As Xornadas Interxeracionais de Dinamización do Medio Rural Follas de Vida

Resumo

Follas de Vida é o nome das xornadas interxeracionais de dinamización do medio rural, celebradas no Concello de San Amaro (Ourense), pensadas para compartir momentos entre as persoas maiores do Fogar Residencial e os nenos e nenas do Colexio Eulogio Gómez Franqueira. Comezaron a súa andaina no curso 2016-2017, aínda que a situación de emerxencia sanitaria ocasionada pola Covid-19 paralizou a iniciativa, que pouco a pouco parece que volve e retomarse e a coller impulso.

Follas de Vida es el nombre de las jornadas intergeneracionales de dinamización del medio rural, celebradas en el Ayuntamiento de San Amaro (Ourense), pensadas para compartir momentos entre las personas mayores del Centro Residencial y los niños y niñas del Colegio Eulogio Gómez Franqueira. Comenzaron a realizarse en el curso 2016-2017, aunque la situación de emergencia sanitaria ocasionada por el Covid-19 paralizó la iniciativa, que poco a poco parece que vuelve a retomarse y a coger impulso.

Follas de Vida is the name of the intergenerational journeys to revitalize the rural environment, held at the San Amaro City Hall (Ourense), designed to share moments between the elderly of the Residential Center and the boys and girls of the Eulogio Gómez Franqueira School. They began to be carried out in the 2016-2017 academic year, although the health emergency situation caused by Covid-19 paralyzed the initiative, which little by little seems to be picking up again and gaining momentum.

Texto

Introdución

A situación demográfica en sociedades como a galega, e máis significativamente na provincia de Ourense, onde por primeira vez na historia o número de persoas maiores de 65 anos supera o de nenos e nenas de 0 a 14 anos, fai necesarios avances na reflexión e nas prácticas educativas e sociais.

É necesario realizar actividades e programas onde todas as xeracións se reúnan, convivan, interveñan e compartan experiencias. E non só facelo no ámbito escolar (Limón 1998), senón tamén nos centros de maiores, centros culturais, aulas da terceira idade, asociacións veciñais e concellos, entre outros. Faise imprescindible que as institucións de maiores sexan lugares abertos á comunidade, asumindo o novo paradigma do envellecemento activo e a educación interxeracional. Facilitando e propiciando que as xeracións máis novas aproveiten o saber e a experiencia das máis vellas, e estas achéguense aos cambios sociais que protagonizan a xuventude, as persoas traballadoras, as institucións políticas e as educativas e investigadoras.

En Galicia, asistimos nos últimos anos a un incremento constante de iniciativas favorecedoras das relacións interxeracionais, tanto no traballo socioeducativo realizado en determinadas institucións de persoas maiores, como en proxectos de desenvolvemento comunitario máis amplos (Cid e Pérez, 2016). Aínda que é certo que a situación de emerxencia sanitaria ocasionada pola pandemia da Covid-19 paralizou moitas destas iniciativas, que pouco a pouco parece que volven e retomarse e a coller impulso.

Neste artigo presentamos as Xornadas de Dinamización do Medio Rural Follas de Vida, unha experiencia interxeracional levada a cabo no Concello de San Amaro (Ourense), entre o centro de persoas maiores e a comunidade educativa do colexio de educación infantil e primaria.

1. Follas de Vida.

Follas de Vida é o nome que se deu a un modesto programa interxeracional deseñado no centro de maiores Fogar Residencial San Amaro, tras unha previa e longa andaina de colaboración conxunta entre este centro e o colexio da zona.

Fotografía grupal das primeiras xornadas.

A experiencia consolídase como tal alá polo ano 2016, concretamente no mes de novembro, coa pretensión de ser o comezo dunha relación interxeracional que continuase no tempo e que tivese como vínculo de unión a poboación do rural en xeral.

O nome escollido para estas xornadas fundaméntase, por un lado, no significado metafórico que adquiren as “follas” das árbores en outono; a pesar de que caen, novas follas volven medrar con máis forza; e por outro lado, porque “vida” é sen dúbida a primeira palabra que xurdiu ao xuntar os dous grupos de poboación protagonistas, nenos, nenas e persoas maiores.

1.1. Obxectivos.

O obxectivo xeral foi promover iniciativas interxeracionais que permitisen as relacións entre persoas de diferentes idades, coa vontade de incrementar os seus vínculos e coñecemento mutuo.

Este obxectivo, concretouse noutros máis específicos:

  • Fomentar a participación activa e conxunta de todas as persoas que o desexaren.
  • Favorecer a cohesión, o respecto e a convivencia entre xeracións e, por conseguinte, diminuír a imaxe estereotipada da vellez que aínda persiste na nosa sociedade.

1.2. Temporalización.

As tres primeiras edicións desta experiencia realizáronse nos cursos 2016-2017, 2017-2018 e 2018-2019; tiveron unha duración dun mes, concretamente o mes de novembro, e distribuíronse en catro sesións diferenciadas, pero relacionadas entre si.

Estas edicións fóronse intercalando todos os anos con diversas actividades interxeracionais ao longo de todo o curso escolar, é dicir, que Follas de Vida non comezaba e remataba no mes de novembro; máis ben eran o impulso para traballar continua e transversalmente, tanto no colexio coma no centro de maiores, diversas actividades e celebracións dun xeito interxeracional (o inicio do curso, o aniversario do centro, o Nadal, o Entroido, a primavera, a fin de curso…).

Esta foi a razón fundamental pola que a cuarta edición decidiuse realizala ao longo de todo o curso escolar 2019-2020, pois un mes, aínda que intenso, quedaba escaso. Pero esta experiencia non se puido rematar, quedou totalmente truncada pola emerxencia sanitaria ocasionada pola Covid-19. Situación que nos centros de maiores se estendeu moito, pois os protocolos destes centros foron moi estritos e sobre todo, restritivos.

Durante o verán do 2022 realizouse na localidade un campamento de verán para os nenos e nenas, e aproveitouse a ocasión para comezar a realizar actividades interxeracionais, sempre seguindo o protocolo do centro de maiores (ao aire libre, con máscara e coidando moito a hixiene de mans); así, durante todos os xoves dos meses de xullo e agosto, o campamento realizouse nas instalacións do Fogar Residencial, con actividades adaptadas a todas as idades.

E foi no curso pasado, 2022-2023, cando se puido retomar con relativa normalidade as actividades interxeracionais. Fíxose sen un programa concreto e sempre relacionadas con celebracións especiais (o magosto, o Entroido, o Nadal…) e rematouse o curso cunha celebración dun xantar interxeracional no colexio, onde participou xente e institucións de todo o pobo de San Amaro.

1.3. Algunhas actividades.

Queremos presentar neste apartado algunhas das actividades máis específicas, desenvoltas propiamente nas tres primeiras edicións das Xornadas de Follas de Vida.

Na primeira edición (curso 2016-17), as actividades centráronse sobre todo no eixe interxeracional, sen buscar unha temática concreta.

Historia dunha vida con animais:

Despois da visualización previa da película “Entre lobos”, que narra a historia real dun neno que tivo que sobrevivir e criarse entre animais cando os seus pais o intercambiaron por unhas cabras, puidemos gozar no Fogar Residencial, ao longo dunha mañá, da visita de Marcos Rodríguez Pantoja (protagonista real da película). Tivemos a oportunidade de escoitar un relato, contado en primeira persoa, das experiencias e estancia en Serra Morena dende os seus 6 aos 19 anos, xunto cos animais.

Magosto interxeracional:

Magosto interxeracional

Coincidindo coa data do San Martiño, celebramos todos e todas xuntas no Colexio o magosto con música, baile e, por suposto, as castañas.

Historias de aquí e de acolá:

Nesta xornada contamos coa presenza, no centro de maiores, do contacontos Celso Fernández Sanmartín, xunto ao que pasamos unha agradable xornada coas súas historias preparadas especialmente para a ocasión.

Xogos de outrora:

Para poñer fin ás primeiras xornadas celebramos unha sesión de xogos populares compartindo un mesmo tempo e espazo, no colexio. Coa colaboración e axuda do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coñecemos da man das persoas maiores os seus xogos. Unha boa aprendizaxe e un bo entretemento para os/as máis cativos/as e un bo exercicio de memoria para os/as maiores.

A segunda edición das Xornadas (curso 2027-18) versou sobre unha temática específica, dous oficios moi característicos de Ourense, o afiado e a cestería.

Oficios Galegos, a vida afiando:

Tras a visualización da película-documental A última viaxe do afiador, nesta ocasión visitounos no Fogar Residencial o escultor Florencio de Arboiro, que leva máis de catro décadas recollendo, restaurando e coleccionando rodas de afiar, co obxecto de sacar do esquecemento este oficio tan característico de moitas comarcas ourensás. Creador, ademais, do Museo da Casa das Rodas en San Xoán de Río, que conta con máis de 200 pezas únicas.

Magosto interxeracional:

A segunda xornada celebrouse coma o ano anterior, no colexio, coincidindo coa celebración do magosto, unha festa popular moi característica de Galicia e sobre todo de Ourense.

A vida da cestería:

Esta foi unha xornada chea de aprendizaxes, descubrimentos e emocións compartidas. Maiores e nenos/as aprenderon e practicaron conxuntamente un oficio que para as persoas máis novas era case descoñecido. Acompañounos no Fogar Residencial “O Cesteiro” de Lobeira, Toño González, falecido en decembro do 2020, con máis de 38 anos dedicados á cestería, á música, á ensinanza e a atesourar máis de 300 pezas, algunhas de gran valor etnográfico, que el quería expoñer nun museo.

Contos cantados:

Esta segunda edición rematou coa música e baile da cantautora e profesora universitaria Susa Herrera Ruiz. Foi unha mañá inesquecible, onde todas as xeracións compartimos, no centro de maiores, cantigas, música, bailes e emocións.

A terceira edición (curso 2018-19) decidimos centrala novamente nunha temática especifica, as lendas e mitos galegos.

As lendas aínda viven nos recordos:

Esta sesión preparárona as persoas maiores do Fogar Residencial coa axuda da Educadora Social, crearon e montaron un pequeno documental sobre as lendas que lembraban da comarca. E despois da súa visualización puideron responder a todas as inquietudes dos/as máis novos do Colexio e compartir impresións, ideas e emocións.

Magosto interxeracional:

Esta celebración xa se afianzou e converteuse nun clásico de obrigado cumprimento. Un xantar interxeracional no colexio, co prato principal do bolo preñado e de sobremesa a bica e as castañas; continuando coa música e baile tradicional.

A Galiza encantada, lendas e mitos:

Para completar a intervención das persoas maiores na primeira sesión, nesta ocasión acompañounos no Fogar Residencial o mestre Rafael Adalid, que elaborou a súa tese de doutoramento sobre a mitoloxía galega relacionada coa auga. Compartiu con todas as persoas presentes contos, lendas e mitos galegos.

Interpretando as nosas lendas:

Na derradeira sesión visitamos o Castro de San Cibrao de Las, un extraordinario patrimonio histórico e cultural do propio concello de San Amaro, alí puidemos pasar unha mañá chea de actividades, descubrimentos e interpretación dalgunhas lendas contadas.

2. Unhas reflexións finais.

Son moitas as experiencias, iniciativas e estudos que corroboran que os programas interxeracionais unifican xeracións separadas, axudan á transmisión cultural, fomentan unha vida laboral e social activa entre as xeracións, comparten recursos e contribúen á aprendizaxe ao longo de toda a vida (Bostrum et al., 2001).

Follas de Vida podemos considerala unha verdadeira experiencia interxeracional, pois nela, ambas as xeracións achegan algo, en función dos seus intereses e coñecementos, producíndose un intercambio mutuo; ademais, promóvense e reálzanse valores como a solidariedade, a autoestima e a conciencia do valor de cada xeración.

Aínda que nesta ocasión resulta complicado facer referencia a todas as opinións xurdidas despois de cada unha das actividades realizadas, podemos afirmar, apoiándonos nas avaliacións realizadas, que constituíu unha experiencia moi positiva e enriquecedora, tanto a nivel cognitivo como, sobre todo, afectivo e emocional para todas as persoas que participaron nela.

Ademais, esperamos que sexa fonte de motivación para seguir sementando outras ideas en diferentes institucións sociais e/ou educativas, tanto formais como non formais e informais, independentemente do grupo de idade ao que vaian dirixidas.

Referencias bibliográficas

  • Bostrum, A.; Hatton-Yeo, A.; Ohsako, T.; e Sawano, Y. (2001). A general assessment of IP iniciatives in the countries involved. En, A. Hatton-Yeo e T. Ohsako (Eds.). Intergenerational Programmes. Public and Research Implications an International Perspective (pp. 3-8). The Beth Johnson Foundation.
  • Cid, X. M. e Pérez, M .E. (2016). Gerontología educativa e intergeneracionalidad. Perspectivas Sociales/ Social Perspectives, 18(1), 95-125.
  • Limón, M. R. (1998). La educación de las personas mayores. En, A. Petrus (Coord.). Pedagogía Social (pp. 292-329). Ariel.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir