Aula Promociona. Polo éxito educativo do alumnado xitano
Resumo
A Fundación Secretariado Gitano aposta pola educación. As Aulas Promociona, ao amparo do Programa Promociona, son accións grupais de apoio escolar, reforzo educativo e de orientación que buscan contribuír ao logro do éxito escolar do alumnado xitano. Neste espazo ten cabida a figura profesional da educadora social.
La Fundación Secretariado Gitano apuesta por la educación. Las Aulas Promociona, al amparo del Programa Promociona, son acciones grupales de apoyo escolar, refuerzo educativo y de orientación que buscan contribuir al logro del éxito escolar del alumnado gitano. En este espacio tiene cabida la figura profesional de la educadora social.
The Fundación Secretariado Gitano is committed to education. The Promociona Classrooms, under the Promociona Programme, are group actions of school support, educational reinforcement and orientation, which contribute to the achievement school success for gypsy students.In this space the professional figure of the social educator has a place.
Texto
A Fundación Secretariado Gitano (FSG) confía no poder transformador da educación para mellorar a realidade das persoas. Nesta liña, no ano 2009 iniciou o denominado Programa Promociona, no marco do Programa Operativo Plurirrexional de Loita contra a Discriminación, do Fondo Social Europeo, co obxectivo último de contribuír ao logro do éxito escolar da mocidade xitana. Para a consecución deste cometido, desenvolve diferentes accións —a nivel individual, grupal e sociocomunitario— co alumnado xitano e as súas familias, en estreita relación cos centros escolares e outros axentes educativos da contorna. As Aulas Promociona son accións grupais destinadas ao alumnado xitano. Trátase de espazos seguros e dotados dos recursos necesarios para desenvolver sesións de apoio, reforzo escolar e/ou orientación en horario extraescolar. É neste espazo, na Aula Promociona, no que se centra a experiencia de traballo, como educadora social1, que me dispoño a describir.

En xaneiro de 2022, na cidade de Lugo, inicio os primeiros contactos coa FSG. Tras realizar as reunións e formacións de acollida pertinentes, tanto en materia de prevención de riscos laborais e en cuestións específicas da Fundación, como na súa organización ou na historia e cultura do pobo xitano, comezo a desenvolver a miña acción profesional. Unha experiencia de traballo que se estende ata xuño dese mesmo ano, correspondendo co final do curso académico 2021/2022.
A semana laboral daba comezo o martes pola mañá e terminaba o xoves pola tarde. Neste horario desempeñaba diferentes funcións relacionadas co bo desenvolvemento da Aula Promociona, que ían dende a intervención directa co alumnado ata o deseño de itinerarios e a programación das actividades, a elaboración de material individualizado ou de informes, o rexistro das accións, as reunións de coordinación e seguimento do alumnado, entre outras.
Comezando polo alumnado destinatario da intervención, tratábase dun grupo reducido de adolescentes, de entre 5º de Educación Primaria e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de diferentes centros escolares da localidade. Cabe dicir que non era a única Aula Promociona desta sede, pois a FSG en Lugo tamén atendía a alumnado de 1º a 4º de Educación Primaria e de Bacharelato, a través da Aula Promociona-T e Promociona+, respectivamente. Porén, estas dúas Aulas eran atendidas por outra profesional.

A Aula Promociona respondía ao obxectivo principal do Programa, polo que se centraba en lograr a promoción do alumnado en ESO e en garantir o paso de Educación Primaria a ESO, previndo, así, o abandono prematuro dos estudos. Neste senso, as actividades programadas encamiñábanse, principalmente, a acompañar e apoiar o alumnado na realización de tarefas pendentes da escola e na preparación de exames. Aínda que non eran as únicas actuacións a desenvolver, tal e como describimos a continuación.
O horario de Aula Promociona tiña lugar tres tardes á semana —martes, mércores e xoves— de catro a seis da tarde. Media hora antes das sesións organizábase a aula: asegurábase a luz natural e a ventilación, xuntábanse as mesas e as cadeiras para favorecer dinámicas grupais e dispoñíanse as mesas co material necesario (folios, ordenadores, rotuladores de cores…). Unha vez chegaba o alumnado á aula, e despois de asinar a súa asistencia, dábase paso á revisión de axendas. Así, acompañábanse os menores no proceso de priorizar as tarefas a desenvolver na sesión de apoio escolar. Ademais, aproveitábanse estes primeiros minutos de distensión para dialogar, intercambiar información sobre cualificacións dos exames, presentar dúbidas concretas ou demandar unha sesión de orientación sobre un tema de preocupación. Cada alumno/a empregaba esta hora do recurso para preparar exames e para facer deberes pendentes do colexio ou do instituto. No caso de non ter tarefas escolares, proporcionábaselle material individualizado, relacionado coas materias académicas nas que se presentaba maior dificultade ou nas que se esperaba un exame próximo. En sesións de apoio escolar máis complexas, como en días de exames finais de avaliación, contábase coa axuda dunha persoa voluntaria e da orientadora do Programa, co fin de garantir a calidade da intervención.
Unha vez terminada a sesión de apoio escolar, agás nos casos nos que o alumnado demandaba continuar coas tarefas escolares, levábanse a cabo actividades de reforzo escolar. Estas actividades, na maioría dos casos, favorecían a aprendizaxe e o desenvolvemento persoal do alumnado a través do xogo. Por exemplo, o clásico xogo de pintar e adiviñar, ou de adiviñar personaxes a través da mímica, pero coa dificultade engadida de falar en inglés. Xogos, entre outros moitos, que axudaron a incrementar a curiosidade e a motivación pola aprendizaxe da lingua inglesa, materia escolar na que se amosaba, en xeral, un desfase curricular importante, á vez que se lograba o desenvolvemento de competencias transversais como a cooperación, a autoestima, a participación, a creatividade etc. As habilidades de estudo, o recuncho da lectura, a investigación dun tema en grupo, os concursos de preguntas sobre contidos das diferentes materias académicas, foron outras actividades levadas a cabo nestas sesións.
En ocasións, as sesións de apoio escolar alternábanse con outro tipo de actividades, en colaboración con outras profesionais da FSG e co alumnado das demais Aulas Promociona. Por exemplo, o desenvolvemento de obradoiros socioeducativos en relación ás diferentes efemérides, como o Día Internacional do Pobo Xitano, o Día Internacional da Muller ou o Día Internacional do Voluntariado. As sesións de orientación, en coordinación coa orientadora do Programa, tamén ocupaban tempo na Aula Promociona. Así, cando se detectaba unha necesidade e/ou se demandaba no grupo, favorecíase un espazo de reflexión conxunta sobre variedade de cuestións de interese para o alumnado.
Ademais das anteriores funcións, dentro da Aula Promociona e en intervención directa co alumnado, realizábanse as seguintes, fundamentalmente, dende a oficina da FSG, onde se contaba cos recursos necesarios. Por unha banda, os martes pola mañá, tiñan lugar as reunións de coordinación coa orientadora do Programa e coa técnica das Aulas Promociona-T e Promociona+, para realizar un seguimento do alumnado. Nalgúns casos, tamén se levaban a cabo reunións con outras profesionais da FSG para programar actividades en conxunto. Asemade, desenvolvíase a programación semanal para a Aula Promociona e elaborábase a ficha de asistencia ao recurso. Para o deseño das actividades partíase das particularidades e/ou necesidades de cada alumno/a, polo que os materiais elaborados eran individualizados. Por outra banda, ao remate das sesións da Aula Promociona, mantíñanse reunións informais coas familias e coa orientadora do Programa, para intercambiar información de interese sobre o alumnado ou para solicitar o servizo de orientación grupal, e rexistrábanse as accións realizadas. Así, completábase o diario de campo coas actividades desenvoltas por cada alumno/a, os seus comportamentos e posibles dificultades, entre outras cuestións, á vez que se incluía, dita información, na base de datos da FSG.
Ata aquí a breve descrición da experiencia, pero, antes de pechar, gustaríame destacar a relevancia deste ámbito de actuación, no que considero que a Educación Social ten moito que achegar, polas súas posibilidades no que ten que ver co desenvolvemento integral dos menores e pola súa función mediadora, de establecemento de conexións entre os diferentes axentes educativos. Como a FSG, eu tamén creo que a educación é o motor do mundo. Garantir unha educación de calidade é esencial para o logro da inclusión social e a ruptura do círculo da pobreza.
Notas ao pé
- 1 Segundo o Convenio Colectivo (2016) da FSG, a persoa que desenvolve o seu labor profesional na Aula Promociona recibe o nome de Técnico/a de intervención.
Referencias bibliográficas
- Álvarez Fernández, A. (2018). Promociona. Por el éxito escolar de la comunidad gitana. In X.M. Cid, S. Riveiro, M.V. Carrera, M. Castro, J. Rodríguez, A. Fernández-Sanmamed, F. Candia (Coords.). Educación social e escola: análise da última década (2006-2016) (pp. 191-199). CEESG/NEG.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
