria de Nova Escola Galega, na que estaba prevista a renovación do seu Secretariado Nacional. Este órgano directivo mudou a maioría dos seus integrantes. Así, a presidencia de Nova Escola Galega que viña repousando desde o 2019 sobre o compromiso do profesor Xosé Lastra Muruais, pasou a ser desempeñada desde aquel momento pola educadora social Andrea Maroñas Bermúdez.

No seo do I Congreso de Nova Escola Galega foi presentada unha ampla memoria que permite facer un percorido polo conxunto da historia da Asociación. Ao longo dos seus 40 anos de andaina, NEG ten procurado ser un espazo de reflexión e debate sobre asuntos didácticos, organizativos e de política educativa, arredor de principios que desde os anos 80 foron sintetizados como Modelo de Escola Pública. Unha escola pública, democrática, galega en lingua e culturalmente galeguizada, inclusiva e laica; isto é, un horizonte de transformación educativa que está aberto, mais que dista de ser o que presidiu/preside a actuación de política educativa da Xunta de Galicia.

Foi, finalmente, ocasión de convivencia interxeracional, de encontros, de ledicia polo camiño andado e polos labores compartidos, así como de novos coñecementos interpersonais e de apostas de futuro: unha aposta que quere ser unha convocatoria aberta a novas educadoras e educadores para camiñar conxuntamente baixo a proclama táctica: «Non nos mires, u-ne-te!!!».

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir