A rede de centros que nunca existiu

Resumo

A rede de centros educativos de ensinanzas de música en Galicia foise configurando progresivamente non sempre atendendo a criterios de carácter técnico. Actualmente está integrada por 187 centros, entre públicos e privados, que configuran un nutrido mapa estendido maioritariamente entre as provincias da Coruña e de Pontevedra.

La red de centros educativos de enseñanzas de música en Galicia se fue configurando progresivamente no siempre atendiendo a criterios de carácter técnico. Actualmente está integrada por 187 centros, entre públicos y privados, que configuran un nutrido mapa situado mayoritariamente entre las provincias de Coruña y de Pontevedra.

The network of educational centers for music teaching in Galicia was progressively configured, not always according to technical criteria. It is currently made up of 187 centers, between public and private, which make up a large map located mainly between the provinces of Coruña and Pontevedra.

Palabras Clave

Texto

Por rede de centros educativos entendemos unha estrutura organizativa de centros públicos e privados que atende as necesidades derivadas da aplicación da ordenación do sistema educativo. A rede de centros require dunha planificación previa na que se analizan unha serie de parámetros técnicos, dende a densidade de poboación ata elementos de conveniencia xeográfica. Pola súa importancia, a elaboración da rede de centros é unha competencia exclusiva da Administración educativa, e do acerto no deseño da mesma vai depender, entre outros factores, o bo uso dos recursos públicos coa consecuente mellora na calidade da educación. Con todo, o grande risco que comporta para a Administración o deseño desa rede é o de atender outros intereses que non sexan os estritamente educativos, decidindo máis por criterios políticos que por criterios técnicos. En todo caso, ese documento deberá ser flexible, adecuándose en cada momento ás esixencias derivadas dos cambios normativos e mesmo sociais.

Así como no caso das ensinanzas de réxime xeral existiu en Galicia unha rede de centros previa, ben deseñada e que se actualiza frecuentemente a fin de ir adecuándoa á realidade circundante, no caso das ensinanzas de réxime especial, e nomeadamente nas de música, non existiu esa planificación, configurándose o actual mapa de centros conforme a distintas razóns de oportunidade. Fundamentalmente, a partir das esixencias derivadas da LOXSE, ao longo dos vinte anos de implantación das ensinanzas de música desa ordenación foi desenvolvéndose o mapa ata chegar ao que hoxe coñecemos.

Cómpre recordar que no Real Decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, non figuraba nin un só conservatorio público, polo que houbo que esperar ata 1989, cando a Xunta de Galicia asumiu a titularidade dos conservatorios superiores da Coruña e de Vigo, centros ata ese momento non estatais, quedando fóra desa asunción as chamadas “filiais” (especie de aulas externas) que a partir desa data pasarían a ser dependentes dos concellos respectivos.

Nacían así a maioría dos actuais conservatorios de titularidade municipal. Ao tempo, incrementábase a oferta de centros privados autorizados, cuxo grao de cumprimento dos requisitos mínimos foi, en xeral, desigual entre uns e outros. E xurdían tamén con moita forza as escolas municipais de música, cunha pegada espectacular en todo o Estado. Finalmente, en virtude do mandato da LOXSE, houbo que segregar o grao superior para facelo independente do profesional. Así en 2003, unha decisión política contraria aos ditames técnicos e cun criterio claramente clientelar, levou á creación en Galicia de dous conservatorios superiores.

30 anos despois, a rede de centros educativos de ensinanzas de música en Galicia está integrada por 187 centros, un nutrido mapa entre públicos e privados radicados na súa meirande parte nas provincias da Coruña e de Pontevedra:

  • 2 conservatorios superiores de titularidade da Xunta de Galicia
  • 7 conservatorios elementais e profesionais de titularidade da Xunta de Galicia
  • 22 conservatorios profesionais de titularidade municipal
  • 5 conservatorios elementais de titularidade municipal
  • 79 escolas de música de titularidade municipal
  • 49 escolas de música privadas
  • 23 centros autorizados privados

Ese mapa, que naceu de conxunturas e intereses pero nunca dunha planificación previa, debería ser revisado e actualizado, ata convertelo nunha verdadeira rede de centros, sen medo ás decisións que do devandito estudo se derivasen e nas que unicamente deberían valorarse xuízos técnicos e nunca políticos. Naturalmente, unha proposta de mellora que se faga non pode pasar só pola fácil solución de incrementar o número de centros. Hai que optimizar os recursos públicos existentes de acordo a unha redestribución dos mesmos, só con criterios pedagóxicos e sempre atendendo a demanda existente. Galicia soporta unha dispersión poboacional moi alta, un factor que a caracteriza e a singulariza dentro do Estado. Este feito representa un sobrecusto para as arcas públicas, e a particularidade de que Galicia teña a metade de todos os núcleos de poboación de España fai que a prestación dos servizos públicos necesite dunha maior necesidade de gasto que en ningún outro territorio. Nese contexto xeográfico, velaí a coexistencia no mapa dos conservatorios profesionais da Xunta e dos conservatorios municipais, ademais da importante presenza de escolas de música, diseminadas por toda a orografía galega. Un panorama de 113 centros públicos que suxire distintas opcións, encamiñadas a elaborar unha rede real logo de suficiente reflexión e da participación no debate de todos os sectores implicados. En todo caso, o que resulta evidente é que debe haber unha corresponsabilidade das tres administración implicadas (Xunta, Deputacións e Concellos), nunha repartición que garanta tanto a estabilidade dos centros, como que dea resposta á actual demanda existente.

Outra situación particular, respecto doutras comunidades autónomas, é a da existencia de dous conservatorios superiores en Galicia. E hai que dicir que abordar calquera modificación no mapa de centros dentro deste nivel superior, polo impacto social que leva consigo tendo en conta que estamos a falar das dúas cidades máis grandes de Galicia, resulta problemático de cara a atopar unha solución que contente tantos intereses. Máis aínda se se ten en conta que no devandito mapa habería que incluír a Escola de Altos Estudos Musicais, centro sostido con fondos públicos pero que imparte ensino non regrado (mesmo un mestrado non oficial), e con profesorado altamente cualificado. Harmonizar adecuadamente o papel de cada un destes tres centros cara a un horizonte común, sería a única maneira de entender unha pluralidade na oferta educativa do grao superior. Pluralidade que, en opinión de moitos, nunca debeu de existir.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir