Auga e os seus enredos
Texto
Introdución
En Galicia contamos con aproximadamente 1.500 quilómetros de costa, polo que a auga e todo o que teña que ver con ela é importante e significativo para o noso país, ademais de ser un elemento vital para as persoas, pois mesmo un 80% do noso corpo está composto dela.
Este elemento natural como é a auga ofrece multitude de utilidades e posibilidades, incluso diversión, entretemento e gozo tanto á infancia, como á mocidade ou ás persoas adultas.
Moreno-Palos (1993) estableceu unha clasificación de xogos e deportes na que menciona especificamente os xogos e deportes náuticos e acuáticos, distinguindo dentro destes os seguintes subtipos:
- Probas a nado.
- Regatas a vela.
- Regatas a remo.
- Outros xogos e deportes acuáticos.
Isto denota a importancia que teñen as actividades que se desenvolven no medio acuático dentro dunha sociedade e dentro do campo da actividade física e do deporte.
O MELGA, Museo Etnolúdico de Galicia, conta tamén cun recuncho destinado ás diferentes probas acuáticas que podemos atopar en terras galegas. Nel podemos ver e diferenciar as probas a nado, regatas de dornas, traíñas, gamelas e chalupas, probas de descensos e a vela mística de Ribadeo.
Mais tamén existen actividades, xogos e brinquedos que se desenvolven no medio acuático que non só se vinculan co mundo adulto, senón que tamén as crianzas contaban con divertimentos adecuados para as súas idades.
Cortizas (2013) describe unha extensa lista de embarcacións que pertencían ao mundo infantil e coas cales enredaban. Nun primeiro momento construíndoas, de forma individual e/ou coa axuda dalgunha persoa adulta, para posteriormente xogar con elas. Tan só é necesario un pequeno regato ou río, un estanque ou unha poza para participar de carreiras semellando as actividades que realizan as persoas adultas.
Entre esas embarcacións que describe Cortizas (2013), atopamos construcións feitas con follas de papel como o barco de papel, o barco de camaretas, a buceta de papel, o barco de vapor, a canoa, a chalana e o choupón de papel. Outras cuxo material principal son os xuncos como o barco de xuncos, a lancha de xunco e o barco de abrótega. Cunha folla de iuca podemos elaborar unha piragua. O bote de casqueiro e o submarino de cortiza fabrícanse cun anaco de casqueiro de piñeiro, e coa casca de amieiro podemos construír a barca de amieiro. Cun cacho de cana podemos idear o barco de cana e a barquiña; esta última tamén se pode facer con outro tipos de paus. Dunha tella podemos sacar, tal e como o seu nome indica, a lancha de tella. Cunha noz, os barcos de noz e cun carozo de millo, o barco de carozo de millo. A canoa de faba podemos facela a través dun casulo de faba. O barco de choco (ou de xiba) constrúese a partir dunha cuncha interna do choco. Empregando material de refugallo, coma unha botella de plástico, podemos elaborar o barco de botella. E se dispoñemos dunha lata podemos construír unha traiñeira, e con madeira a chalana de hélice, a gamela e os barcos de madeira.
López e García (2014a), tamén detallan minuciosamente a construción da lancha de cuncha de sepia a través dunha cuncha de sepia e a lancha de xunco e a traíña a partir de xuncos (Imaxe 1. Lancha de xunco). Estes dous autores, López e García (2014b), mencionan á súa vez dous tipos de barcos, o barco de cortiza e a lancha de vela con casca de piñeiro, construídos con cortiza de sobreira e casca de piñeiro, respectivamente (Imaxe 2. Lancha de vela con casca de piñeiro). Así como tamén o barco de noz (López e García, 2003a) e a canoa de faba e a lancha de táboa (López e García, 2003b).


Mais nesta ocasión centrarémonos máis especificamente nos xogos de persoas adultas, principalmente nas cucañas marítimas e as regatas que se realizaban, principalmente, na primeira metade do século XX en Galicia.
Antes de pasar a sinalar as diferentes regatas e cucañas que se facían ao longo de todo o noso país, consideramos importante describir en que consiste cada unha destas actividades lúdicas e motrices.
As regatas son carreiras realizadas no medio acuático entre embarcacións, ou ben a remos ou a vela.
As cucañas marítimas, tamén chamadas cucañas mariñeiras, consisten en atravesar un pau ensebado colocado de forma horizontal e paralelo á auga. No seu estremo colócase un pano, ou outro obxecto, e o obxectivo é chegar ata el e collelo antes de caer á auga.
Regatas e cucañas
Podemos datar estas manifestacións acuáticas lúdicas e motrices en moitos lugares de Galicia, e para iso imos seguir os lugares marcados no mapa de Galicia que representamos a continuación (Imaxe 3).

Comezamos por Ribadeo, concello que pertence á comarca da Mariña Oriental, situado no extremo Nordeste de Galicia e limitando no Leste con Asturias. Aquí, segundo aparece en El Correo de Galicia (1925), os carteis das festas en honor á Patroa anunciaban, entre outras actividades, regatas e cocañas. Tamén na Mariña, pero neste caso na Mariña Occidental, atópase Viveiro. Neste concello celebráronse regatas de traíñas polos festexos da inauguración das minas tal e como reflicte El Correo de Lugo (1899).
Continuamos por terras luguesas pero nesta ocasión dirixímonos á comarca da Terra Chá. No concello de Begonte datamos no ano 1928 polas festas do Rosario regatas no río Parga ao seu paso por Baamonde. Ás 16:00h tiñan tamén previsto a realización de cucañas (El Correo de Galicia, 1928b).
Xa na provincia da Coruña, concretamente en Ferrol, El Correo Gallego do ano 1929 recolle a celebración de diferentes regatas e establecen as bases para a participación nelas. Neste concello, pola súa proximidade e relación coa Armada, as competicións que se facían eran entre os mariñeiros do exército.
Bases:
1º: A inscrición das embarcacións farase na Comandancia da Marina.
2º: O sinal da saída darase por medio de dous disparos, un preventivo e outro executivo con intervalo de dous minutos.
3º: Nos puntos de virada haberá embarcacións con xurado de ruta.
4º: O xurado poderá alterar a orde das regatas anunciadas no programa.
5º: As reclamacións faranse ao rematar a regata.
O tipo de embarcacións participantes son:
- Regata de botes de 6 remos tripulados por mariñeiros da Armada. Premio 75 pesetas.
- Faluchos de 6 remos tripulados por mariñeiros profesionais. 1º premio: 100 pesetas. 2º premio: 50 pesetas.
- Botes de guerra de 10 remos tripulados por mariñeiros da Armada. 1º premio: 150 pesetas e 2º premio: 60 pesetas.
- Regatas de canoas tripulados por socios dalgunha Sociedade Deportiva ou Club de regatas. Premio: copa de prata.
- Botes de guerra de 10 remos tripulados por aprendices mariños da Armada. 1º premio: 120 pesetas, 2º premio: 60 pesetas.
- Regatas de yolas tripuladas por socios dalgunha Sociedade Deportiva ou Club de regatas. Premio: copa de prata.
- Regata de piraguas tripuladas por socios dalgunha Sociedade Deportiva ou Club de regatas. Premio: copa de prata.
- Regata de canos tripuladas por distinguidas señoritas da boa sociedade ferrolá. Premios: medallas de prata.
Moi preto deste concello, pero na comarca do Eume, atopamos Pontedeume onde tamén podemos documentar no ano 1930 concursos de natación e regatas marítimas, nas que se outorgaban valiosos obxectos a afeccionados e varios premios en metálico a profesionais (El Correo Gallego, 1930).
Betanzos tamén contaba, cando festexaban o San Roque, con regatas á remo pola nova canle da ría e a realización de cucañas fluviais (El Correo de Galicia, 1916a).
Na Coruña, durante as festas que se celebraban do 2 de agosto ato 15 de setembro, realizábanse cucañas e regatas (Álbum literario, 1890).
Na comarca de Fisterra citamos Muxía pois rexístrase no programa das festas do 7, 8, 9 e 10 de setembro de 1928 a celebración de regatas e cucañas ás 17:00h. do día 9 (El Compostelano, 1928).
En Muros, polas festas de San Roque, tamén se disputaban distintos tipos de regatas marítimas. Localizamos regatas a vela entre as lanchas de xeito do distrito. O 1º premio acadaba 100 pesetas e o 2º, 30 pesetas. Nas regatas de bucetas a catro remos o 1º premio era de 75 pesetas, mentres que o 2º era de 20. E nas regatas de chalanas a dous remos o 1º premio eran 15 pesetas e o 2º, 10 (El Correo de Galicia, 1929).
E en Noia, durante os seus días de festas, as regatas e as cucañas marítimas tamén estaban presentes (El Correo de Galicia, 1916b e El Compostelano, 1927).
Na comarca do Barbanza, concretamente en Palmeira dentro do concello de Ribeira, están documentadas as regatas de dornas, celebrando por primeira vez o Santísimo Cristo dos Navegantes (El Correo Gallego, 1944). E nesta mesma comarca, Rianxo tamén contaba durante a celebración das distintas festividades da vila (A Guadalupe, festas á Virxe do Carme e a San Roque) con regatas. De feito, dende o ano 2005 pódese ver no paseo da ribeira un monumento á Manuela, a lancha xeiteira emblemática da vila rianxeira.

Esta embarcación pasou á historia das regatas da Ría de Arousa pola consecución dos seus triunfos, principalmente contra os mariñeiros de Vilaxóan que regateaban no Carmelo.
Mesmo existen coplas populares que fan referencia a esta embarcación que tantas alegrías outorgou ao pobo rianxeiro:
En Rianxo hai unha lancha
que lle chaman a Manuela,
en toda a ría de Arousa
non hai lancha coma ela.Ou:
Ánimo Lestón
(Manuela Lojo González, 2022).
ánimo Manuela
que os de Villajuán
miraron para ela.
A Manuela (Imaxe 4) foi construída no ano 1929 no Chazo por un carpinteiro de ribeira coñecido como “O Plases”. Nesta lancha remaban 12 mariñeiros de Rianxo mais o patrón, Juan Rodríguez (xenro de José Galbán Tarrío, que foi quen mandou construír a lancha para a actividade do xeito e lle puxo o nome da súa nai). O primeiro triunfo que acadou a Manuela foi no ano 1946 en Vilagarcía de Arousa durante a celebración das festas de San Roque. O premio acadado foi unha copa e 6.000 pesetas que se repartían entre todos despois de facer un gran convite. O percorrido consistía en saír do peirao e ir ata a praia Compostela, realizar catro voltas e regresar ao peirao, no cal se establecía a meta, aínda que nalgunha celebración o percorrido foi modificado (La Noche, 1965). Ademais da Manuela, Rianxo contaba con outras embarcacións coñecidas como Norte (de 10 remos) e a Josefina (La Noche, 1953).
Dentro da provincia de Pontevedra e xa en terras do Ulla, concretamente en Pontecesures, polas festividades en honor á Virxe do Carme realizábanse ás cinco da tarde no río cucañas variadas e seguidamente regatas no porto. Quen gañaba recibía valiosos premios en metálico (El Barbero Municipal, 1913a e El Compostelano, 1923). Ademais de regatas e cucañas marítimas, El Correo de Galicia (1916c) menciona un concurso de natación para festexar o día do Carme.
Seguindo na provincia de Pontevedra, pero agora de novo inmersas na Ría de Arousa, contamos que en Carril, con motivo das festas de San Fidel, segundo publica a Gaceta de Galicia (1882), realizábanse regatas e cucañas. Nesa ocasión, no ano 1882 provocou un gratísima impresión a regata de botes tripulados por mulleres. Dita competición debutouse entre dous botes tripulados por cinco mulleres, un de Carril e outro de Cortegada. Saíron vencedoras as de Cortegada pero o xurado, por premiar o “arrojo” e a “pericia” das mariñeiras, decidiu aumentar a cantidade do premio e repartiuno entre as tripulantes de ambas embarcacións. Uns anos despois, concretamente corenta e seis, o xornal El Correo de Galicia (1928a), daba voz á realización, no porto e con gran afluencia de público, de regatas de bucetas a remo tripuladas por mulleres e outras embarcacións, nas que se outorgaron varios premios.
En Vilagarcía de Arousa, tal e como recolle El Barbero Municipal (1910) e como podemos observar con máis detalle na imaxe 5, existían nesta zona da Ría de Arousa regatas de lanchas do xeito a vela e a remos, traíñas, bucetas a vela, botes e canoas a catro remos.

En Vilaxoán, pola festa do Santísimo Rosario, no porto desenvolvíanse, tal e como recolle El Compostelano (1930), festexos profanos como as regatas marítimas.
En Vilanova de Arousa, nas festas á Santísima Virxe da Pastoriza e ao San Roque, organizábanse regatas pero, neste caso, as embarcacións participantes eran galeóns. Parece ser, segundo reflicte El Barbero Municipal (1913b), estas competicións resultaban moi interesantes tanto polo gran número de galeóns que había na zona, como pola destreza que tiñan os seus tripulantes ao dirixilos.
En Cuntis, segundo El Correo Gallego (1933), nas piscinas do balneario durante a celebración das festas patronais do lugar celebráronse regatas e exercicios de natacións, saltos e waterpolo.
O Ximnasio de Pontevedra organizaba regatas polas festas da Peregrina (El Áncora, 1903).
E Vigo festexaba con cucañas e magníficas regatas nas que se outorgaban grandes premios, estas eran organizadas pola Sociedade Ximnasio (El Correo Gallego, 1886).
Na Guarda, polas festas en honor a San Pedro Tolmo, conta El Áncora (1902), que había regatas e cucañas.
Consideramos a importancia que debía ter na época o dispute de calquera tipo de regatas, ou ben a remo ou a vela, xa que, mesmo en Santiago de Compostela, tal e como deixa constancia El Correo de Galicia (1906), na entrada do calello de Matacáns, entre as rúas da Senra e da Carreira do Conde, existía naqueles anos un charco que se axeitou para que nas festas do Apóstolo dese ano se puidesen celebrar nel regatas.
Mais tamén é importante aclarar que, segundo os datos que puidemos contrastar da prensa que citamos ao longo do escrito, non en todos os lugares as regatas tiñan ese carácter de xogo tradicional ou actividade lúdica. Podemos asegurar que nas cidades máis grandes como A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ferrol ou Vilagarcía as regatas que sinalamos eran competicións máis institucionalizadas. É dicir, organizadas por Clubs ou outras entidades de carácter deportivo, e observadas baixo unha ollada dun xurado moi específico. Os premios que se outorgaban eran doados por parte de certas entidades públicas e/ou privadas locais, co que estas regatas xa están máis próximas, e polo tanto máis vinculadas, ao que é o deporte moderno. López-Villar (2017) fai mención a competicións de regatas a vela e a remo entre mulleres, pero estas pertencían ás clases privilexiadas da época (primeira metade do século XX) e eran integrantes dos diversos clubs náuticos existentes: Club Náutico da Coruña, Club Marítimo de Vigo, Club Náutico de Pontevedra….
Referencias bibliográficas
- Álbum literario: revista semanal de literatura, ciencias y arte. Nº 123. 08 de xuño de 1890. Ourense.
- Cortizas Amado, Antón. (2013). Tastarabás. Vigo: Xerais.
- El áncora: diario católico de Pontevedra. Nº 1475. 11 de agosto de 1902.
- El áncora: diario católico de Pontevedra. Nº 1745. 13 de xullo de 1903.
- El Compostelano: diario independiente. Ano IV. Nº 1052. 27 de agosto de 1923.
- El Compostelano diario independiente. Ano VIII. Nº 2226. 20 de agosto de 1927.
- El Compostelano diario independiente. Ano IX. Nº 2523. 23 de agosto de 1928.
- El Compostelano diario independiente. Ano XI. Nº 3156. 07 de outubro de 1930.
- El Correo de Galicia: Diario independiente de avisos y noticias. Santiago de Compostela 19 de febreiro de 1906.
- El Correo de Galicia: Diario independiente de avisos y noticias. Santiago de Compostela 11 de agosto de 1916a.
- El Correo de Galicia: Diario independiente de avisos y noticias. Santiago de Compostela 21 de agosto de 1916b.
- El Correo de Galicia: Diario independiente de avisos y noticias. Santiago de Compostela 01 de setembro de 1916c.
- El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina. Nº1029. 11 de outubro de 1925.
- El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina. Nº 1182. 16 de setembro de 1928a.
- El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina. Nº 1187. 21 de outubro de 1928b.
- El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina. Nº 1236. 29 de setembro de 1929.
- El Correo de Lugo: periódico de intereses morales y materiales. Nº 75. 30 de outubro de 1899.
- El Correo Gallego. Ano LXVI. Nº 22596. 09 de agosto de 1944.
- El Correo Gallego. Diario político de la mañana. Ano IX. Nº 2308. 17 de xullo de 1886.
- El Correo Gallego. Diario político de la mañana. Ano LI. Nº 18071. 28 de agosto de 1929.
- El Correo Gallego. Diario político de la mañana. Ano II. Nº 18384. 31 de agosto de 1930.
- El Correo Gallego. Diario político de la mañana. Ano LV. Nº 19236. 14 de setembro de 1933.
- Gaceta de Galicia: Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela. Nº 1030. 01 de agosto de 1882.
- La Noche: único diario de la tarde en Galicia. Ano XXXV. Nº 10146. 2 de setembro de 1953.
- La Noche: único diario de la tarde en Galicia. Ano XLVI. Nº 13660. 11 de setembro de 1965.
- López González, Xosé e García Fernández, José Manuel. (2003a). Os xoguetes esquecidos. Vigo: A Nosa Terra.
- López González, Xosé e García Fernández, José Manuel. (2003b). Os xoguetes esquecidos II. Vigo: A Nosa Terra.
- López González, Xosé e García Fernández, José Manuel. (2014a). Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros. Primavera – verán. Sarria: Ouvirmos.
- López González, Xosé e García Fernández, José Manuel. (2014b). Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros. Outono – inverno. Sarria: Ouvirmos.
- López-Villar, Cristina. (2017). Pioneiras do deporte en Galicia. A Coruña: Deputación da Coruña.
- Moreno-Palos, Cristobal. (1993). Aspectos recreativos de los juegos y deportes tradicionales en España. Madrid: Editorial Gymnos.
- Semanario El Barbero Municipal. Ano I. Nº 5. Rianxo 13 de agosto de 1910.
- Semanario El Barbero Municipal. Ano IV. Nº 165. Rianxo 6 de setembro de 1913a.
- Semanario El Barbero Municipal. Ano IV. Nº 166. Rianxo 13 de setembro de 1913b.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


