Betanzos Radio Interxeracional: unha experiencia de inclusión socioeducativa

Resumo

Betanzos Radio é unha actividade destinada á creación comunitaria de podcast. Na súa andaina, dende o 2014 ao 2017, pasou de ser un programa destinado ás persoas maiores a converterse nunha actividade interxeracional, o que nos permite analizar a súa evolución a nivel de impacto individual e na comunidade. Os contidos resultantes da experiencia foron amosados ao público en Veladas de Radioteatro.

Betanzos Radio es una actividad dirigida a la creación comunitaria de podcasts. En su recorrido, de 2014 a 2017, pasó de ser un programa dirigido a personas mayores a convertirse en una actividad intergeneracional, lo que nos permite analizar su evolución a nivel de impacto individual y comunitario. Los contenidos resultantes de la experiencia se compartieron con el público en Veladas de Radioteatro.

Betanzos Radio is an activity aimed at the community creation of podcasts. In its journey from 2014 to 2017 it went from being a program aimed at the elderly to become an intergenerational activity, which allows us to analyze its evolution at the level of individual and community impact. The resulting contents of the experience were shared with the public in Radio Theater Evenings.

Texto

Introdución

Betanzos Radio foi unha actividade destinada á creación comunitaria de podcast que tivo lugar entre 2014 e 2017 baixo a orientación do proxecto Laboratorio de Radio e a organización do Concello de Betanzos. Se ben no seu comezo foi promovida pola concellería de Servizos Sociais como unha actividade destinada a persoas maiores no marco do avellentamento activo, no ano 2016 evolucionou cara a unha perspectiva interxeracional e como un xeito de dinamizar a lingua galega e o patrimonio cultural. Unha evolución do “xeracional” ao “inter” que nos permite mostrar de que xeito as iniciativas entre persoas de distintas idades promoven a diversidade e poden ter un maior impacto en termos de avellentamento activo.

Obxectivos e metodoloxía

A actividade Betanzos Radio estivo na súa primeira e segunda edición, anos 2014 e 2015, destinada ao colectivo de persoas maiores, promovida dende a Concellaría de Servizos Sociais. O espazo no que se organizou a actividade, a antiga Escola de Orfas de Betanzos ⎯actualmente destinada a espazo social onde as persoas maiores adoitan xogar ás cartas ou ler o xornal⎯, cobrou entón unha nova dimensión. Converteuse nun espazo para a participación comunitaria a través da creación de contidos radiofónicos. Neste punto, a súa programación supuxo unha oportunidade para a participación de persoas maiores que acudían unicamente ao devandito espazo de xeito individual ou como parte dun grupo xa creado.

No 2016, a actividade encamiñouse cara a un novo obxectivo: a dinamización da lingua galega, entendendo que o potencial da radio neste sentido xa foi recollido por distintos estudos (Quintana, 2001; Núñez; Aceituno; Lanza e Sánchez, 2022). Mantíñanse, iso si, como eixos de desenvolvemento a mellora das habilidades comunicativas e sociais e o fornecemento dun espazo de participación activa, a través do que as persoas destinatarias puidesen expresarse, xerar un discurso propio e tecer comunidade. Doutro lado, a actividade enfocouse dende unha perspectiva interxeracional, tendo como único requisito para participar nesta ter interese e compromiso ao longo de dúas horas á semana durante todo o curso no que se desenvolveu. Baixo esta premisa, conformouse un grupo integrado por persoas con distintas capacidades, graos de formación e idades.

Neste sentido, adaptouse o deseño da actividade á singularidade do grupo participante entendendo que “(…) a formación a través da radio permite ser individualizada e cada alumno, ouvinte, pode traballar ao seu ritmo, recollendo e asimilando aquilo que máis lle interese” (González, 2003, p. 2). A achega ao proceso produciuse dende unha perspectiva inclusiva para que todas as persoas apuntadas puidesen participar dun xeito significativo e acorde cos seus intereses e capacidades, e tanto a compoñente xeracional como o intercambio de habilidades, emocións, coñecementos e experiencias supuxese un marco de acción significativo.

Descrición da actividade

Deste xeito, as sesións estiveron destinadas a achegar as persoas participantes (un grupo de 15 mulleres e 5 homes, con idades comprendidas entre 40 e 92 anos) á linguaxe radiofónica a través de aspectos como a voz, a música, os efectos de son e, mesmo, o silencio e traballando distintos xéneros radiofónicos como a entrevista, a ficción sonora, o informativo ou a reportaxe. Entre os retos da actividade, sinalamos os seguintes: a meirande parte das persoas participantes non eran galegofalantes; unha persoa non sabía ler nin escribir, outra non sabía ler; dúas participantes tiñan serias dificultades lecto-escritoras; dúas tiñan dificultades para ouvir e unha rexistraba déficit de atención. Ademais, ningunha das persoas participantes formara parte dunha actividade de radio con anterioridade e tres non participara previamente de xeito asiduo nunha actividade no eido non escolar.

Non obstante, o reto converteuse no principal valor da actividade, posto que as dinámicas foron adaptándose ao grupo, dada a flexibilidade da radio en termos de recursos como a improvisación, a creación de aparellos para xerar sons, o proceso de preparación, a diversidade de xéneros e o tratamento de temas escollidos polas persoas participantes. Deste Programa Interxeracional (PI, en adiante) de radio resultaron un conxunto de podcast que se poden escoitar na plataforma virtual Ivoox baixo o nome de Betanzos Radio na canle de Laboratorio de Radio. As temáticas abordadas foron diversas, desde improvisacións arredor de aspectos da cultura local ata entrevistas relativas á realidade social, pasando pola creación de ficcións sonoras. Ademais, ao longo da súa realización, establecéronse sinerxías cun centro escolar, o CPI Virxe da Cela de Monfero, mediante creacións colectivas ⎯debuxos realizados polo alumnado aos que as persoas participantes de Betanzos Radio deron vida a través de ficcións sonoras⎯ e con outra actividade de radio realizada nun concello próximo, Coirós. Xunto ás participantes deste último Concello, os dous grupos puideron facer unha pequena xira de radioteatro amosando as súas pezas e intercambiando experiencias. Os produtos resultantes foron mostrados á comunidade, a través de veladas de radio, na Aula de Cultura Xulio Cuns (Betanzos) e na Casa da Cultura Pintor Llorens (Sada), fitos que estimularon ás persoas participantes.

Resultados

Ao longo da actividade de radio potenciáronse os lazos grupais e aumentou a autoestima do grupo e a súa motivación. En termos de avellentamento activo, comprobouse que o salto ao enfoque interxeracional supuxo unha potenciación dos beneficios que a actividade reportaba para as persoas maiores e tamén favoreceu as persoas de menor idade. Constatouse, a través da observación, a gran evolución do grupo e, sobre todo, mediante os comentarios recollidos nas enquisas de valoración, que a actividade resultou efectiva en termos de quebra de estereotipos e autoestereotipos, adquisición de coñecementos e dinamización da lingua galega. Entre os resultados, destacamos o importante papel que xogou a actividade en termos de inclusión en dous sentidos, o que reafirmamos a través de fontes distintas. Dun lado, dúas persoas procedentes doutro país confirmaron que esta actividade os conectou coa comunidade: “Foi unha oportunidade de integrarnos, só levamos aquí un ano e non coñeciamos a ninguén” (A1). Doutro lado, para as persoas participantes que viñan dende un centro da comarca de Atención Integral a persoas con Diversidade Funcional supuxo unha oportunidade para participar activamente dunha actividade fóra do seu contexto habitual, compartindo proxecto con persoas da vila: “Gústame participar coa xente que coñezo, pero, sobre todo, coas compañeiras que non coñecía” (A15), “Pasámolo moi ben e sempre pregunto cando nos toca vir á radio” (A13). Queremos salientar tamén a sinerxía que se estableceu entre persoas, independentemente da súa idade, capacidade ou formación, o que propiciou un reforzo da autoestima das persoas participantes: “N1 contaba a súa parte de memoria, N2 conseguía entrar a tempo porque N3 o avisaba e, ao mesmo tempo, N3 axudaba a N2 a ensaiar o seu. Así saímos adiante, foi moi bonito” (A4); “Paréceme moi interesante e nunca imaxinei que lograriamos facer o programa”(A8), “Vexo que a xente se espeliu moito e que somos xa un grupo de amigos” (A17), “Foi incrible ver como cada un de nós achegaba unha cousa (A3)”.

Conclusións

A maior parte das actividades interxeracionais céntranse en reunir persoas de xeracións distantes (maiores e novas). Porén, nesta experiencia confirmamos como o traballo colaborativo entre persoas de distintas idades e xeracións intermedias pode reportar beneficios similares. A través deste PI testemuñouse como o feito de xerar un espazo compartido a través da radio suscitou un intercambio a diferentes niveis nos que a idade de cada persoa pasou a estar nun segundo plano.

Neste senso, queremos subliñar tamén, alén da idade, a xanela de oportunidades que a radio permitiu abrir respecto á participación de colectivos con diversidade funcional. Nunha mesma actividade converxeron persoas de diversas capacidades e tecéronse entre elas alianzas para acadar o obxectivo marcado. A flexibilidade da radio permitiu a configuración dun espazo horizontal, dinámico e integrador que rematou cunha experiencia transformadora. Un punto de encontro comunitario, de impacto social, cun enfoque interxeracional e cunha dimensión inclusiva que amosou as posibilidades do medio radio perante os retos e oportunidades demográficas e sociais aos que nos enfrontamos.

Referencias bibliográficas

  • González, J. (2003). Ámbitos de actuación de la Radio educativa y su integración en el contexto escolar. Red digital: Revista de Tecnologías de la Información y Comunicación Educativas, 4.
  • Núñez, V., Aceituno, P., Lanza, D. e Sánchez, A. (2022). La radio escolar como recurso para el desarrollo de la competencia mediática. Estudios sobre el Mensaje Periodístico, 28, 179-190.
  • Quintana, R. (2001). El lenguaje de la radio y sus posibilidades educativas. Comunicar. Revista de Comunicación y Educación, 17, 97-101.
  • Betanzos Radio. https://radioitinerantecreativa.blogspot.com/p/radio-betanzos.html

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir