Aquí tamén se fala: unha experiencia de dinamización lingüística en contexto urbano

Texto

O IES Rafael Dieste está situado no que a administración coruñesa coñece como Cidade Escolar e que entra na categoría denominada barrio mixto. O material humano que o nutre procede maioritariamente de enclaves limítrofes como A Agra do Orzán, Os Mariñeiros, Peruleiro, Labañou, Fontán ou Riazor –entre outros–, así como do núcleo do Portiño, que se achega vía transporte escolar.

Designado pola Delegación Provincial como centro “de escolarización preferente de alumnado con trastornos motóricos”, completa a carta de presentación do instituto que parte do alumnado que o integra procede de até 25 estados soberanos diferentes.

Alumnado de 4º da ESO do IES Rafael Dieste do curso 22/2

600 alumnos e alumnas. 25 nacionalidades.

Guaraní, wolof, francés, ruso ou árabe son algunhas das linguas que poden ser ouvidas nos corredores do centro. Esta riqueza obriga o profesorado a unha serie de estratexias pedagóxicas para fomentar a integración das diversas culturas que conformamos o equipo humano desta casa.

Un reto mais, ao tempo, unha outra oportunidade para a docencia de lingua galega pois, nunha nación como a nosa, cimentada sobre a experiencia da emigración, non debese resultar especialmente complicado estabelecer lazos con outras comunidades que replican o periplo de se integrar noutras realidades, e a nosa lingua garda a chave de entrada nun universo rico e fascinante para quen se quixer achegar, descubrir e até alimentar del.

Do outro lado, o centro recolle alumnado urbano que ten –moi maioritariamente– como primeira lingua o castelán e cuxos principais espazos de prestixio ou modelos de ocio son construídos tamén –e de novo moi maioritariamente– en español.

Os preconceptos arredor da lingua entre o alumnado existen porque existen tamén na propia sociedade e son espello desta; porén, moitas das familias proceden de entidades poboacionais galego-falantes.

Cada ano é preciso un traballo de descontaminación dos imagotipos xerados a respecto do código lingüístico, sen ser especialmente significativo –nin moito menos– no noso caso, e como probabelmente deberá ser feito tendo en conta as condicións de minoración que padece o galego hoxe.

Deseñando o plano de acción

Nun marco como o que vimos de retratar, revelouse preciso deseñar unha experiencia de dinamización total. Non apenas entre o alumnado, mais entre as familias e a propia contorna.

A responsabilidade de levar adiante esta empresa recaeu sobre un alumnado de 4º da ESO (case cen mozos e mozas de entre 15 e 18 anos) estimulado polo temario da materia de literatura galega e, debido a dela, o descubrimento dunha Coruña galeguista de comezos do século XX. Fascinio e tamén consternación debido ao freo abrupto que provocou a ditadura fascista sobre aqueles principios ideolóxicos emancipadores e democráticos fundamentados na necesaria reivindicación dunha naturalidade lingüística plena para o conxunto do pobo galego.

Unha análise rápida dos datos que ofrece o mapa sociolingüístico evidenciou que o galego segue sendo a primeira lingua para unha enorme cantidade de galegos e galegas que, no entanto, se desenvolve nun escenario de minoración e, por esta razón, o primeiro foi determinar os espazos sobre os que poder actuarmos. A selección do alumnado foi clara: os negocios da contorna debido a que, neles, se establece comunicación diaria cos veciños e veciñas que poboan os diferentes barrios da cidade.

Metodoloxía: A lingua para quen a fala

A ilusión non coñece utopías, senón estratexias. E o obxectivo era rotundo: rachar cos estereotipos que din que na cidade non se fala galego e, aínda, animar a manter a lingua a quen a usa, e a empregala a quen non o fai.

Para a consecución desta meta –sen dúbida ambiciosa– comezamos coa planificación dunha campaña de dinamización porta por porta na que cada alumno tivese que realizar este labor e demostrar o seu compromiso nun mínimo de tres espazos. Non era suficiente con tentalo, había que conseguilo atinxindo ese chanzo estabelecido de xeito individual.

Elaboramos unha nota informativa para deixar nos comercios e escollemos un slogan que servía como distintivo indicador dun espazo amábel para o uso da lingua: “Aquí tamén se fala”.

A acción tomaba corpo, mais antes de saírmos á rúa, sumamos tamén a forza do Equipo de Dinamización da Lingua Galega no centro, dirixido polo profesor de filosofía Arcadio González Novoa, que se encargou da creación dunha plataforma dixital para subir as imaxes así como dos orzamentos para imprimir o primeiro lote de trescentas brochuras.

Cuns ensaios previos en cada aula, a tarefa delimitouse cun prazo determinado: chegar aos 300 espazos nun tempo máximo dun mes.

Canto ao desenvolvemento da propia angueira de dinamización, podería ser realizada de xeito individual ou en pequenos grupos, mais cada alumna ou alumno asumindo o seu compromiso de garantir os mínimos estabelecidos para coa campaña. A recompensa oficial: 1 punto na materia de lingua galega correspondente ao apartado que a programación recolleu como “participación do alumnado”. A recompensa real: unha escusa da mocidade para se xuntar nas tardes e poder mostrar autonomía e capacidade de integración e traballo no mundo adulto.

Queda aínda por referir a alta porcentaxe de alumnado exento que se sumou á campaña. Para eles non había estímulo ningún en forma de punto. Que aconteceu entón para poder contarmos na experiencia con até un 30% de alumnado non galego e non avaliable na nosa materia?

Como referimos no inicio, o alumnado chegado doutros países ou realidades supón unha oportunidade. Chegan coa vontade de se integrar e sen os preconceptos sociais aos que o alumnado galego xa foi sometido. A lingua galega aparece como oportunidade, tamén laboral –mesmo como requisito para a administración–, e como porta non só ao universo cultural galego, mais lusófono.

Aprender un idioma é sempre un estímulo e unha camiñada venturosa. Por iso, este alumnado foi un dos piares máis destacados sobre os que cimentamos a construción da campaña, porque eles e elas son tamén –e dicímolo convencidos– o futuro da lingua galega.

Unha campaña feliz

O obxectivo marcado superouse en dúas semanas. E en apenas catro ultrapasáronse as expectativas iniciais ao atinxirse os 500 locais adheridos. O éxito da acción fundamentouse en varios polos: o traballo dun alumnado que exerceu a militancia en prol da defensa da lingua e en horas extraescolares visitando loxa por loxa, dunha banda, e a positiva recepción dos responsábeis dos negocios e da veciñanza, pola outra.

Cartaz e nota informativa da campaña #Aquítaménsefalagalego

Aínda, e antes de enviar calquera nota aos medios, a campaña espertou o interese da prensa que vía como os cartaces azuis co cancelo #aquítaménsefala ían enchendo como un berro estampado os escaparates das rúas da cidade da Coruña.

A primeira chamada chegou da man da xornalista Laura Mateo, do xornal dixital Quincemil (El español), mais a esta seguirían entrevistas ou reportaxes da Radio Galega, Xornal da Coruña, La Voz de Galicia, Portal Galego da Língua, La Opinión A Coruña, Consello da Cultura Galega, plataformas de difusión das áreas de dinamización do concello da Coruña, Proxecto Neo, Radio Burela, Radio Picariña, Cuac Fm etc. Xa que logo, o alumnado participou deste xeito da experiencia da conversa cos medios de comunicación escritos, da radio e mesmo perante as cámaras da canle cultural La Voz de la Escuela.

O centro –quer o equipo directivo, quer o PAS, quer o profesorado que o conforma– mostrou todas as facilidades e recoñecemento para o labor do estudantado divulgándoo nas súas canles oficiais, parabenizando o alumnado e exhibindo nos distintos espazos da administración cartaces e notas de prensa sobre a campaña.

A máis desexábel das envexas quixo aínda que, entre iguais, outros alumnos e alumnas do Rafael Dieste quixesen contribuír para a dinamización da lingua creando unha campaña nova: “A banda sonora do curso 22/23”, que pode rastrexarse facilmente na Rede e que se construíu con base na difusión da música galega. Mais ese é, certamente, outro cantar para outra hora.

Exemplo dos negocios participantes do proxecto #Aquítaménsefalagalego

E agora? Perspectivas abertas a partir da experiencia realizada

  1. A acción dinamizadora que referimos contou co saúdo de diferentes personalidades da cultura galega e dunha comunidade educativa que se ofreceu a colaborar. Todo isto abre un abano novo con posibilidades para o proxecto no que estamos actualmente a traballar, tanto desde o Departamento de Lingua Galega como desde o Equipo de Dinamización, sob o intuito de estendelo a outros centros e co desexo de que poida ser imitada ou adaptada alá onde puidese ser considerada útil para a dinamización do idioma.

Na nosa pesa final resta unha experiencia que non mostrou grandes arestas. Poderíamos falar dunha negativa por parte dos comercios, mais non aconteceu, pois non rexistramos impedimentos para exhibir os cartaces en ningún dos locais, excepto cando as razóns foron que non estaba a persoa encargada. E poderiamos tamén referir baixa participación por parte do alumnado, mais tampouco aconteceu.

Precisamente por iso, bares, restaurantes, librarías, gabinetes de psicoloxía, froitarías, talleres mecánicos, salóns de peiteado, tendas de alimentación, bazares, modas, lavandarías, pasantías, farmacias, casas de aluguer de vehículos, asesorías legais e un enorme etcétera até completar os cincocentos espazos da cidade da Coruña, locen hoxe un cartaz que manifesta e determina que alí tamén se fala galego.

Máis galego, máis galegos

A motivación que nos leva a todos e todas os que militamos na defensa da lingua é garantir a felicidade das persoas que reivindicamos poder desenvolver o noso día a día coa forza rotunda da normalidade.

Virados para o que preocupa –o futuro– semella que o curso 22/23 puido ser neste sentido determinante para algúns rapaces e rapazas pois, no ano en que o centro participou da experiencia “21 días co galego” que deseñou a profesora Pilar Ponte e que trouxo ao Rafael Dieste o profesor Arcadio González Novoa, esta acción extramuros terminou de arredondar a determinación dalgúns alumnos e alumnas que cambiaron a percepción a respecto da lingua ou sumaron espazos de uso para ela, tal e como así o contaron nalgunhas das manifestacións á prensa cando tiveron oportunidade.

Queda moito por facer. Moita campaña por idear. Moita política lingüística por mudar. Se a nosa experiencia pode resultar útil a alguén, fique aquí –nesta exposición escrita– aberta a nosa porta a toda colaboración.

Porque si: Aquí tamén se fala galego.

Ligazóns. Algunhas referencias nos medios:

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir