Análise do corrículo oculto sobre o medio rural en libros de texto en Galicia

Resumo

O medio rural aumentou nas última década a súa presenza no discurso público, mais esta atención faise dende perspectivas diversas e en pugna. Neste contexto de diversidade, cabe preguntar cal é a imaxe e discurso sobre este medio que se está a promover no sistema escolar. Dirixíndonos a tal fin, neste traballo presentamos unha análise crítica do currículo oculto sobre o rural nos libros de texto elaborada por educadoras/es en formación nunha experiencia de aprendizaxe-servizo.

El medio rural ha ampliado en la última décadas su presencia en el discurso público, pero ello ha sucedido desde perspectivas diversas y en pugna. En este contexto de diversidad, cabe preguntar cuál es la imagen y discurso sobre este medio que se está promoviendo en el sistema escolar. Para tal fin, en este trabajo presentamos un análisis crítico del currículo oculto de los libros de texto sobre el medio rural elaborado por educadoras/es en formación mediante el aprendizaje-servicio.

In the last decade, rural environment has amplified its presence in public discourse, but in a diverse and tensive manner. In this context of diversity, it is fair to ask which is the image and discourse that school is fostering about rural environment. For that aim, this work presents a critic analysis of the hidden curriculum about rural area in textbooks, that has been elaborated by will-be educators through a service-learning experience.

Texto

Nota inicial: Ademáis das persoas firmantes, este traballo está elaborado por:

Natalia Abal Mille; María Álvarez Dios; Inés Bermúdez Testa; Mariña Caamaño Rico; Marta Álvarez Vidal; Andrea Arrieta Pérez; Mariña Violeta Barba Iglesias; Lucía Basanta Trillo; Yolanda Fernández Troncoso; María Freire Fernández; Lía Germade Fuentes; Alba Gil Bermúdez; Miriam González Alvite; Tamara Granja Sánchez; Noa Groba Bargiela; Candela Hornet de Sousa; Carmen Juncal Lorenzo; Camila López; Nerea López Barreiro; Minerva Lorenzo Góñez; Arian Louro Calvo; Vanesa Martínez Gil; Antonio Pedro López Oliver; Maite Pellegrino; Alicia Pérez Lago; Paula Pérez Martí; Xiana Rolán González; Cynthia Romero Castro; Laura Romero Tubío

Introdución  

Na última década o medio rural foi pasando a ocupar un espazo máis central no debate público. En ocasións, dende unha protesta social con voz endóxena, mais outras veces por parte de quen quere aproveitar o fío de atención e un nicho de mercado ou voto.

Os mundos rurais teñen unha ampla historia de invisibilización e estigmatización (Saco Álvarez, 2010), sendo reducidos ao sector primario e considerados atrasados. Ao mesmo tempo, a distancia cos centros de poder e a baixa representatividade nas institucións de coñecemento e goberno, sitúan as aldeas nunha periferia do sistema da que non se escoita a voz e, por conseguinte, o rural está definido dende fóra, a miúdo por aquilo do que carece dende a perspectiva das necesidades do mundo urbano.

A industria cultural ten unha clara relevancia neste asunto, mais tamén debemos ter en conta a relevancia do sistema educativo na creación destes imaxinarios que, dende unha perspectiva xeralmente situada na hexemonía, constrúen as persoas habitantes do medio rural como “un outro”.

Este traballo pretende iniciar unha análise sobre como o currículo oculto debuxa o imaxinario das aldeas e as súas habitantes. Para facelo, seguimos a estela do traballo de Verdegaia (2010) na análise de libros de texto, no seu caso, sobre conceptos antiecolóxicos; no noso, sobre o relativo a urbano e rural.

Para isto, no marco da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural (www.arredordorural.org), confórmase un traballo conxunto entre integrantes da cooperativa Amarelante, estudantado do Grao de Educación Social e o seu profesorado na materia Educación e Sociedade en Galicia. Seguindo unha metodoloxía de Aprendizaxe-Servizo, configúrase unha metodoloxía na que o estudantado é protagonista do proceso.

Método do estudo 

Este traballo elabora unha análise crítica sobre a imaxe presentada nos libros de texto sobre o medio rural e o medio urbano, para propoñer liñas de actuación de deconstrución do currículo.  

Combínase a investigación xunto coa metodoloxía ApS, posto que involucra o estudantado nun proceso que combina formación con participación social. Como fundamental na experiencia de aprendizaxe-servizo atopamos tamén a colaboración cunha entidade externa á educativa, neste caso Amarelante, que permite que os referentes de coñecemento do alumnado non sexan unicamente académicos e que resoen coas necesidades inmediatas da realidade social.

O estudo consiste nunha investigación cualitativa que implica a análise de contido (Flick et al, 2004), na que participan 29 estudantes do Grao de Educación Social, 2 persoas membros da cooperativa Amarelante e 3 docentes da Universidade de Santiago de Compostela. 

A mostra de libros de texto a analizar constituíuse dos libros de Ciencias sociais e Ciencias naturais do segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria que se puideron atopar no catálogo da Biblioteca da USC, incluíndo as seguintes editoriais: Xerme, Anaya, Edelvives e Obradoiro.  

É necesario indicar que a mostra analizada non é suficientemente ampla como para considerala representativa dos libros de texto de Educación Primaria de Galicia, pois estes poden variar en grande medida entre editoriais. Non obstante, constitúe o obxectivo desta experiencia realizar unha primeira achega ao material empregado para resaltar os puntos de conflito a logo afondar.

O procedemento de análise levouse a cabo ao longo de cinco fases: 1) reflexión compartida sobre a realidade do medio rural mediada por Amarelante nunha viaxe inicial a Manzaneda como contexto de exemplo; 2) análise indutiva do contido dos libros de texto escollidos en equipos de tres persoas; 3) triangulación dos resultados preliminares entre os grupos de alumnado, co profesorado e con Amarelante, decidindo as categorías de análise que se amosan nos resultados; 4) análise dedutiva do contido a través das categorías definidas na triangulación, de novo en grupos de tres persoas; 5) posta en común da análise dos grupos e integración dos resultados.

Resultados

Os resultados analízanse a través de tres categorías territoriais (rural, urbano e rururbano) e tres temáticas (adxectivación, actividades e problemáticas/solucións).

A adxectivación: 

Polo que respecta ao medio rural, aparece adxectivado de maneira positiva en tanto que lugar tranquilo, verde, saudable, silencioso e con vexetación, así como familiar e íntimo. Dende o punto de vista negativo, aparecen adxectivos como atrasado, pobre, despoboado, incomunicado, analfabeto e precario.

No caso do medio urbano, defínese como grande, moderno, dotado de novas oportunidades (laborais e vitais), servizos e medios de transporte. Faise referencia a construcións resistentes, iluminadas e amplas. Pola contra, atópanse referencias negativas á contaminación, o estrés e as aglomeracións.

A adxectivación do que entendemos por medio rururbano ten que ver co seu tamaño, máis grande que a aldea e máis pequeno ca a cidade. Así, por un lado, fálase da existencia de servizos básicos e a seguridade, limpeza, tranquilidade e silencio, xunto coa existencia de vexetación. Mais no mesmo faise referencia a menores comunicacións e transportes, así como á modificación dos ecosistemas naturais. 

Actividades:  

As actividades relacionadas co medio rural perfílanse en dúas direccións. Por un lado, aquelas relacionadas co sector primario, incluíndo a produción de enerxía (aeroxeradores, madeira…). Por outro lado, coa actividade do turismo rural, tamén amplamente representada. Neste senso, o turismo rural é tamén referenciado no caso das actividades de lecer, que abranguen tamén as actividades deportivas na natureza como o excursionismo e os deportes de montaña. Aparece tamén a importancia da relixión e hai referencia á existencia de centros culturais. Hai tamén referencia explícita ao descanso como forma de lecer.

No medio urbano refírese a notable cantidade e variedade de actividades das que se dispón. No eido económico aparece o comercio e consumo, así como a industria. Tamén ten ampla representación a construción, o traballo de oficina, as industrias culturais e artesanía, xunto ca actividade económica de servizos e o turismo cultural e de negocios, onde se referencian múltiples formas de lecer.

Pola súa parte, no medio rururbano, as actividades económicas das que se fala son os traballos de construción, industriais e de comercio. En relación ao lecer, refírense o turismo e os centros culturais. 

As problemáticas e solucións: 

Cando se fala do medio rural, o despoboamento abrangue un amplo protagonismo, e relaciónase co atraso tecnolóxico, o envellecemento da poboación e a falta de oportunidades laborais e sociais. Apúntase así a existencia de precariedade e pobreza. Reflíctese tamén a escasa comunicación co urbano. Estas dificultades aparecen xeralmente presentadas como una realidade dada e ante a que non se suxiren vías de solución. 

Os problemas do medio urbano relaciónanse coa contaminación, as aglomeracións, a falta de seguridade e axitación social e a baixa calidade de vida, que ten que ver tanto cos elementos anteriores como coa mala alimentación ao atopar produtos procesados e envasados xeralmente en plásticos. Fronte a estas problemáticas faise referencia á mellora progresiva das condicións traballo, a medidas individuais como pasear por xardíns e andar pola natureza, e solucións políticas como as medidas contra a contaminación. 

Os conflitos que se atopan en relación co medio rururbano localízanse de novo na intersección entre o rural e o urbano ao falarse, por unha banda, da contaminación e, por outra, da escasa afluencia de transporte. Con respecto a isto, non se atopan referencias a posibles solucións ou liñas de acción. 

Discusión e perspectiva

Atopamos, tres problemáticas destacables:

Por un lado, hai unha clara identificación do medio rural coa probreza e o fracaso, mentres que se identifica o medio urbano coas oportunidades e o éxito. Nunha mesma tónica, cando se fala de lugar normalizado que habitar, fálase do medio urbano, mentres que o medio rural constitúe un lugar a visitar de vez en cando, e do que obter recursos, xustificando así a súa posición de dominancia. Nótese que se propoñen solucións a problemas urbanos, mentres que non aos do medio rural, podéndose dicir que se “dá por perdido”. Finalmente, identifícase unha falta de referencia ao espazo rururbano, perfilando unha visión errónea de dous mundos moi polarizados, sen un espazo intermedio ou continuo.

O estudantado e a necesidade dun compromiso máis crítico das editoriais, así como dunha reflexión por parte do profesorado na utilización destes materiais. Dita reflexión necesita dunha formación máis próxima ao medio rural, máis contextualizada neste. Na mesma tónica, propoñen tamén a realización de actividades de deconstrución directamente co alumnado.

Referencias bibliográficas

  • Flick, U., von Kardoff, E., & Steinke, I. (Eds.). (2004). A companion to qualitative research. Sage.  
  • Saco Álvarez, A. (2010). Desarrollo rural y despoblación en Galicia: escenarios y desarrollos de futuro. Ager: Revista de estudios sobre despoblación y desarrollo rural= Journal of depopulation and rural development studies, (9), 11-30.  
  • Verdegaia (2010) O Currículo oculto dos libros de texto. Autoedición. Recuperado de https://www.verdegaia.org/wp/wp-content/uploads/2020/07/curriculo-oculto_web.pdf 

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir