Brincar cantando

Palabras Clave

Texto

A música e o ritmo están inmersos no xogo tradicional e popular, de tal xeito que grande número de xogos da nosa cultura lúdica levan incorporadas melodías para o seu desenvolvemento completo. Sabemos que, infelizmente, o xogo tradicional e a cultura lúdica levan anos en retroceso con risco de desaparición absoluta na maior parte da infancia de agora. E moito máis aínda se temos en conta os contidos musicais que moitos dos xogos posúen. Por exemplo, aínda podemos ver en determinadas circunstancias, pequenos grupos de crianzas xogando ao salto de corda, mais é case impensábel ver saltar á corda ao ritmo e ao tempo que se canta unha determinada canción, cousa que antano era o común, xa que practicamente todos os xogos tradicionais de salto de corda teñen como parte integrante dos mesmos melodías e cancións propias.

No inicio do xogo tradicional é común e necesario botar as sortes, determinar de forma aleatoria os papeis ou roles a desenvolver no xogo: quen é a nai ou crianza que dirixe a brincadeira, a quen lle toca de pandar nun determinado xogo, ou quen escolle as persoas compoñentes de cada grupo no caso de xogos que se desenvolven en equipos. Pois ben, moitas ou case todas as fórmulas utilizadas para botar as sortes fanse con música ou canto menos con claras secuencias rítmicas. Como exemplo citamos o anfiguri Pom pom nate pite pite pona penuse pom pom nate pite pom,que é unha sorte de botar na que as crianzas participantes sitúanse ante quen bota as sortes presentándolle o puño. A nai, co puño tamén, vai batendo neles ordenadamente ao ritmo da melodía. A quen lle cadre a última nota quedara libre ou apandará, segundo se teña estipulado.

En determinadas circunstancias o propio feito de cantar era en si mesmo un xogo. Isto ocorría maiormente cando chovía. O grupo de crianzas estaba na rúa a brincar a calquera xogo, e nestas que se poñía a chover. Isto obrigaba a recollérense, mais en ocasións non marchaba cadaquén para a súa casa, senón que as crianzas se recollían nun portal -nos tempos do xogo vivo, os portais das casas estaban todos abertos- e alí, sentadas no chan ou nos chanzos das escaleiras, poñíanse a entoar cancións dos propios xogos ou outras, entre as que figuraban antigos romances ou recoñecidas melodías de carácter máis ou menos infantil.

Algunhas brincadeiras eran auténticas dramatizacións. Nestas podemos incluír moitos xogos de roda ou de ringleiras nos que se desenvolven roles diferentes acompañándose de diálogos musicados e xesticulacións axeitadas ao texto que deste xeito se vai interpretando. Lembremos o xogo de Don gato, que xa é máis coñecido pola canción que polo xogo en si, da que temos versión propia no noso idioma que nos salvou Florencio, o cego dos Vilares. Segundo van cantando as crianzas xesticulan e realizan determinados acenos e movementos axeitados ao que a letra da canción vai referindo. Coma un exemplo máis temos o xogo de roda da Mariquiña, acompañado de música e posta en escena. Mesmo hai/había xogos realizados e dialogados totalmente con melodía, como son A roda da xardineira, Esa que está no medio ou A señora Lola. Cómpre indicar, que a maior parte das cancións incluídas nos xogos practicados pola infancia do século pasado tiñan letra en castelán, sen que iso queira dicir que non houber nalgúns deles versións no noso idioma.

Noutros xogos a melodía faise presente quer durante o tempo completo da brincadeira, ou apenas nos momentos puntuais nos que se din determinadas frases con pronuncias rítmicas que non deixan de seren música tamén. Como referencia do primeiro caso, no que todo o xogo é falado, temos o de Dedín dedín, do que existen varias versións. Este pode ser apenas unha sorte de botar con ritmo, na que a “nai” do xogo vai sinalando ás crianzas que van xogar e que están colocadas, quer en ringleira, quer en roda, até chegar á derradeira sílaba da lengalenga, que indicará aquela crianza que fica libre ou apanda, segundo o xogo de que se trate. Como xogo en si, fase cunha crianza pequena que pon as mans abertas sobre unha superficie. A persoa que enreda con ela vai tocándolle os dedos de xeito ordenado, facéndolle recoller aquel no que remata a lengalenga. Así até que todos os dedos quedan recollidos.

Dedín, dedín, / chámome Roquín, / rabo de cuco, mazaruco,
cando o rei, por aquí pasou / tódalas aves convidou / menos unha que quedou.
Chirlomirlo vaite deitar / até que alguén/ te veña chamar.

Por último, non esquecemos que a música é tamén un xoguete. A construción de brinquedos tradicionais comprende no seu catálogo aqueles que se elaboran precisamente para producir sons, ritmos e melodías con eles. Hainos das tres familias de instrumentos: de percusión, de vento e de corda. Citaremos algúns exemplos representativos.

Cun anaco de canaveira que fendemos ao medio, para logo unirmos de novo as dúas partes apenas por un lado cunha fita adhesiva, obtemos a castañeta, coa que podemos trecolear a vontade. As tarrañolas esixen algo máis de labor, mais teñen a cualidade inherente ao xoguete tradicional de aprendizaxe e habelencia no manexo da ferramenta manual para a súa construción, alén da necesaria destreza que cómpre conseguir no bater das dúas pezas construídas para acompañar co seu ritmo as nosas melodías.

Temos tamén brinquedos que se constrúen de forma sinxela coa intención de imitar con eles algúns sons coñecidos. Como é o caso do carrizo (xoguete de bater) construído coa casca dunha noz, ou a curuxa (xoguete de sopro) feita cun bugallo, excrecencia que producen os carballos como reacción á intromisión dunha pequena avéspora que pon os ovos neles. Con estes dous brinquedos, reproducimos sons da nosa fauna, nestes dous casos os cantos das aves ás que o seu propio nome se refiren. E non son os únicos.

Cunha palla de alcacén (ou de trigo mesmo) construímos unha sorte de frauta, coñecida como gaita de alcacén, coa que seica non foi pouca a rapazada de antano que se animou a tocar a gaita de verdade despois de brincar e experimentar a música lograda con este enredo. Para conseguir este obxectivo lúdico, cómpre coller a palla de alcacén no seu momento axeitado. Se cadra, desta brincadeira tan estendida antano, saíse o dito da nosa fala “non está o alcacén para gaitas”.

Concluímos esta breve referencia ás brincadeiras musicais coa mención á construción de instrumentos de corda como guitarras e arpas, con diferentes elementos vexetais ou produtos de refugallo como latas e caldeiros, querendo dalgún xeito conseguir emitir diferentes notas. Citamos o violín de millo, curioso brinquedo construído a partir dunha cana de maínzo, que se ben a súa finalidade non será interpretar unha sonata de Mozart, con práctica e arte lúdica poderase reproducir os míos dun gato.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir