Andar cos tempos. Un convite a revisar a transmisión do baile tradicional galego con perspectiva de xénero

Resumo

O presente artigo relata a motivación e o proceso de reflexión e análise arredor dos estereotipos de xénero que se poden observar na transmisión do baile tradicional galego e que dou lugar ao proxecto "Andar cos Tempos", así como as accións encamiñadas a favorecer unha transmisión coeducativa deste elemento patrimonial que se desenvolven desde o mesmo.

Palabras Clave

Texto

Da experiencia vital ao proxecto Andar cos tempos

Os ditos populares son unha das vías a través das que tradicionalmente se transmitiron valores e saberes culturais herdados das anteriores xeracións. Así, configuran unha das ferramentas educativas coas que as nosas persoas maiores nos guiaron nas diferentes etapas vitais, segundo a súa experiencia propia e colectiva. Mensaxes de empatía a través de refráns como “non lle fagas a ninguén o que non che gustaría que che fixesen a ti” ou de integración e solidariedade como “aquí ou xogamos todas ou rompemos a baralla”, cos que nos ían ensinando a vivir, recollendo nunhas poucas e certeiras palabras, todo o saber colectivo depositado na nosa oralidade.

Un deses ditos referenciais para nós é “andar cos tempos”, transmitido decotío polas nosas avoas, Dorinda e Luísa, quen, ademais de o apuntar oportunamente, tamén aplicaban con atino no seu camiñar vital. “Andar cos tempos” vén querendo dicir que debemos ser conscientes dos cambios que se desenvolven arredor de nós, sendo quen de nos adaptar a eles se os consideramos axeitados, valorando se nos enriquecen cultural, persoal ou socialmente.

Criadas na fortuna de termos recibido as aprendizaxes das anteriores xeracións e nos valores de xustiza e de coidados transmitidos polas nosas avoas, as autoras deste artigo acabamos por nos desenvolver profesionalmente no ámbito da educación non formal, onde aproveitamos para explorar as potencialidades educativas do patrimonio cultural inmaterial (PCI en diante) e o seu uso como recurso didáctico é unha constante na nosa labor.

Desafortunadamente, non tivemos a oportunidade de coñecer a música e baile tradicionais por transmisión natural, senón a través das agrupacións folclóricas que, para a nosa alegría, había nas nosas vilas natais e ás que, sendo ben pequeniñas, nos achegaron as nosas familias. Nelas puidemos descubrir a riqueza e bondades destes bens patrimoniais, que xa pasaron a formar parte de nós e a se converter nun piar das nosas vidas.

As orixes do proxecto Andar cos tempos

As nosas inquedanzas leváronos a realizar traballos de campo neste eido acudindo a informantes da última xeración que recibiu estes elementos patrimoniais por transmisión natural. No decorrer dos anos, acabamos por nos converter tamén en mestras de baile tradicional creando un tipo de escola na que non se procurase un obxectivo escénico- -a diferencia das folclóricas ás que fomos de pequenas-, senón desenvolver unha metodoloxía coa que fornecer o coñecemento dos movementos, códigos e dinámicas do baile tradicional a toda aquela persoa interesada en aplicalo no seu tempo de lecer. O noso obxectivo era pois revitalizar o baile como ferramenta de socialización e de diversión válida na actualidade, recollendo o que considerabamos fundamental da mensaxe transmitida polas nosas maiores.

Desde os valores e saberes transmitidos polas nosas avoas e as aprendizaxes adquiridas nas recollidas de campo, comezamos a atoparnos con contradicións no noso quefacer diario como mestras, como bailadoras e como persoas concienciadas na igualdade de xénero. Así, fómonos decatando de que no momento de bailar ou de ensinar a bailar, estabamos a reproducir e a transmitir roles que noutros contextos das nosas vidas considerabamos sexistas.

Isto levounos a ir na procura de respostas a ditas contradicións que nos axudasen a atopar solucións. Decidimos comezar a analizar, con perspectiva de xénero, aqueles estereotipos transmitidos que afondaban na desigualdade entre homes e mulleres no baile tradicional. Preguntámonos cal era a xustificación para que non fosen válidos noutros contextos das nosas vidas, mais si naquilo que levase o apelativo de tradicional, reproducíndoos sen cuestionamentos.

Obradoiro de baile “Bailar a canda os tempos” na Coruña.

A primeira fase desta análise foi identificar os estereotipos sexistas, así como a mensaxe subxacente que levan implícita, que se acostuman transmitir tanto nas representacións escénicas coma nos espazos de transmisión regrada e que, na maior parte dos casos -como foi o noso-, se dá a través das agrupacións folclóricas.

Entre os detectados, atopámonos por exemplo con que se transmite un xeito de bailar ‘masculino’ e outro ‘feminino’. O rol masculino caracterízase por unha actitude vigorosa e recta, executando os movementos con moita forza, brincando enerxicamente e colocando os brazos ben erguidos. O rol feminino, polo contrario, caracterízase por unha actitude sensual, executando os movementos de maneira máis suave, doce e recatada, colocando os brazos máis baixos e movendo máis as cadeiras1.

Cando comezamos a compartir coa comunidade bailadora coetánea estas contradicións buscando a xustificación de seguir a reproducir estes estereotipos, a resposta que sempre se nos daba era “así é o noso baile tradicional, e para que siga sendo tradicional temos que transmitilo tal cal, aínda que sexa machista”.

A transmisión destes estereotipos estaba completamente normalizada baixo o dogma que etiquetaba o tradicional como algo estático e inmutable. Isto levounos a preguntarnos: que é a tradición?. Logo de ler, escoitar e debater moito, chegamos á conclusión de que a tradición non é regresar a un momento concreto do pasado que debemos reproducir coma se dunha fotografía se tratase, senón que a tradición é o que queda do pasado no presente, a transmisión de xeración en xeración da experiencia e innovación dunha comunidade, posta a proba e cribada por centos de miles de persoas ao longo do tempo e onde só permanece o que realmente enriquece culturalmente ou é válido para a colectividade. Entendemos que a tradición é viva, dinámica e atemporal; que a tradición, por si mesma, anda cos tempos.

O desenvolvemento de Andar cos tempos

A seguinte fase do noso proceso foi plasmalo mediante diferentes accións con vontade didáctica para compartilo coa comunidade. Neste sentido, partimos do deseño, elaboración e instalación dunha presentación expositiva na que interpelabamos á experiencia vital do público, convidándoo á reflexión, formulando preguntas e ofrecendo rexistros audiovisuais e materiais artesanais nos que poder atopar respostas. Deste xeito, quen visitase a exposición facíao de maneira activa, confrontando os propios estereotipos e podendo atopar argumentacións para os desbotar. A mostra estivo exposta nos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, no Museo do Pobo Galego e nos concellos da Coruña e de Ribadeo, poñendo por primeira vez enriba da mesa esta percepción e dando lugar a moitos debates e reflexións, tal como se procuraba.

Deste xeito, cando se definen os movementos por xénero, estase a afondar no concepto machista de masculinidade e de feminidade. Asóciase así o masculino á forza, ao apoderamento e ao protagonismo; e pola contra, o feminino á dozura, á debilidade e á submisión. Á vez, estase a anular a diversidade e liberdade de expresión individual das persoas, como tamén afondando na división binaria ‘home/muller’, discriminando outras identidades de xénero posíbeis.
Poderíase pensar que tampouco ten tanta importancia se facemos diferenciación por sexo de canto saltar, mover a cadeira ou da altura á que colocar os brazos á hora de bailar, mais no fondo estamos adquirindo papeis asignados a cada rol de xénero e reforzando, sutil e transversalmente, a idea de como ser home ou muller no momento do baile. Unha idea que segue o modelo definido noutros ámbitos de socialización do sistema patriarcal.

As persoas vinculadas ao baile e música tradicionais comezaron a se sensibilizar con este tema e a demandar argumentacións para os debates que se ían xerando, polo que decidimos poñernos a investigar para coñecer a orixe e razón da transmisión destes estereotipos. Con toda a labor de documentación e de análise realizada, deseñamos un faladoiro teórico-práctico a través do que lle achegar os contidos á comunidade, mais botando man de dinámicas que axudasen a confrontar vivencialmente os estereotipos e achegando argumentacións para que cada quen puidese chegar ás súas conclusións. Presentándoo deste xeito, buscamos conseguir que a aprendizaxe sexa significativa e favorecer que se produza un efecto multiplicador.

Parte do colectivo de ensinantes de baile tamén comezou a sensibilizarse, pero declarábanse con moitas dificultades para saber como impartir as súas aulas sen reproducir estereotipos sexistas. Co obxectivo de tratar de atallar isto, deseñamos un obradoiro práctico no que, a través de diferentes dinámicas, tentamos propiciar a reflexión desde o experiencial para, a continuación, achegarlle ferramentas metodolóxicas coas que conseguir ensinar baile sen carga sexista.

A partir destas experiencias, detectamos tamén que o alumnado e a comunidade foliadeira comezou a sentir a necesidade de ter unhas indicacións de como participar do baile tradicional coidando de non padecer ou promover desigualdades por razón de xénero. Coa colaboración da asociación cultural A Gentalha do Pichel e Sechu Sende, creamos a campaña “Um lote de dicas para bailar em igualdade”2, un total de 33 recomendacións sobre como non reproducir, apoiar ou ser conivente con comportamentos sexistas e de poder no baile, a cal puxemos a libre disposición na rede para a súa máxima difusión.

Campaña “Um lote de dicas para bailar em igualdade”

Neste camiño, tamén nos atopamos con profesorado da educación formal que nos expuxo as grandes dificultades coas que se atopaban neste eido. Nos currículos das materias que imparten contémplase, convenientemente, a transmisión de elementos do noso PCI, nomeadamente a música e baile tradicionais. Incorporar aos currículos escolares a transmisión do baile tradicional permite poder traballar a partir del competencias curriculares ou obxectivos educativos como a educación física, artística ou matemática, exercitar as funcións cognitivas, fomentar a socialización e a autonomía ou propiciar o diálogo interxeracional. Todo isto partindo da transmisión dun saber colectivo, desde a diversión e a participación, cuestións que consideramos clave para xerar unha aprendizaxe significativa.

Mais o problema co que se atopaban era a falta de atención que desde a facultade e outros espazos de formación relacionados co ámbito se daba cara este recurso, eiva que trataban de cubrir apoiándose na bibliografía afortunadamente publicada que fornece propostas neste sentido. Os traballos bibliográficos existentes dirixidos á transmisión do baile ao público, principalmente infantil, teñen unha inmensa calidade e potencial didáctico, mais desafortunadamente, moitos deles tamén conteñen unha grande carga sexista.

Para atender a esta demanda, fixemos unha análise con perspectiva de xénero da bibliografía existente e creamos un grupo de traballo con profesorado de infantil e primaria do CPI Antonio Orza Couto de Codeso, Boqueixón. Nas sesións desta experiencia piloto, achegamos recursos ao profesorado para poder aplicar o baile tradicional nas aulas, aprendendo os elementos base das danzas e bailes tradicionais que transmitir ao alumnado mais sen códigos sexistas. Brindamos fontes de información sobre o PCI, proporcionándolles ferramentas para poder realizar unha lectura crítica dos recursos bibliográficos, podendo así liberalos da carga sexista que puideran conter. O obxectivo era que botasen man desa valiosa bibliografía mais aplicando unha metodoloxía coeducativa.

En todas as nosas propostas, tentamos aplicar unha metodoloxía eminentemente vivencial, práctica e participativa, con contidos baseados en experiencias reais, fomentando unha aprendizaxe por descubrimento guiada e autónoma, onde as persoas participantes se sintan protagonistas activas do seu proceso de aprendizaxe, o que, consideramos, fai que resulte significativo. Bebemos do sistema aplicado polas nosas avoas en nos guiar no noso medrar, apuntando os seus sabios ditos xusto no momento en que nos vían preparadas para recibir a súa mensaxe instrutiva.

Conclusións

Todas as accións que desenvolvemos desde o proxecto Andar cos tempos buscan convidar á reflexión e ao debate para concienciar sobre a importancia e necesidade de transmitir o noso PCI, mais construíndo a maneira de facelo, colaborativa e colectivamente, canda os nosos tempos. Tempos nos que non lle queremos dar cabida a discriminacións de ningún tipo.

Nós tivemos a fortuna de ser criadas por un tesouro de avoas que tiñamos nas nosas casas e que traían no peto do mandil un amplo abano de saberes populares e de experiencias vitais coas que nos aconsellar e educar, así como tamén lles pasara a elas. Mais xa non tivemos a mesma sorte coa música e o baile tradicionais. Hoxe en día, rara vez conviven tres xeracións nunha casa e os momentos de transmisión destes saberes son escasos ou inexistentes. Por isto, debemos buscar novas canles na familia, na escola, no tempo de lecer… para continuar a transmitir o noso PCI, que sempre foi e segue a ser unha ferramenta educativa coa que transmitir os bens e valores dunha cultura. Así mesmo, non debemos esquecer o sabio consello recollido no dito Andar cos tempos e aplicalo tamén nesta transmisión; é dicir, ser quen de ver o que a anterior xeración nos transmitiu, preguntarnos se realmente recollemos a súa experiencia e as innovacións que achegou e cal é o legado que queremos deixar. Correspóndenos buscar a maneira de seguir coa cadea e achegar a quen vén detrás este valioso ben patrimonial, mais libre de cargas sexistas doutros tempos, que xa non son os nosos nin queremos que sexan os das nosas herdeiras.

Notas ao pé

  1. Para poder afondar na análise realizada dos estereotipos de xénero e a súa transmisión consultar o artigo na revista “Adra” n.º 16.
  2. Ubicación da campaña na rede para a súa consulta e difusión.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir