A vida nas aulas en pandemia

Texto

O 2020-2021 estará sempre marcado como o primeiro curso académico iniciado e transcorrido coa pandemia da COVID-19, a mesma que pechou as aulas no mes de marzo de 2020.

Tivemos que acomodarnos a diversos e cambiantes protocolos de actuación co obxectivo de transformar a normalidade coñecida por outra con máis distancia, menos movementos, máscaras, grupos burbulla e interminables procedementos a ter en conta no caso de sintomatoloxía COVID, gromos, contactos estreitos… coa meta final de conseguir que o alumnado tivese garantida a súa presenza nas aulas sen que se vise afectada a saúde comunitaria. E por isto, as e os profesionais da educación vímonos obrigados a poñer o foco en observar, con certas inseguridades e medos, o transcorrer da vida nas aulas neste marco.

A Revista Galega de Educación (RGE) non podía quedar allea a este feito histórico e tivo claro que o día a día nas aulas do curso 20-21 debía ser recollido dalgún xeito explícito nun dos seus números. Así, este monográfico busca acoller reflexións e experiencias sobre todas as necesidades e realidades emerxidas dende a aparición da crise sanitaria no ámbito educativo. E faino dende unha perspectiva comunitaria, pois o desenvolvemento e aprendizaxe do alumnado é unha armazón de sistemas interrelacionados entre si que deben camiñar en conxunción.

O número integra artigos relacionados coas consecuencias que a pandemia tivo no benestar emocional do alumnado, tanto nos centros educativos como naquelas institucións que acollen a rapazada en risco de exclusión social. E inclúense experiencias de resiliencia ante a paralización das aulas no ensino superior, convertidas nun bo exemplo de aprendizaxe en equipo.

Faise tamén unha atenta reflexión sobre as limitacións e as novas oportunidades que viñeron supoñendo para a práctica docente cada unha das novas normalidades educativas que trouxo consigo a COVID-19.

Non podían faltar experiencias relacionadas coa revolución que supuxo para as escolas a paralización das aulas físicas e o seu traslado ao espazo dixital. Dende logo, un paso de xigante en poucos meses no marco da transformación dixital da sociedade.

O monográfico achega unha magnífica experiencia familiar durante o confinamento, e con ela facemos un recoñecemento a todas as familias que pasaron a ser un piar necesario para garantir o vínculo educativo coas aulas. O noso recoñecemento especial a Xiana Rodríguez que, xunto coa súa familia, deixou voar a súa imaxinación para continuar aprendendo.

Incorpóranse dous textos ligados ao impulso de Aulas Galegas, como exemplos de traballo colectivo, de creatividade e de esforzos compartidos. É tamén ocasión este monográfico para achegarse ás Ensinanzas de Réxime Especial, a través dun artigo referido á ensinanza de idiomas e outro relacionado coas ensinanzas de música.

O monográfico remata coa experiencia dunha biblioteca escolar que pasou do físico ao virtual e seguiu sendo o motor da vida do centro, e cun exemplo práctico e real das prioridades que a pandemia trouxo ás escolas: aulas cheas de vida.

Agradecemos a todas as persoas que colaboraron coas súas achegas tanto na realización deste monográfico como no conxunto dos textos deste número da RGE. Dun xeito moi especial, queremos facer un recoñecemento a todos os profesionais da educación que neste tempo fixeron posible a presencialidade nas aulas: persoal de limpeza, conserxes, docentes, equipos directivos, familias e alumnado… ou tamén responsables das distintas administracións concernidas cando as súas decisións e actuacións foron emprendidas desde a responsabilidade social.

As cativas e os cativos, coa súa comprensión da situación excepcional, fixeron posible que os centros educativos recobrasen a vida e, a pesar de todo, seguisen sendo espazos de aprendizaxe, de convivencia e de agarimo.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir