“Arredor do Rural”: unha ponte entre o ensino universitario e a innovación social rural

Resumo

A educación ten un labor fundamental en repensar a relación co territorio que habitamos. A “Comunidade de Accións e Saberes ‘Arredor do Rural’” promove desde a universidade proxectos de aprendizaxe-servizo para a innovación social rural, que se concretan en prácticas e aprendizaxes orientadas á xustiza e a sustentabilidade.

Texto

1. O medio rural como oportunidade na crise ecosocial

Nas últimas décadas, seguindo a urxencia da crise ecosocial e o crecente colapso, cobran cada vez máis importancia os contextos rurais como lugares de oportunidade. Numerosas e diversas iniciativas, dende a agroecoloxía, o decrecemento ou a innovación social, están traballando por atopar formas máis sustentables e xustas de organizar o manexo do territorio e as comunidades, partindo de saberes ancestrais para comezar a debuxar un futuro aínda incerto, pero que de seguro non poderá ser como a realidade que coñecemos (Herrero, 2013).

O territorio e o pobo galego non son casos de excepción (Quiroga et al., 2017), e neles a sociedade civil artella este mundo a través de iniciativas endóxenas e conectadas entre si, tanto no ámbito da produción (é o caso do Sindicato Labrego Galego), o pensamento (Véspera de Nada ou Verdegaia), a custodia do territorio (Rede Galega de Custodia) ou o eido cultural (Rede Aldear), entre outros exemplos que se poderían nomear. Tamén o ámbito científico constatou a necesidade de saír da súa (en ocasións) “arrogancia”, e entrar en diálogo con saberes e prácticas culturais locais con grande valor en termos de sustentabilidade (García-Romero e Salido-Herba, 2022), sendo o Laboratorio Ecosocial do Barbanza un bo representante desta intersección.

2. Os saberes rurais no sistema escolar

Estes intrépidos e necesarios proxectos emerxen dun tecido social que continúa cunha inercia autodepredadora, e moi rara vez teñen presencia ou eco nun sistema de ensino que segue maioritariamente a guiar as aprendizaxes cara a formas de entender e manexar o mundo competitivas e produtivistas. Podemos atopar gromos (a miúdo grazas a esta mesma revista) en niveis temperáns da escola, especialmente en Educación Infantil e no medio rural, onde formas pedagóxicas centradas na natureza permean cada vez máis as diferentes escolas rurais e van territorializando a educación (Abós et al., 2021).

Non obstante, esta mirada cara ao territorio e ao popular faise cada vez máis difícil de atopar segundo avanzamos no sistema de ensino, sendo contadas as excepcións en Educación Secundaria, e máis aínda na Universidade. De pouco serve fomentar unha educación a este respecto na infancia se logo a xuventude se incorpora a un mundo que vai nunha dirección diferente á que desexamos. Este sería o caso actual, no que as últimas etapas do sistema escolar están conectadas cun mercado laboral guiado por valores e prácticas fundamentadas na competición, o consumo desaforado e o crecemento ilimitado, sen unha perspectiva crítica de como o noso facer contribúe ao mundo ou sen conciencia da necesidade dun cambio.

Para aproveitar a nivel sociocultural as iniciativas pola sustentabilidade e a xustiza no medio rural, faise necesario ofrecerlle ao estudantado a oportunidade de velas (e incluso de formar parte delas) no momento en que está a pensar a que dedicar a súa vida e como construír o seu plan de futuro.

3. O traballo da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural

Esta última é a idea que deu orixe a unha rede de profesorado (principalmente universitario) e activistas e profesionais do medio rural, que en 2021 creamos o que se deu en chamar “Comunidade de Accións e Saberes ‘Arredor do Rural’” (www.arredordorural.org), a cal xorde por iniciativa da Asociación Avoar e en colaboración co grupo de investigación Esculca da USC, e que foi inspirada polo traballo previo da Rede Revolta e doutras redes de iniciativas rurais.

O motivo de ser é organizar prácticas de aprendizaxe-servizo que sexan intersección entre sistema educativo e iniciativas rurais enfocadas á sustentabilidade e a xustiza (García-Romero e Salido-Herba, 2022). Así, o estudantado dunha ou varias materias universitarias incorpórase a un proxecto en colaboración con axentes locais que ten a vontade de crear valor social/ambiental, e a súa aprendizaxe disciplinar articúlase arredor do devandito proxecto.

