Aprendizaxes arredor da COVID 19

Texto

Colleunos a todos nas patacas. En primeiro lugar á Administración Pública, que inclúe a Xunta de Galicia e a Consellería de Educación, con obriga de ir por diante e con mecanismos de previsión, de planificación e de organización; pero tamén ao conxunto da sociedade.

É a nosa obriga facer valoración das actuacións da Consellería de Educación. Sen un balance detallado, que haberá que facer, si podemos dicir a fin de abril con case 50 días de confinamento, que estamos ante unha actuación por completo deficitaria: nos modos de comunicación; na concertación e acordos continuos cos axentes sociais en canto ás liñas de acción e de resposta ante todo o non previsto; na planificación de orientacións pedagóxicas, con feed-back efectivo e sobre a marcha, tendo presente as necesidades de cada quen e o dereito á educación de todas e todos; na atención ás demandas das nais e pais a través das súas asociacións; na creación e distribución de recursos técnicos e didácticos; no apoio ás iniciativas que foron nacendo arredor da educación da infancia e da adolescencia; na capacidade de resposta ao desafío tecnolóxico; entre outras cuestións.

A eliminación do día a día nas aulas e nos centros, só en parte substituída polo contacto telefónico e telemático ante a reclusión do alumnado, puxo riba da mesa o valor insubstituíble da escola, comunidade educadora, na que se aprende, se convive, se regulan conflitos entre pares e entre persoas adultas e mozas, e onde todas aprendemos o que é a vida en común, coas súas esixencias, deberes e dereitos, e onde podemos ir construíndo o futuro social que queremos.

Puxo en manifesto notables problemas, carencias e dificultades; en particular: carencias e dificultades maiores para aquel alumnado con menos oportunidades socio-culturais, con NEAE, con familias que teñen máis distancia co mundo escolar e cultural; no caso profesorado descoidado/non preparado/non afeito a instrumentar procesos didácticos coa intervención relativamente forte de medios telemáticos; ou en situación de formación máis singulares.

Puxo de relevo as debilidades da visión burocrático-administrativa que enchoupa de forma dominante o que significa a educación das novas xeracións (currículos sobrecargados, o facer ‘actividades’ ocupa-tempo sen horizonte de formación efectiva para o alumnado); con dificultade de reacción agora para pensar e integrar novas e creativas formas de educación. Tamén incidiu na cegueira da Consellería ao deixar descansar a organización didáctica e dos recursos nos equipos técnicos, en parte transnacionais e sen corazón galego, de casas editoriais (sempre ‘pagadas’) para servirnos paquetes didácticos precociñados… e de ‘grandes superficies’, sen atender, por tanto e entre outros aspectos, á idiosincrasia socio-cultural dos centros educativos.

E por que non dicilo: o inoportuno da división social que comporta a forte presenza de centros privados, que creban o que debera ser un dominante espazo público de formación e de desenvolvemento, que deberá ser fortalecido, se pensamos que isto de agora pode ser un pre-anuncio de desordes encausados pola crise climática que nos obriga a re-pensar e a re-organizar tantos aspectos da vida colectiva.

Debemos ter conta dalgunhas aprendizaxes deste tempo para os próximos meses, e para iso propoñemos xerar desde a Consellería de Educación un motor-instancia de reflexión, de elaboración e de proposición, inclusivo, con participación e aberto, prescindindo, pois, de actuacións arriba-abaixo, desde onde:

  • Facer un amplo diagnóstico dos problemas, dificultades e carencias de organización da educación que deu de si este tempo, para atallar problemas que poidan volver en tempo breve, mediante coordinación e axeitados grupos de traballo.
  • Construír unha boa e ampla base de ‘boas prácticas’ levadas a cabo en todos e cada un dos dominios e desde aí re-planificar curricular e organizativamente o curso 2020-21, tendo conta onde ‘houbo que parar’ neste curso, e coa consciencia de que non é só unha operación de ‘empatar’, senón que é máis complexa.
  • Abrir, con menor inmediatez, un consistente espazo de diálogo sobre a educación e o sistema educativo que precisamos, en tempo propicio por estar a debate unha nova proposta de lei xeral de educación, e porque Galicia, nós, precisamos trazar a educación das nosas novas xeracións. Que nos permita re-pensar programas, espazos, tempos e recursos. Isto mesmo vai servir para potenciar os bos recursos que elaboramos e para seguir xerando o cerebro colectivo que precisamos. Seremos, 100 anos despois, unha nova Xeración Nós, desta volta ampliada. Sempre laboriosa e cultivada.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir