Aprender na realidade

Texto

As familias temos unha rotunda prioridade na educación das nosas fillas e fillos: preparalas para o mundo real que lles corresponda vivir, que sexan quen de entendelo, participar nel, aproveitar as súas vantaxes e poder enfrontarse aos seus retos e dificultades. Esta prioridade é eterna, todas as nais e pais da historia procuramos pór ao dispor das nosas crianzas todo canto sabemos e coñecemos, para que ese coñecemento sexa o primeiro chanzo da súa propia andaina vital.

Pero aínda que sempre foi así, non sempre foi do mesmo xeito. A historia tivo durante moitos milenios un deambular repetitivo en si propia, non en canto á súa propia esencia metafísica, que diso non falo neste pequeno artigo, senón na máis ordinaria maneira de entender como se vive, como se actúa, ou como se organiza o conxunto social. Ao mesmo tempo íase incorporando, xa dende o primeiro paso, o interese pola interpretación da realidade, ademais da valoración dun coñecemento científico que permitira albiscar por que roteiros había cambiar esa realidade interpretada; mais o peso dese futuro era moi pequeno no conxunto do coñecemento transmitido. Ata non hai moito, o que se cedía ás novas xeracións era máis empírico que teórico, a vida que creabamos sería unha repetición case que idéntica da que viviramos.

E a educación respondía a esa necesidade, o que se entregaba ao alumnado eran os coñecementos mil veces contrastados, as versións éticas que se daban por estábeis, a consideración dun modelo social que respondía a un pacto que semellaba eterno, e unha serie de valores e sabedorías que tiñan o selo da permanencia: o coñecemento case que non se entregaba en propiedade, só en usufruto, para que se continuase transmitindo igualmente, tal era a certeza da súa inmutabilidade.

Pero todo o dito ata aquí non foi certo nin no primeiro momento: o cambio de pensamento e de saberes foi sempre acumulativo, as xeracións de despois sempre souberon máis que as xeracións de antes, porque aprendían por riba do sabido polas vellas, así vén sendo dende sempre; o que ocorre é que a importancia relativa do novo e do coñecido foise modificando a través do tempo, e xa hai décadas que sabemos que o mundo das nosas fillas vai ser moi diferente do que foi o noso, que mesmo é bastante probábel que as verdades certas do noso mundo sexan inservíbeis no mundo futuro, e que é na propia variabilidade de foco e óptica onde podemos fixar a seguranza que precisarán as nosas descendencias.

Educar é cada vez menos transmitir conceptos que están en todas partes ao acceso de calquera, e cada vez máis facilitar a formación de conciencias e criterios, tentar que sexan quen de aceptar os mundos certos que lles aparezan durante a súa existencia, que entendan en si propias a esencia do cambio e as súas consecuencias, tanto as inevitábeis como as que permitan ser axustadas, e que manteñan unha mente aberta e receptiva a tantas outras maneiras de ser, existir, pensar e actuar como van ter ocasión de atopar nunha existencia de horizontes moito máis abertos do que foron os nosos.

Enfrontámonos a un mundo onde hai unha fortísima tensión entre a realidade permanentemente móbil, e a pretensión de inmobilismo dun amplo sector social. Pero lembremos que o inmobilismo, que sempre se reviste de tradición e respecto aos maiores, que son cousas diferentes, o único que pretende realmente é consolidar un sistema de privilexios que ve perigar e desaparecer. O cambio constante, o que chamamos evolución, sempre move os marcos da autoridade e do poder, e iso molesta sempre ás que a exercen e o posúen.

Agora mesmo, e xa non vou repetir a obvia crítica a un sistema educativo que é máis decimonónico que útil na súa pretensión formativa, o que importa é formar persoas que posúan a máxima capacidade de adaptación a un mundo que non só cambia –iso fíxoo sempre- senón que cambia á vista de todas. Adaptarse a outra sociedade, outros personaxes, outra idea de familia e de estabilidade, outras realidades físicas, outra conectividade, e outra perspectiva de futuro e de presente, é o reto cotián ao que hai que aproximarse. Hai que formar xente que saiba responder ao que ten que vivir, e iso dificilmente se consegue repetindo currículos, libros de texto, exercicios e modelos que xa se usaron cando eran útiles, pero que perderon boa parte desa utilidade polo simple paso do tempo.

Refírome ao meu anterior artigo nesta revista cando digo que esa pretensión non é unha aperta sen condicións a canta modernidade chegue. Entre outras cousas, porque a modernidade ten unha compoñente efémera que hai que descontar, cómpre sempre que as propostas novas cheguen a ter un pouso que acredite a súa posíbel permanencia, porque de certo moita da modernidade morre, e morreu sempre, consómese porque non ten a esencia necesaria. Por iso, as familias non queremos tanto que as nosas fillas e fillos estean “á última” do coñecemento teórico e tecnolóxico, como que estean “á última” en canto a capacidade crítica, comprensión, aceptación e aproveitamento da diversidade, que sexan quen de facer validación permanente da súa posición vital para que poidan adaptarse ao que vaia aparecendo, ao que se pense de novo, e que se instale nelas unha aprendizaxe humilde e vitalicia, porque o único problema de que o mundo cambie é non ter os medios para incorporarse a eses cambios, e aproveitalos.

E, aínda que falei arreo do cambio permanente, hai algún valor que semella transcender ao longo dos milenios, e nese senso quixera defender que as xeracións novas sexan, como dicían as nosas avoas, “boa xente”, que vén sendo xuntar en dúas palabras todos eses referentes que a actualidade debulla en conceptos máis complexos como a inclusión, a empatía, o respecto, a igualdade, a participación ou a diversidade.

E para sermos boa xente, que é un concepto aparentemente sinxelo pero que está a se revisar de acotío, curiosamente fai falta saber moito, viaxar moito co intelecto, coñecer moito as demais, entender que este mundo amplo temos que defendelo entre todas para poder gozalo entre todas, e aceptar rotundamente que todo o que saibamos e aprendamos ten que estar ao servizo da necesidade global de construír en conxunto, porque esa será a defensa das nosas fillas contra as dificultades do mundo que vén: entender que a súa seguranza está sempre en permanecer ao carón das demais persoas coas que conviva, defendelas e ser defendidas.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir