Carta das directoras

Texto

Estar á fronte da Revista Galega de Educación (RGE) supón formar parte dun grupo de Profesionais da Educación implicadas/os cunha educación galega e en galego, pública, inclusiva, democrática e laica. Neste seo, a RGE, cunha traxectoria que se remonta ao ano 1986, afronta unha nova etapa con grande agradecemento, ilusión e compromiso:

Agradecemento a todas as persoas que fixeron posible chegarmos ata aquí e que acompañan, creando un espazo físico, virtual e emocional de crecemento e de aprendizaxes compartidas.

Ilusión por dar a coñecer, a través das nosas páxinas, a calidade da praxe educativa galega, co obxectivo de tecer redes e de crear proxectos educativos compartidos.

Compromiso por seguir desenvolvendo un proxecto no que teñen cabida todas as voces que, desde unha perspectiva crítica e propositiva sobre a educación, converxen de xeito vivo coas inquedanzas do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova.

Escola Galega.
Porque somos Penélope
a tecer e destecer un idioma
que nos resgarde do frío,
para que o inverno non nos ispa de palabras
que non abrase coa súa fame predadora a colleita
que non consiga nunca arrincarnos
o lévedo que nos constrúe
que a buxaina siga bailando
medrándose en fonemas
tomando máis e máis bocas.
(Adondar a lingua, A banda da Loba, 2020)

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Compartir