Coñecendo o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) do Museo do Pobo Galego
Resumo
Presentamos e describimos brevemente o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. Este arquivo pode consultarse na rede en http://apoi.museodopobo.gal e funciona como un repositorio de rexistros orixinais sonoros e audiovisuais galegos, tanto musicais como non musicais.
Presentamos y describimos brevemente el Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. Este archivo puede consultarse en red en http://apoi.museodopobo.gal y funciona como un repositorio de registros originales sonoros y audiovisuales gallegos, tanto musicales como no musicales.
We present and briefly describe the Archivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. This archive can be consulted online at http://apoi.museodopobo.gal and works as a repository of original Galician sound and audiovisual records, both musical and non-musical.
Palabras Clave
Texto
Se entendemos por patrimonio cultural dun pobo, nun momento e lugar dados, o conxunto de saberes, actividades e procedementos dos que unha sociedade dispón, porque os recibiu dos seus maiores como dote para desenvolver a vida e que adaptou colectivamente para vivir; se pensamos que esa sociedade os considera especialmente importantes, representativos, simbólicos e, polo tanto, cre deben ser transmitidos ás seguintes xeracións para que orienten as súas vidas e sexan base para os novos desenvolvementos sociais, entón, seguramente ten sentido o APOI (ARQUIVO DO PATRIMONIO ORAL DA IDENTIDADE) do Museo do Pobo Galego.
Nós aprendemos dos nosos maiores a cantar, a bailar, a gozar da música e dos contos, porque directamente nos cantaron, contaron, bailaron ou levaron á festa canda eles. Co pasar do tempo e a tecnificación da vida, coa difusión da radio, da televisión e dos distintos reprodutores de música, cada vez cantamos menos e temos menos tempo para falar e contar e, así, os nenos e nenas cada vez teñen menos posibilidades de aprenderen directamente de nós. Mesmo semella que as cantigas, como a piña, nacen nas latas.
Pero a mesma tecnoloxía que nos fai perder certos elementos da vida pode axudar a mellorar moitos outros aspectos dela. Albergar a voz, a música e o son de Galicia e telos dispostos para seren reproducidos en calquera lugar e momento a través da rede, fai dun arquivo oral/sonoro unha poderosa ferramenta de salvagarda do patrimonio cultural.
Transmitilo ás novas xeracións non vai ser hoxe un proceso idéntico ao que foi anos atrás. Nin os axentes da educación, nin os medios de que dispoñemos son os mesmos, pero a rolda da aprendizaxe e a ensinanza -a rolda da vida- continúa inexorable.
A historia do APOI empezou cando Mini e Mero trouxeron ao Museo do Pobo Galego centos de horas de gravación de música tradicional en cintas magnetofónicas que tiñan recollidas durante uns 40 anos de traballo como mestres no rural de Galicia. Un traballo feito cunha especial sensibilidade para valorar -e transmitir os valores- da cultura tradicional ao seu alumnado e aos seus compañeiros. Eles dicían no acto de presentación do proxecto que “as cantigas volten ao pobo do que saíron, tal como a xente do pobo nolas fixo chegar”.


Arquivos físicos do APOI. Coleccións de documentos e fotografías que acompañan ao son.
Xuntamos esas cintas coas outras que xa tiñamos nas coleccións do Museo e puxémonos a traballar. Para salvagardar os contidos, comezamos coa dixitalización dos rexistros orixinais, a edición das gravacións e a elaboración das fichas de datos etnográficos asociados á compilación. Un paso máis aló no traballo foi o deseño e elaboración dunha base de datos para darlles acollida e dispoñelas para seren accesibles ao público, facendo posible, ademais, incorporar no sucesivo novas achegas. Isto é, o seguinte paso foi a creación do APOI, que pode explorarse no seguinte enderezo: http://apoi.museodopobo.gal
No arquivo temos fondos diversos: entrevistas, contos, adiviñas, música, poesía, baile etc. E moita información relacionada: musicolóxica, lingüística, etnográfica… Incorporamos os datos da persoa informante que, como a propia peza, son os primarios do proceso de recollida: idade, sexo, oficio, medio sociocultural do intérprete… Así mesmo, recollemos os de contorno xeográfico e temporal, que son os principais criterios de busca que utilizan a maioría dos usuarios do arquivo (buscar pezas de Mesía, por exemplo, ou pezas recollidas antes do 1970). O mesmo sucede coa ocasión ou función de uso (un arrolo, unha panxoliña…). Os resultados ofrecen unha listaxe de pezas que cumpran as condicións solicitadas.
No APOI consignamos a listaxe de compiladores como recoñecemento especial a aqueles que atoparon e gardan os nosos fondos e das outras persoas que fan os traballos técnicos ou estudos que poñen verdadeiramente en valor as pezas.
A transcrición de música e letra é o alicerce que fai posible o estudo musical culto. A caracterización e estudo musical de cada peza incorpora un importante valor engadido ao arquivo e fai posible a indexación e busca con criterios musicais. No caso das entradas non musicais, a transcrición do texto permite a busca automática mediante palabras chave de temas de interese para os usuarios. Mesmo dispoñer do texto escrito é unha axuda inestimable para poder seguir a fala de persoas que non vocalizan ben ou están gravadas dunha maneira deficiente pero que poden ser testemuñas moi valiosas sobre o modo de, por exemplo, contar un conto.
Para asegurar a publicidade dos datos do arquivo sen renunciar a protexer a súa autoría, adherimos o noso web ao sistema de protección da propiedade intelectual Creative Commons, que garante a publicidade e libre uso dos datos sempre que se cite a referencia e non permite o uso comercial sen permiso do titular. A páxina é pública e non é preciso rexistrarse para empregala.
Cada día, no APOI seguimos traballando na subida á rede de novas pezas. Regularmente recibimos persoas interesadas e investigadoras que veñen buscar materiais onda nós. Esta é unha parte esencial do noso traballo porque nos relaciona, en vivo e en directo, coas persoas usuarias e as súas necesidades.
Tamén buscamos proxectos nos que o noso material poida ser unha contribución importante. No curso pasado participamos nun proxecto educativo da Fundación Antonio Fraguas que promove que as nenas e nenos conten contos tradicionais nas escolas, para os seus compañeiros na aula, para rapazada doutros cursos e para contar en público nos eventos escolares. Chámase “Cóntame un conto” e pode coñecerse con detalle no seu propio web, http://www.museodopobo.gal/gl/contame-un-conto. Desenvolveuse con moito éxito de participación de escolares e docentes e xa está na segunda edición. Nel incorporamos unha colección de enlaces aos contos tradicionais orixinais que temos no APOI -chamámoslle “Contos da xente maior”- e imos creando unha colección de vídeos contados por nenas e nenos que chamamos “Contos da xente miúda”. Cada edición incorporamos tamén contos contados por profesionais que, en certo modo, poden servir de modelos.

Esperamos que moitos máis docentes, compiladores de música, contos, lendas, festas, historias de vida, e tantas outras manifestacións do noso patrimonio inmaterial, traian o seu material ao APOI para poñelo a dispor de todo quen poida estar interesado nel, de toda persoa que se sinta representada, real ou simbolicamente no seu contido, de todo galego ou galega que queira coñecer as súas raíces, e de todos os estudosos das culturas do mundo.
Agardamos que estas cantigas sexan cantadas por moitas nenas e nenos, no Nadal, no Entroido, nas festas do verán, nas aulas…, que estas coplas sexan os exemplos postos na materia de lingua polas mestras, que as nosas regueifas sexan mostras para “rapear” en galego e xogar aos desafíos entre mozas e mozos, que os nosos arrolos sirvan para acoller a cada neniña ou neniño que nace galego á vida. E así, de certo, o APOI continuará a ter sentido.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


