Comezar polo neno
Texto
Comezar polo neno (tamén Comezar co neno), libro publicado por primeira vez en 1977, é, quizais, o texto fundamental da actividade pedagóxica do mestre italiano Mario Lodi, ao que se segue a facer referencia para unha reflexión sobre a relación entre os nenos e a escola, e estas e o contexto social. A súa acción educativa e a súa escrita, ou as súas habituais intervencións públicas formativas e de carácter político, marcaron momentos notables de reflexión sobre o mundo da escola e das nenas e dos nenos a través dun compromiso profundo, concreto e cotián.

Mediante a relación continua co seu alumnado de educación infantil e de primaria, na observación atenta do seu modo de pensar e aprender, Mario Lodi redeseñou o sentido e o valor da escola, propoñendo un cambio de perspectivas e de metodoloxía, a partir da aula como lugar de intercambio e confrontación. A experiencia de Mario Lodi e as súas elaboracións foron fundamentais para facer nacer unha nova conciencia sobre os nenos e sobre o seu ser, portadores dunha verdadeira cultura que hai que respectar e valorar, como Francesco Tonucci ten posto de relevo.
Comenzar por el niño coñeceu unha única edición en español en 1980. Non así outros libros de Lodi. Os seus textos, como o tan citado El país errado (Barcelona, Laia, 1973) foron moi lidos polo profesorado renovador entre nós nos pasados setenta e comezo dos 80, acadando importante difusión como parte da influencia lograda polos docentes pertencentes ao Movimento de Coperazione Educativa. En 2022, centenario do seu nacemento, produciuse en Italia un rescate desta figura, tamén autora de textos literarios construídos cos nenos e nenas que formaba. Con esa consciencia procedeuse a realizar a presente edición en galego e en español. Lodi era coñecedor de Nova Escola Galega e con el tivemos a fortuna de soster algunha correspondencia desde 1974.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
