ANPAS, esa xente

Texto

Levo dez anos enleado na dirección da Confederación ANPAS GALEGAS, dende o seu nacemento aló en 2013, pero tamén un tanto antes, dende que comezamos a concibila un grupo de persoas que pensamos que este País precisaba unhas asociacións de nais e pais cun discurso de compromiso para o Ensino Público Galego. Xa non era novo no obradoiro, levaba anos presidindo unha Federación, e aínda un tempiño máis presidindo unha Anpa de primaria, que logo foi outra de secundaria, outra nun conservatorio… O caso é que algo levo vivido nas ANPAS, iso non me fai ser infalíbel, certo, pero dáme unha visión que querería poñer ao servizo de todas.

Sorprendeume sempre, dende o primeiro momento, a simplicidade da idea que a sociedade ten das ANPAS, xa non digo dentro da comunidade educativa, que tamén, senón no propio imaxinario das nais e pais que se van achegando ao ensino público. E penso que realmente non é máis que outra das consecuencias da menor consideración que a vida do fogar tivo sempre na sociedade. Tamén podería dicir que é outra das eivas que nos trouxo o patriarcado, pois queda dito.

No modelo de familia do franquismo, que á fin é no que continúan querendo que vivamos, o fogar era un espazo que se presumía estruturado dende o punto de vista material: limpeza, alimentación, coidado na enfermidade ou educación na submisión aos canons establecidos. Era algo así como unha pensión de calidade onde ademais che deran algo de cariño; pero dende logo na casa non che habían dar alimento intelectual, espiritual si, que o catolicismo tamén entrara neses muros para contaminalos, como fai con todo o que toca, pero diso, se acaso, falamos tamén outro día.

Esa falta de alimento intelectual, que se suplía na escola e na participación nos diferentes foros da vida adulta -se eras un home- ou non se consideraba necesaria -se eras unha muller-, delimitaba o alcance do fogar a unha contorna moi reducida, un espazo no que vivías a felicidade da infancia, e do que xa logo, de xeito natural, marchabas a máis elevados destinos se tiñas certa condición económica e algo de facilidade académica (se a condición económica era moi grande, a facilidade académica tampouco era imprescindíbel, como agora mesmo). E se non tiñas esas facilidades, reproducías outra casa igual, e o mundo seguía xirando.

Esta consideración “menor” do fogar impregnou totalmente o mundo feminino, porque era o que se lle deu como propio, malia non o pedir. Todo o que facían as mulleres era imprescindíbel, pero non era “importante”; e con semellante despropósito, aquela sociedade torpe meteu no mesmo saco a infancia, a educación inicial, a crianza, o coidado, o cariño necesario, e, por suposto, a relación coa escola… e as ANPAS.

A fin de contas, que era unha Anpa?, tan só un conxunto de nais que ían á escola reproducir os comportamentos “menores” que tamén facían na casa; eran mulleres preocupadas pola alimentación, a saúde, a calefacción…, mulleres que facían os disfraces que habían levar os cativos no entroido ou no festival de fin de curso, ou os biscoitos do día do aniversario. Pero o traballo de verdade, o de pensar, estaba fóra do fogar, nas rúas e nos cenáculos de importancia, nos xuntoiros do poder grande e pequeno. Nas ANPAS daquela non había homes, malia chamárense APAS, porque as nais onde non estaban era nos nomes das cousas.

Todo iso foi sempre unha inmensa mentira como ben sabemos -de certo sabémolo?- hoxe. Aquelas nais cociñeiras e costureiras foron tamén nais educadoras; aquelas mulleres coidadoras eran tamén persoas feitas que sabían ben o que facían e o porqué de facelo. Poucas persoas adultas hai, homes ou mulleres, que non teñamos no noso corazón un lugar senlleiro para aquela nai que foi o soporte vital imprescindíbel no crecemento e a formación, que certamente facía o bocadillo da merenda, revisaba contigo os deberes, ou explicaba con coidado o que non comprendías ata espremer o límite dos seus propios coñecementos. Quede aquí a miña rendida homenaxe ás sufridoras dun mundo inxusto que roubou valor a quen máis valor tiña, que lles roubou futuro a quen tería podido crear un espazo mellor do que temos.

Volvendo ás ANPAS, o certo é que partimos daquela visión, e, aínda non sei moi ben como, continuamos en moitos casos no mesmo lugar. Hai xa moitos anos que aquelas mulleres non son a norma, nin a pretensión da sociedade, e que xa estamos aquí moitos homes que sabemos que non nos corresponde decidir en solitario; xa hai moito tempo que calquera nai ou pai dun centro de ensino ten a preparación académica, e por suposto a suficiente seguridade intelectual para falar de ti a ti co profesorado, coa administración ou co resto das familias do centro; e aínda así, o tópico continúa.

Pero nisto quizais pase tamén como ocorre nas casas, onde as mulleres conseguiron, en moitas ocasións, librarse do rol convencional para descubrir que ninguén o asumía en troques. Porque cando algo non funciona, non abonda cun cambio parcial, precísase unha remuda absoluta. Que por moito que queiramos modernizarnos, segue a ser necesario lavar a roupa e pasarlle o ferro.

E quizais nos colexios pase algo similar, as familias mudamos, as mulleres xa hai moito tempo que non son aquelas nais cociñeiras e costureiras, os homes, algúns e cada vez máis, sumámonos ao traballo de atención, coidado e cariño das nosas crianzas; e todas demos un paso á fronte na consideración da necesidade de participar na vida educativa das nosas fillas e fillos, na súa etapa escolar, na privada, na familiar, e onde faga falta, tamén, se é necesario, facéndolles un disfrace ou organizando unha festa.

Porque as familias entendemos que todo é vida, todo é coidado e en todo é necesario que esteamos, entendemos que para ben medrar, unha crianza precisa o cariño da nai e do pai, a atención da mestra e do mestre, e o coidado da sociedade ao completo; e para que iso se produza temos que acompañala en todos os momentos e todas as circunstancias nas que viva, e facelo á par, xuntas e de acordo, para que o acubillo que lle prestemos sexa completo.

As ANPAS, que semella que me desvío, non somos unha cousa menor que fai festas e actividades, somos as familias participando da vida educativa formal das nosas fillas e fillos, defendéndoas a elas e a súa contorna, porque sabemos que non hai lugar seguro para unha persoa, a seguridade vén do grupo e da defensa mutua, da compaña e a mirada atenta.

As ANPAS xa levamos tempo estando onde sempre quixemos estar, e será que o resto da comunidade educativa aínda non se decatou de que, como aqueles homes de outrora, ten que variar a súa posición porque está a estorbar a imprescindíbel participación de todas na crianza, na educación, no coidado, na atención e no cariño que temos que lle transmitir á xuventude que vén tras de nós?

Ou é que alguén pensa que se pode traballar a educación emocional da xuventude sen que as súas nais e pais esteamos presentes e participando?

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir