As infancias e adolescencias cyborg na escola
Resumo
O uso de internet, e en particular das redes sociais, por parte de nenos, nenas e adolescentes, é unha preocupación importante para a comunidade educativa. No presente artigo buscamos algunhas respostas aos principais interrogantes que estes novos modos de comunicación, información e relación introduciron na vida do noso alumnado.
El uso de internet, y en particular de las redes sociales, por parte de niños, niñas y adolescentes, es una preocupación importante para la comunidad educativa. En el presente artículo buscamos respuestas a los principales interrogantes que estos nuevos modos de comunicación, información y relación han introducido en la vida de nuestro alumnado.
The use of the Internet, and in particular of social networks, by children and adolescents, is an important concern for the educational community. In this article we seek answers to the main questions that these new modes of communication, information and relationship have introduced into the lives of our students.
Texto

Dende hai uns anos vénse dando un intenso debate acerca da influencia que internet ten na saúde mental dos máis novos, alentado por noticias de diferente tipo que alertan sobre os riscos inherentes ás novas tecnoloxías da información. Trátase dunha controversia pública sobre a evolución tecnolóxica que se dá non unicamente en medios académicos, senón que ten importantes repercusións nos mass media, foros públicos e parlamentos. Os avances tecnolóxicos sempre xeran impacto, inquedanza e malestar. Valla como exemplo o rexeitamento á luz eléctrica en Inglaterra nos primeiros anos do S. XX, por razóns estéticas e loitas de poder.
É certo que a historia do ser humano é realmente a historia da tecnoloxía, a capacidade de transformar a contorna para xerar algo novo ou evolucionado. Non existe, en realidade, un debate entre o ser humano natural e o ser humano tecnolóxico, senón unha evolución da humanidade tecnolóxica. Probablemente ao que estamos asistindo, tal e como sinala Baricco (2019), é a un cambio acelerado, coa emerxencia de internet, a pantallización das relacións e a gamificación da vida cotiá. Todo isto cáusanos unha importante sensación de estrañeza e alienación e amplía a quebra xeracional na medida en que os que hoxe son novos non coñecen unha realidade sen internet, mentres que os adultos tivemos a experiencia dunha vida sen internet. A incorporación das TRIC (tecnoloxías da relación, información e comunicación) ao proceso de maduración é algo novo e que comporta cambios significativos no xeito de ser e estar no mundo. Trátase, máis que nunca, de infancias e adolescencias Cyborg que non só “están” en internet, senón que ademais “son” en internet. Ademais a rede ofrece unha realidade moi sectorializada por grupos de idade; mentres os adultos habitamos redes sociais como Facebook, os adolescentes debaten en Dischord e os nenos e nenas xogan xuntos en Roblox. Nin sequera os usos dunha aplicación tan popular como Instagram son os mesmos en función dos grupos de idade.
Coincide este fenómeno de gran impacto que é internet cunha época de empeoramento na saúde mental de nenos, nenas e adolescentes. Segundo un informe publicado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2014, titulado Health for the world’s adolescents, a depresión xa era a principal causa de enfermidade e discapacidade entre os adolescentes de idades entre os 10 e os 19 anos. O suicidio converteuse na primeira causa de morte entre os homes de 15 a 29 anos e as hospitalizacións por autolesións entre os 10 e os 24 anos case se cuadriplicaron nas últimas décadas: de 1.270 no ano 2000 a 4.048 en 2020.
Todo isto leva a que, dentro da controversia académica e pública causada por internet, se estableza unha relación entre o impacto de internet na vida das infancias e as adolescencias e un empeoramento na súa saúde mental. Sen dúbida a relación existe entre dous fenómenos que coinciden no tempo, pero establecer relacións causais é moito máis complexo e a evidencia científica ao respecto é cando menos contraditoria (Vuorre, et. al, 2021). A realidade é que o empeoramento na saúde mental das novas xeracións pode estar en relación con diferentes elementos; a dixitalización das relacións, a perspectiva negativa do futuro, os cambios na configuración e funcionalidade das familias, o crecemento de factores de desigualdade social, as novidades na construción da identidade derivadas da actualidade na diversidade sexual e a igualdade de xénero, etc.

En todo caso, e tal e como afirma Aibar (2010), a tecnoloxía non impacta no medio social como un factor externo caído do ceo. A innovación tecnolóxica debe ser considerada, pola contra, un factor endóxeno do proceso social. De modo que debemos entender que a nosa fonte de preocupación non debe centrarse nun suposto demo tecnolóxico para deste xeito poder desenvolver unha adecuada conciencia crítica da evolución social.
Sen dúbida internet supón un reto educativo. O desenvolvemento dun novo espazo relacional e de acceso ao coñecemento, cun potencial aínda non avistado, ten unhas repercusións evidentes na escola. Están a cambiar as ferramentas pedagóxicas nas aulas, o xeito de comunicarnos co alumnado, o acceso ás fontes de información, os patróns das relacións entre iguais e entre os adultos e a mocidade, etc. Renegar desta realidade é vivir de costas ao noso labor docente na actualidade.
Algo que non podemos pasar por alto no mundo dixital son as estratexias de poder subxacentes ao desenvolvemento da internet. Estas lévannos a preguntarnos con Winner (1983) en que medida teñen política os artefactos. O cambio tecnolóxico trae consigo unha mostra de motivos humanos, dos cales o desexo de obter dominio sobre os demais non é o menos frecuente, aínda que iso implique un sacrificio ocasional respecto aos custos e certa violencia nos modos de conseguir máis a partir de menos, o cal non deixa de ser un recoñecemento da intrincación dos discursos de saber e poder tal e como foi descrita por Foucault (Sauquillo, 2017). Temos moi normalizado que os espazos de internet a través dos cales nos relacionamos e accedemos a información teñan unha regulación que recae en mans de grandes corporacións económicas. Os intereses destas corporacións privadas poden estar en franca contradición co interese público. Vivimos así nunha sorte de neofeudalismo dixital (Morozov, 2018). Este impacto sobre a vida do noso alumnado non debería ser para nós unha cuestión menor.
A necesidade de facer educación sobre a comprensión e o bo uso das contornas dixitais é unha necesidade crecente e de primeiro orde. Todos necesitamos coñecer cal é o funcionamento de internet, o impacto dos algoritmos na nosa percepción da realidade, a diferenza entre o íntimo, o privado e o público tamén nas redes sociais, a comercialización dos datos persoais, as características da intelixencia artificial, etc. As novas xeracións necesítano dun xeito moi particular xa que, con toda probabilidade, habitarán nesta realidade ao longo de toda a súa vida. Por iso o compromiso da escola co desenvolvemento dunha ética da realidade dixital é esencial, non só a través da transmisión dunha conciencia crítica, senón tamén con prácticas que sexan transformadoras; a través da transmisión do coñecemento e do propio uso que facemos nas aulas das ferramentas dixitais.
Respecto do temor ao desprazamento da presencialidade e o corpo na docencia para quedar substituídos por realidades dixitais, é fundamental reivindicar o lugar do docente como transmisor dunha experiencia de vida e dun desexo (Recalcati, 2016 ; Ubieto y Arroyo (2022). A dixitalización do cognitivo non pode substituír a necesidade relacional, que está mediada polo impacto emocional intersubxectivo que necesita da presenza. Neste sentido, sobre todo a idades temperás, a aprendizaxe e a maduración segue a estar atravesada pola experiencia de dous corpos que comparten un espazo.
Referencias bibliográficas
- Aibar, E. (2010). La vision constructivista de la innovación tecnológica, Una introdución al modelo SCOT. Barcelona: UOC
- Baricco, A. (2019). The game. Madrid: Anagrama
- Morozov, E. (2018). Capitalismo big.teach. ¿Welfare o neofeudalismo digital?. Madrid: Enclave libros
- Recalcati, M. (2016). La hora de la clase. Madrid: anagrama
- Sauquillo, J. (2017). Michel Foucault: Poder, saber y subjetivación. Madrid: Alianza Editorial.
- Ubieto, J.R. y Arroyo, L. (2022). Bienvenido al metaverso. Presencia, cuerpo y avatares en la era digital. Barcelona: Ned Ediciones
- Vuorre, M., Orben, A., & Przybylski, A. K. (2021). There Is No Evidence That Associations Between Adolescents’ Digital Technology Engagement and Mental Health Problems Have Increased. Clinical Psychological Science, 9(5), 823–835. https://doi.org/10.1177/2167702621994549
- Winner, L. (1983) “Do Artifacts Have Politics?”, en: D. MacKenzie et al. (eds.), The Social Shaping of Technology, Philadelphia: Open University Press, 1985
- World Health Organization (2014). Health for de world´s adolescentes. Xenebra: WHO Document Production Services. Disponible en https://apps.who.int/adolescent/second-decade/files/1612_MNCAH_HWA_Executive_Summary.pdf
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
