Comprender, entender e apoiar o alumnado con TEA é un compromiso de todos e todas
Resumo
Cos apoios necesarios calquera persoa con TEA pode chegar a desenvolver unha vida satisfactoria. Para impulsar o desenvolvemento dunha persoa con TEA, é necesario o compromiso de todos: alumnado, escola, familia e redes de apoio que acompañan os rapaces e rapazas con TEA.
Con los apoyos necesarios cualquier persona con TEA puede llegar a desarrollar una vida satisfactoria. Para impulsar el desarrollo de una persona con TEA, es necesario el compromiso de todos: alumnado, escuela, familia y redes de apoyo que acompañan los chicos y chicas con TEA.
With the necessary support, any person with ASD can lead a satisfactory life. To promote the development of a person with ASD, everyone's commitment is necessary; students, school, family and support networks to go along boys and girls with ASD
Texto
Poñéndonos no seu lugar.
É o teu primeiro día nun novo colexio, nun novo destino, nova cidade. Vas cedo á parada de autobús porque queres chegar con tempo e causar boa impresión, pero non entendes por onde vai a liña que revisaras días antes no teu teléfono. Cando consegues subir ao autobús, chegas ás presas e nerviosa. Entras no colexio perdida e alguén sen dicirche nada cóllete do brazo e lévate a unha sala. Sen darche un saúdo, alguén di que é hora de traballar e a continuación soa un timbre moi molesto que te atorda aínda máis. Non entendes nada, estás perdida e bloqueada. Como nos sentiriamos nesa situación? Pensemos como sería a situación se a información do transporte fose máis accesible, se ao chegar o edificio, as estancias e os recorridos dentro do centro estivesen sinalizados e fosen comprensibles para ti, e unha persoa che explicase as túas funcións e che dese apoio nos primeiros días. Seguro que a túa comodidade e experiencia serían diferentes.

Que é o trastorno do espectro do autismo (TEA)
A María fascínalle a historia e búscanos para falarnos unha e outra vez da Revolta dos Irmandiños; Sara non come alimentos de cor vermello no comedor; Carlos, un neno con pouca intención comunicativa, xoga de forma repetitiva co seu obxecto favorito no recreo, e Javier, que necesita uns cascos inhibidores de ruído algúns momentos do día. Que teñen en común estes alumnos e alumnas?
A resposta podería ser que todos comparten dificultades na relación e na comunicación social e pouca flexibilidade no pensamento e na conduta, características do TEA que poden expresarse de maneiras moi diferentes.
O TEA pódese definir por condutas observables como: a necesidade de invariabilidade, o medo aos cambios, o déficit nas habilidade no uso e comprensión da linguaxe, os intereses limitados, o uso peculiar e inadecuado dos obxectos, as estereotipias, os trastornos sensoriais, dificultades sociais que se manifestan a través das súas dificultades para iniciar e manter a interacción para poder empatizar, contextualizar e resolver problemas…

A heteroxeneidade coa que se manifesta o TEA fainos reflexionar sobre a especificidade das necesidades de apoio, sabendo que cos apoios necesarios calquera persoa con TEA pode chegar a desenvolver unha vida satisfactoria. Canto maior é a calidade dos apoios, mellores son as vidas que hai detrás. Para iso é necesario coñecer os elementos que cada persoa considera imprescindibles para o desenvolvemento da súa vida, e ter en conta de maneira sistemática as preferencias, necesidades e intereses prioritarios para promover o logro de metas individuais e a mellora da satisfacción persoal desde unha perspectiva integral.
Como dicía Ángel Rivière, “Para educar as persoas con autismo non basta con coñecer e aplicar unhas determinadas técnicas, senón que é necesario tratar de comprender que é ser autista”.
Algún dato sobre o TEA.
Aínda non é posible determinar unha causa única que explique a orixe do TEA, pero contamos con evidencia científica que avala unha forte implicación xenética. Ademais considérase que factores ambientais poderían tamén estar influíndo, pero a investigación non determinou con total evidencia en que medida estes factores poden estar influenciando o desenvolvemento do TEA.
Nas últimas décadas a prevalencia TEA incrementouse significativamente. No momento actual, falamos de 1 caso por cada 100 nacementos (Autismo Europa, 2015), o que cifraría en máis de 450.000 persoas con TEA en España e de 27.000 persoas en Galicia. Pero outros estudos establecerían esta prevalencia en 1 de cada 54 nenos e nenas de 8 anos de idade, seguindo a análise de datos do 2016 publicada en marzo de 2020 polo CDC (Centers for Disease Control and Prevention). Sabemos que o alumnado con TEA aumentou no noso país un 8,07 % no último curso escolar 2020-2021 (Confederación Autismo España).

O TEA está presente en todas as etnias, grupos raciais e socioeconómicos. En relación ao xénero, ata hai pouco considerábase unha proporción entre homes e mulleres de 4 a 1. Pero esta proporción está a mudar. Falamos de que unha gran parte de alumnas no espectro en escolarización ordinaria non foron aínda detectadas.
A Federación Autismo Galicia
Desde a Federación Autismo Galicia, co compromiso das 16 entidades que a integran, levamos máis de 25 anos promovendo o coñecemento e a comprensión do TEA. Para iso, realizamos diversas iniciativas no ámbito da educación baixo un valor técnico específico e especializado. As entidades da Federación Autismo Galicia ofrecen diferentes servizos de apoio e axuda mediante o asesoramento de estratexias educativas, así como centros de educación especial.
Invitámosvos a coñecer máis desta rede e os apoios que prestamos ao longo do ciclo vital das persoas con TEA en www.autismogalicia.org
Un compromiso de todos e todas:
Escoitamos inquietudes, queixas e temores que expresan con preocupación moitas mestras, mestres e docentes; uns séntense desbordados pola presenza dun neno ou nena con autismo e os problemas de comportamento na súa aula, outros pregúntanse sobre a ética e pensan que non atenden convenientemente nin a uns nin a outros; recoñecemos a soidade moitas veces nos titores ou titoras. Escoitamos preocupacións, sentimentos de incomprensión e cansazo das familias. Pero, se algo temos que ter claro, é que, para impulsar o desenvolvemento dunha persoa con TEA, o compromiso é de todos: alumnado, escola, familia e redes de apoio que acompañan os rapaces e rapazas con TEA, como é o movemento asociativo. Temos que despoxarnos do saber e das experiencias previas e usarnos como bastón de apoio.

Comprendendo, atendendo e apoiándonos iniciamos un compromiso do cal necesitamos seguir responsabilizándonos todos, nun exercicio común de participación, tolerancia e respecto, no cal logremos unha concienciación global sobre a necesidade de alcanzar un obxectivo que non é outro que mellorar a calidade de vida das persoas con autismo e as súas familias. Isto non será posible senón coa axuda de todos e, como diría Peter Vermulen, non é o obxectivo conseguir persoas “menos autistas” senón “autisticamente felices”
Referencias bibliográficas
Dworzynski K, Ronald A, Bolton P, Happé F. (2012) How different are girls and boys above and below the diagnostic threshold for autism spectrum disorders? J Am Acad Child Adolesc Psychiatry. DOI: https://doi.org/10.1016/j.jaac.2012.05.018
American Psychiatric Association. (2013). Diagnostic and statistical manual of mental disorders (DSM5), American Psychiatric Pub.
Centers for Disease Control and Prevention. (2016). “Autism spectrum disorders, data & statistics.”, http:// www.cdc.gov/ncbddd/autism/data.html
Autism Europe (2020) Prevalence rate of autism. Autism Europe website,https://www.autismeurope.org/about-autism/prevalence-rate-of-autism/
Autismo España (2021) El alumnado con trastorno del espectro del autismo en España. Análise de la distribución autonómica y de los modelos educativos existentes, https://autismo.org.es/que-hacemos/lineas-de-accion/educacion/estudio-educacion /
Federación Autismo Galicia. MAREMAGNUM. (2018). Publicación galega sobre e trastorno del espectro del autismo. Educación e autismo. www.autismogalicia.org
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