Pretendemos así poñer o foco na necesidade tanto da acción directa como da construción do saber, e en como as dúas dimensións deben ser compartidas por universidade e sociedade civil; búscase transcender a idea de que un pon a acción e outro o coñecemento para un intercambio recíproco, para substituíla pola de mutualidade cara a fins comúns.

Primeiras conversas (entre asociacións e cooperativas) que deron lugar ás liñas de traballo de Arredor do Rural.

É importante, polo tanto, que a creación de proxectos entre profesorado e entidades se dea a partir de obxectivos compartidos, que por suposto son múltiples pero que, a efectos de organización da Comunidade, agrupamos nos ámbitos descritos a continuación, todos eles relacionados co manexo sustentable dos recursos e/ou a promoción da xustiza social no medio rural (acompañamos a seguir cada ámbito cunha táboa cos seus principais proxectos).

I. Confrontar os prexuízos sobre o medio rural: realidade dun discurso público que o identifica tanto co atraso como cunha versión bucólica e idealizada, pero sempre reducíndoo e simplificándoo. Parte dos proxectos dedícanse a visibilizar, entender e deconstruír este discurso para axudar a crear unha visión realista e de narración propia dos contextos rurais.

Título do proxectoTitulación involucradaAxentes locaisDescrición das accións
Desfiando prexuízos sobre o rural no sistema escolarGrao en Educación Social, USCAmarelanteA cooperativa Amarelante propuxo ao alumnado analizar en detalle a visión do medio rural promovida na escola. No curso 2021 realizouse unha análise do currículo oculto nos libros de texto sobre o medio rural. No seguinte curso, partindo do coñecemento acadado, o novo alumnado deseñou e aplicou actividades interactivas con alumnado de Secundaria para deconstruír os prexuízos atopados.
Psicoloxía Social aplicada. O rural como alternativa sustentableGrao en Psicoloxía, USCAsociación Avoar Amigas da TerraA través de entrevistas, análises de medios de comunicación e un cuestionario distribuído a público xeral, o alumnado analizou as actitudes cara ao medio rural en xeral e a sustentabilidade neste en particular. No curso 2022-23, outro alumnado elaborará comunicación sobre os resultados dende a perspectiva da Psicoloxía Social.
Plans de comunicación para entidades participantes en Arredor do RuralGrao en Publicidade e Relacións Públicas, UVigoDiferentes entidades participantes en Arredor do RuralO alumnado axuda a diversas entidades que forman parte da Comunidade para comunicar a súa misión e labor para promover a visión dunha actuación e realidade diversa nestes contextos, máis aló do manido turismo rural e do sector primario.
Visita á cooperativa Amarelante, en Manzaneda, no marco do proxecto “Desfiando prexuízos sobre o rural no sistema escolar”.

II. Territorializar a educación: situamos como problema a separación que se está a producir entre a aprendizaxe humana e o territorio que habitamos, distanciamento que acaba promovendo un coñecemento e valores falsamente universais de produtividade e competencia. Traballamos, pois, por un proceso educativo ligado ao territorio, que implique entender a relación dos seres humanos co medio, repensándoas dende un punto de vista sustentable.

Título do proxectoTitulación involucradaAxentes locaisDescrición das accións
Pílulas do laboratorio mutante para a ecoloxía dos saberesGrao en Ciencias da Educación e do Deporte, UVigoOutoníaNo marco da iniciativa ampla do laboratorio mutante, o alumnado realizou vídeos vinculando o seu futuro labor docente coa promoción da sustentabilidade no medio rural, producindo ideas sobre liñas de acción e valores a asumir.
Técnicas de grupo para o desenvolvemento rural integralGrao en Pedagoxía, USCEuroeumeO alumnado levou a cabo técnicas grupais en centros escolares para identificar as necesidades da xuventude na comarca do Eume e así trasladalas a outras instancias políticas que poidan atendelas dende unha perspectiva de desenvolvemento endóxeno integral.
Oportunidades educativas no medio ruralGraos en Mestre/a de Educación Infantil e de Educación Primaria, USCAs Espigadoras O Tempo da Aldea Fousas ao Monte Sachos á RúaConsiste na integración de grupos de alumnado no traballo de cada unha das asociacións citadas para analizar o potencial educativo do seu traballo e deseñar prácticas pedagóxicas. Este traballo continuouse nun segundo ano coa posta en práctica por parte doutro alumnado destas propostas educativas.
O traballo co gando para o manexo do territorio é levado a cabo tanto por O Tempo da Aldea como por Fousas ao Monte. Ofrece gran potencial didáctico para a Educación Primaria.

III. Coidado e custodia do territorio: parte dos proxectos céntranse no esforzo por protexer comunidades e territorios de ameazas ambientais e sociais relacionadas co extractivismo forestal ou enerxético.

Título do proxectoTitulación involucradaAxentes locaisDescrición das accións
Análise financeira da economía social ruralGrao en Administración e Dirección de Empresas, USCOutoníaEstudo da actividade económica e das posibilidades de financiamento para continuar co traballo futuro e aumentar o seu impacto social.
O desenvolvemento endóxeno do rural de montañaGrao en Economía, USCCDR AncaresAnálise das posibilidades de actividades económicas dende un punto de vista endóxeno e de sustentabilidade no territorio.

Ilustración do álbum ilustrado “Unha carta prometedora” vinculado á unidade didáctica “O vento no horizonte das aldeas”, realizada por Arredor do Rural, con especial participación de Minia Míguez, Sara Marcos e Lucía Senra.

IV. Economía social e endóxena: a economía social ten gran relevancia na ideación de formas económicas que non se centren unicamente na produción e poidan dar sobre todo en maneiras de gañar a vida que contribúan ao benestar das comunidades e á sustentabilidade dos territorios. Nos contextos rurais faise máis visible a relación entre as dimensións social, ecolóxica e económica do mundo, polo que resulta de especial interese desenvolver prácticas económicas que teñan en conta os beneficios nas tres.

Título do proxectoTitulación involucradaAxentes locaisDescrición das accións
Traballo na recuperación dun valGrao en Bioloxía, USC e CSICCMVMC de ArañoRecollida, xerminado e coidado de sementes propias do val para, logo do exterminio de especies invasoras, repoboalo con variantes adaptadas ao terreo.
Obradoiros sobre certificación forestalGrao en Enxeñaría Forestal, USCNumerosas CMVMCPreparación de información e formación sobre a certificación forestal para a discusión pública sobre usos sustentables do territorio.
Unidade didáctica sobre o impacto dos macroeólicosGraos en Mestre/a de Educación Infantil e de Educación Primaria, USCMonfero Di NonElaboración dunha unidade didáctica integrada, composta polo álbum ilustrado “Unha carta prometedora” e unha serie de actividades educativas para abranguer o currículo de Educación Infantil a partir da problemática da instalación de macroeólicos nas aldeas.
O da cestaría é un dos oficios tradicionais estudados, que constrúe a relación entre as eiras e o monte, do cal se extraen os materiais, as prácticas culturais arredor da creación, e os usos finais dos obxectos.

V. Cohesión de paisaxe e cultura como chave da sustentabilidade: seguindo na liña anterior, moitos proxectos centran o seu quefacer na formación mutua de paisaxe e sociedade, traballando na recollida de prácticas culturais que estiveron historicamente ou están actualmente nesa interface, como son os oficios tradicionais ou o comercio local.

Título do proxectoTitulación involucradaAxentes locaisDescrición das accións
Comunidades no seu territorio: a paisaxe e a culturaGrao en Enxeñaría Forestal, USC Mestrado de Investigacións na Cultura, USCCMVMC de Leiro Plataforma pola Defensa do MonteEstudo sobre as prácticas tradicionais de manexo do territorio, e as prácticas sociais no monte vinculadas ao patrimonio inmaterial.
O comercio de proximidade como interface entre o rural e o urbanoGrao en Enxeñaría Forestal, USC Mestrado de Investigacións na Cultura, USCAsociación Non é o MesmoEstudo da relación existente entre a demanda e a capacidade de produción de produtos ecolóxicos e a repercusión desta produción noutros usos do territorio.
A memoria dos oficiosMestrado en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, USCAs EspigadorasRecollida de coñecemento sobre os oficios artesanais como forma de produción sustentable e de relación das persoas coa paisaxe. Documentación desta información para elaborar a súa difusión.
Traballo de recuperación da bacía do Sar: análise de información xeográficaGrao en Xeografía e Xestión do Territorio, USCPlataforma pola Recuperación do SarRecollida de información xeográfica diversa para promover a conciencia sobre o estado, valor e perigos que corre a bacía do Sar.

4. Formas de organización

Artellar e soster esta colaboración non pode depender unicamente do xurdimento espontáneo de proxectos, posto que o sistema de ensino (e particularmente o universitario) está con algunha frecuencia bastante pechado en si mesmo. É por isto que o traballo máis importante da coordinación da Comunidade consiste en crear canles de comunicación; de feito, o primeiro paso foi o de realizar dúas conversas nas que participaron 18 persoas de 12 entidades diversas de acción rural, nas que se discutiu sobre as relacións entre sustentabilidade, educación e medio rural, e cuxas conclusións guían o traballo da Comunidade e foron documentadas nun artigo pendente de publicación.

Manter a discusión sobre o propio traballo faise básico para o bo desenvolvemento da Comunidade e as súas actividades; isto operativizámolo a través das Xornadas de Encontro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, nas que profesorado, estudantado e persoas das diversas iniciativas sociais se reúnen para poñer en común as accións e valoralas en conxunto. Estes encontros, dos que a IV edición se celebrará previsiblemente en xuño de 2023, serven tamén como ponte para o desenvolvemento de sinerxías entre disciplinas e ámbitos diferentes, permitindo o xurdimento de novos proxectos.

Outra vía permanente para o establecemento de comunicación e creación de novos proxectos é a páxina web da Comunidade (www.arredordorural.org), desenvolvida pola Asociación Comunidade O Zulo (promotora de software e cultura libres), na que se visibilizan todos os proxectos, se atopan os perfís das persoas implicadas e se ofrece un formulario para que as entidades poidan elaborar propostas e envialas á coordinación da Comunidade para buscar as colaboracións posibles.

Directo de son para a difusión do III Encontro de Arredor do Rural, grazas á Asociación Comunidade O Zulo.

5. Liñas futuras

Unha vez creada a Comunidade a través das prácticas da aprendizaxe-servizo que deron en visibilizar obxectivos e necesidades comúns, Arredor do Rural traballa agora noutras formas de desenvolver saber e acción no seo da colaboración.

Por unha parte, as seguintes Xornadas de Encontro formularanse dende un punto de vista más alá da conexión, pensando tamén na formación mutua sobre temáticas que poden interesar ás diferentes integrantes, sobre todo a través da construcións comúns, profundando sobre a interdependencia, as comunidades enerxéticas, as economías sociais… Ao tempo, búscase a posta en valor dos coñecementos dos diferentes axentes a través da publicación dun libro en coautoría.

Con todo, a vontade principal da Comunidade segue a ser estender a súa acción a outras disciplinas e outros niveis educativos, implicando a Educación Secundaria, que entendemos ofrece especial potencial pola súa maior proximidade ao territorio e maior identificación coa comunidade local, como podemos apreciar en proxectos exemplares como Monte Vivo do IES Félix Muriel (Saco, 2021) ou Aproveitamento de Recursos do Medio Rural do IES Pedregal de Irimia (Outeiro, 2021).

Referencias bibliográficas

  • Abós, P., Boix, R., Domingo, L., Lorenzo, J. e Rubio, P. (2021). El reto de la escuela rural. Hacer visible lo invisible. Graó.
  • García-Romero, D. e Salido-Herba, D. (2022). Diálogos pendentes na crise ecosocial: unha proposta de abordaxe integrando ensinanza e acción rural. Mazarelos. Revista de Historia e Cultura, 7, 54-66.
  • Herrero, Y. (2013). Miradas ecofeministas para transitar a un mundo justo y sostenible. Revista de Economía Crítica, 16, 278-307. https://www.revistaeconomiacritica.org/index.php/rec/article/view/334
  • Outeiro, M. (2021). “Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural”: unha ferramenta educativa máis contra o despoboamento do rural. Revista Galega de Educación, 80, 64-67.
  • Quiroga, F., Ledo, A. e Castro, L. (2017). Artefactos ecosistémicos contra a acumulación e o desposuimento. En F. Quiroga, A. Olmedo e L. Dopazo (coords.), A través das marxes. Entrelazando feminismos, ruralidades e comúns. PEMAN, 81-89.
  • Saco, R. (2021). Comprender e ordenar o territorio desde a biocultura: un proxecto de intervención educativa por un centro e un territorio sustentables. Eduga. Revista Galega do Ensino, 82. http://www.edu.xunta.gal/eduga/2172/plan-proxecta/comprender-ordenar-o-territorio-desde-biocultura

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir