Con L de ̶L̶o̶b̶a̶ Literatura
Resumo
A banda da Loba é un proxecto musical no que lingua e literatura actúan como piares fundamentais. O obxectivo deste artigo é ofrecer unha panorámica dos traballos musicais publicados ata o momento pola banda, poñendo o foco no seu potencial valor educativo. A música favorece a introdución na aula de textos literarios e de temáticas complexas, dun xeito motivador e conectado coa realidade do alumnado. Así, estas cancións constitúen un recurso didáctico a ter en conta nas aulas das tres etapas educativas.
A banda da Loba es un proyecto musical en el que lengua y literatura actúan como pilares fundamentales. El objetivo de este artículo es ofrecer una panorámica de los trabajos musicales publicados hasta el momento por la banda, poniendo el foco en su potencial valor educativo. La música favorece la introducción en el aula de textos literarios y de temáticas complejas, de una manera motivadora y conectada con la realidad del alumnado. Así, estas canciones constituyen un recurso didáctico a tener en cuenta en las aulas de las tres etapas educativas.
A banda da Loba is a musical project in which language and literature are fundamental pillars. The present article offers an overview of the musical work published so far by the band, focusing on its potential educational value. Music favors the introduction of literary texts and complex topics in the classroom, while keeping the students motivated and maintaining the connection to the students' reality. Thus, these songs constitute a didactic resource to be taken into account in the classrooms throughout the three educational stages (early childhood, primary and secondary education).
Texto
Que é A banda da Loba?
Somos Andrea, Estela, Inés, Marcela e Xiana. Creamos un grupo musical no 2017 e en poucos anos asaltamos multitude de escenarios de dentro e fóra de Galicia, grazas ao apoio da xente que nos segue. «Bailando as rúas», «Fábrica de luz», «Hasme oír» e «Xabón Lagarta» son os nosos traballos discográficos.
Un dos nosos obxectivos principais sempre foi vencellar a nosa música á literatura que se fai no país para, como dicía Xela Arias, sacala dos sofás dos/as lectores/as e conquistar novos espazos para a súa difusión. Todo isto, envolvéndoa en melodías “pegañentas” cun estilo musical heteroxéneo, co que din que conseguimos crear unha sonoridade propia que pode encadrarse no pop, pero que bebe de moi diferentes augas.
E se a nosa música é heteroxénea, tamén o son as nosas mensaxes. Considerámonos mulleres comprometidas coa nosa cultura e a nosa lingua, así como con moi distintas causas sociais. Por iso, as nosas cancións falan de diversidade, de memoria histórica, de lingua, de feminismo, de liberdade, de ecoloxismo… En definitiva, de todo o que nos converte en quen somos.



O noso vínculo coa educación
Varias das integrantes da banda estamos directa ou indirectamente vencelladas ao mundo educativo, polo que como grupo sempre vimos a necesidade de facer chegar esta combinación música-literatura á mocidade galega, cada vez máis afastada da cultura que se fai na nosa lingua e descoñecedora dos nosos autores e autoras. Deste xeito, moitas das nosas cancións xa foron compostas premeditadamente ou poden ser utilizadas como recurso didáctico en todas as etapas educativas e en materias moi diversas. A intención deste artigo non é outra que ofrecer unha panorámica das temáticas que abordamos nas nosas cancións, partindo dalgúns contidos literarios que tratamos de moi distintas maneiras.
Revisitamos as clásicas
Cando lles poñemos música aos nosos/as autores/as máis emblemáticos/as, facémolo tentando respectar ao máximo a obra orixinal, posto que non os temos á man para lles preguntar que lles parece o resultado e porque ademais do que se trata é de que a xente nova se aproxime dun xeito o máis preciso posible ás características da súa obra.
Neste formato, temos musicados poemas de Rosalía de Castro como “Tecín soia” (feminismo, emigración…); “Abrente” (poesía de denuncia social, memoria histórica…); “Ti e eu” (poesía intimista, amor…) de Celso Emilio Ferreiro; “Sonho”, baseado en “O sonho da Catarina” de Ricardo Carvalho Calero; ou “A casa” de Manuel María. “Abrente”, “Ti e eu” e “Sonho” teñen ademais os seus respectivos videoclips cos que poder introducir a poesía na aula dun xeito máis atractivo.
Musicando as nosas referentes directas
O noso traballo máis especializado no ámbito literario foi probablemente o noso EP “Hasme oír”, que publicamos no 2021 cando se lle dedicaron as Letras Galegas a Xela Arias. Nel pódense escoitar catro cancións en representación de cada un dos poemarios editados pola autora, que van ligadas por poemas recitados sobre unha base musical que lle proporcionan unidade. Tres desas cancións tamén poden traballarse en formato audiovisual: “Darío a diario”, “Intempériome” e “Tigres coma cabalos”.
Decidimos abrir o noso último disco, “Xabón Lagarta”, co poema “Fiestras abertas” de Luísa Villalta. É un traballo que fala dos lavadoiros como espazo de traballo e de insubmisión e da especial relación que se creaba entre as lavandeiras. Este poema pareceunos moi axeitado para transmitir a nosa mensaxe.
Algo rechamante pode ser que, dentro d’A banda da Loba non só musicamos poemas, senón que tamén quixemos atrevernos a condensar e transmitir as mensaxes recollidas en novelas que nos marcaron tras a súa lectura. Deste xeito, compuxemos as cancións de “Cobiza”, inspirada no libro de María Reimóndez que nos transporta a un mundo distópico para facernos reflexionar sobre as consecuencias negativas das actividades humanas no medio; e “Anagnórise”, unha viaxe de autorrecoñecemento, baseándonos na obra de María Victoria Moreno e aproveitando as súas Letras Galegas no 2018. Nos dous casos acompañamos as cancións de videoclips que, coma o resto, están dispoñibles na nosa canle de Youtube.

As contemporáneas
Se no caso das clásicas tentabamos respectar ao máximo a obra orixinal, canto máis avanzamos cara a escritores/as contemporáneos/as, máis nos afastamos dese modus operandi.
En moitos casos son amigas; noutros, coñecidas; nalgúns incluso familia… Así que, con confianza e con respecto, tecemos e destecemos nas súas letras (sempre co seu visto e prace).
Deste xeito, temos músicas inspiradas en poemas de Rosalía Fernández Rial, como “Bailando as rúas”, valse que convida a bailar e tomar as rúas, que ademais deu título ao noso primeiro disco, ou “Nunca ninguén”, un canto tribal para berrar que non somos pequenas aínda que nos fagan pensar que é así. Son interesantes as sinerxías que se crean con algunhas destas autoras e que favorecen a posibilidade dun traballo interdisciplinar. No caso de Rosalía, escribiu posteriormente o libro “Bonus track”, onde recolle unha serie de relatos a partir de cancións. Unha delas é “Bailando as rúas”, dando pé a traballar na aula viaxando da poesía á música e da música á narrativa pasando polo audiovisual, a través dun excelente videoclip dirixido polo cineasta Alfonso Zarauza.
Algo similar acontece con Celia Parra. “Coma un blues”, “Tres segundos” e “Adondar a lingua” son as tres pezas que lle deconstruímos. As dúas primeiras parten de poemas que falan da memoria ou de lembranzas persoais, mais a terceira nace dun videopoema homónimo que adaptamos e convertemos en canción e que, despois, retomou a esencia audiovisual en forma de videoclip da man da propia Celia. É un recurso excelente para analizar a relación texto-imaxe e, por suposto, para falar do galego, pois crea un paralelismo entre o proceso de amasar o pan e o coidado que debemos facer da nosa lingua.

“Morra o conto”, canción inspirada no poema “Talle 50” de Andrea Nunes Brións, fálanos de rachar cos estereotipos e sentírmonos libres para ser como queiramos. Este tema tamén está acompañado dun videoclip que gravamos co gallo do 8M cun feixe de compañeiras do mundo da música e representativas de moitos dos estilos musicais que se fan en Galicia. É un recurso moi útil para traballar na aula o feminismo ou para coñecer ás músicas que aparecen nel. Mesmo podemos continuar tirando do fío e achegármonos ao proxecto de “Músicas galegas ilustradas” de Laura Romero, onde ademais de debuxar moitas mulleres da industria musical, obteremos datos da súa situación laboral neste eido.
Uns dos últimos poemas que musicamos para o noso último traballo foron “O peso do peito”, inspirado nalgúns poemas de Regina Touceda de corte intimista, ou “Loucura”, de Xosé Lastra, un canto ao amor pero que pretende ir máis alá para convidarnos a vivirnos e a sentirnos.
Propostas didácticas
A modo de conclusión, en vez de afondar en todas as opcións de traballo na aula que se poderían desenvolver a partir de cada unha das cancións, propoñemos varias actividades tipo que poderían adaptarse a case todas elas:
- Proxección de videoclips como introdución temática/vertebradora de unidade didáctica.
- Análise temática da letra e posterior debate (feminismo, ecoloxismo, estereotipos, memoria histórica…).
- Comparativa dos textos orixinais coas letras das cancións e tamén a súa adaptación nalgúns casos á linguaxe audiovisual.
- Coñecemento da biografía e a obra do/a autor/a.
- Elaboración de murais sobre a temática da canción ou ben sobre o/a autor/a.
- Escoita activa da letra para cubrir coas palabras que faltan da canción e canto da mesma.
- Análise formal das cancións e elaboración de musicogramas.
- Análise literaria das letras (métrica, rima, recursos literarios…).
- Realización de videoclips (guión, gravación, montaxe).
- Creación dunha nova letra para unha das partes da mesma.
- Canto e acompañamento con percusión corporal ou instrumentos de percusión de altura indeterminada e/ou determinada.
- Invención dunha coreografía.
- Actividade de creatividade libre: realización dun debuxo ou creación plástica a partir das sensacións que produce a canción.
Clasificación temática
Ademais de musicar obras literarias, n’A banda da Loba tamén compoñemos as nosas propias cancións e, moitas delas, tratan temas que poderían ser abordados nas aulas. Por se fose de interese, finalizamos esta panorámica do noso traballo cunha listaxe dalgúns dos nosos temas seguindo, neste caso, unha clasificación temática, incluíndo as cancións das que xa falamos e outras con letras compostas por nós:
- Ecoloxismo: “Afogadas”, “Luz no furacán” e “Cobiza”.
- Feminismo: “Caleidoscopio”, “Morra o conto”, “A rede”, “Máis”, “Lingua perversa” e “Plumas amarelas” (dispoñible videoclip).
- Memoria histórica: “Catalina”, “A Capirota” e “Abrente”.
- Diversidade: “Tres en raia” (dispoñible videoclip con Down Compostela) e “Morra o conto”.
- Saúde mental / autocoñecemento: “Anagnórise”, “Habitante da espiral” e “Distancia imantada” (droga).
- Cultura tradicional / lendas: “Pepa” (Pepa a Loba – dispoñible videoclip), “Adondar a lingua” (dispoñible videoclip), “Tribo” (dispoñible videoclip) e “Máis” (ambas de lavandeiras e lavadoiros).
Ligazóns de interese
- Web oficial: www.abandadaloba.gal
- Na nosa web pódense atopar as letras cos acordes de moitos dos nosos temas: https://abandadaloba.gal/libros-de-cancions/
- Canle de Youtube: A banda da Loba – YouTube
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


